Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

MÁIS QUE FARTOS. Pancho Campos Dorado


Imaxe collida de https://gl.wikipedia.org/wiki/Reino_de_Galicia, licenza Creative Commons recoñecemento compartir igual 3.0

 

 MÁIS QUE FARTOS

Pancho Campos Dorado

Fartos, máis que fartos, fastíos estamos en Ribadeo e na Galiza de soportar artigos de excitada arenga, espaventados e de patrioteros asturianos que vemos publicados no panfleto idioloxizante asturiano (LNE 29-05-22) como o da señora Ana M. Serrano, que non entende como a denominación xenuína e histórica da práctica marítima da Ría de Ribadeo, non se pode equiparar a un vulgarismo local que algúns asturianos empregan en termos do río Eo.


E non, non é igual unha postura que a outra, unha é unha identidade toponímica histórica e a outra un vulgarismo fluvial espurio á práctica marítima. Si, vulgarismo, que catro patrioteros tratan de impoñer a toda costa aos que tratamos de facer unha historia Galaica Astúrica conxunta, recoñecida incluso pola opinión dos estudosos asturianos cultos, como queda reflectida na portada da Revista Asturgalaica de Cultura, Campo del Tablado Nº1, Castropol 2004, que na ilustración da tapa aparece un mapa de Pedro Teixeira da “Ría de Ribadeo”, que foi publicado grazas á cortesía da Österreichische Nationalbibliothek de Viena. Ou sexa os asturianos cultos desmárcanse de tanto patrioterismo teimudo e tóxico, propio de espaventados que incluso chegan a actos vandálicos propios de hoolligans.


Mención dese citado mapa, feito entre os anos 1622-1630, e de outros centos máis mostrando a denominación histórica da Ría de Ribadeo, incluída parte da biografía deste cartógrafo portugués don Pedro de Teixeira Albérnaz, fíxoa don Evaristo Lombardero no informe elevado o IGN en nome da “Plataforma pola defensa da Ría de Ribadeo” (24 de Octubre de 2021, p.4 de 22).


Pero todo isto non lle importa os patrioteros. Incluso ó alcalde de Vegadeo (a histórica Veiga de Ribadeo) permítese o luxo, segundo expresa o artigo de dona Ana, de dicir por qué non pode chamarse Ría de Castropol. Naturalmente, vostedes poden chamarlle como lles veña en gana, pero non se pode elevar unha arbitrariedade localista e historicamente falsa, a un rango oficial ou cooficial. Esas cousas poderá facelas alguén para a propia parroquia na barra dun bar, pero non son exportables para engadir nos libros de texto, e neste caso, na cartografía marítima. Supoño que os alcaldes de Vegadeo e de Castropol poden poñer o que lles pete nos seus panfletos de Feiras e Mercados, ou en pasquíns de Busca e Captura, incluso inducir ou subvencionar esa mala práctica en asociacións xuvenís ou do Imserso, deportivas ou de calquera elenco que lles dean votos, para iso son políticos a soldo. Poden tomar (mal) exemplo de como se gastan os fondos públicos nas normas Tonicantonianas empregadas pola señora Ayuso.


Gustaríame saber que pensaría o Almirantazgo Británico de tal discusión, para mandarlle a opinión ao señor Lorenzo García Asensio, director xeneral do IGN (Instituto Geográfico Nacional), así como aos parlamentarios do Principado, comandados pola señora Mallada, cuxo apelido galaico provén do participio pasivo do verbo galego “mallar” (acepción 8: insistir en algo de forma teimuda). Como é posible que uns señores queiran cambiar as denominacións mariñeiras das cartas de navegación, cando a grandeza da Gran Bretaña e das Españas, sempre estivo relacionada coa lexislación e normativa da Administración Marítima debido ó poder das súas respectivas Armadas no mar?


Pero a indignación que parece ter a señora Serrano, está multiplicada á enésima potencia en todo o Reino da Galiza, que desde fai séculos nos levan arrebatando a nosa historia. Pode dicirme a señora Serrano en que documento atopa a denominación de Reino de Asturias antes do século XVIII-XIX-XX? En ningún. Sabe ate que ano se denominou Antigo Reino da Galiza á continuación da Gallaecia? Ate a reforma do ano 1833. Pero isto, á tropa españolista non lle interesa sabelo. A Universidade de A Coruña parece empezar a entendelo.


A denominación da Ría de Ribadeo, é a gota que reborda o vaso da ignominia a que se ven sometendo a Galiza. “Historiadores” como Sánchez-Albornoz, cuxo apelido composto, cristián -musulmán, significa “fillo de Sancho con capucha”, e considerado un medievalista “insigne”, tanto que tivo a ousadía de enfrontarse a Castelao cando escribiu “Sempre en Galiza”, tratándoo de galeguista, pois ía en contra dos seus “estudos históricos” sobre a España por el concibida. Outro tan “ilustre” como o anterior foi Menéndez Pidal, entre outros. Vaia cuadrilla de comisionistas, diríamos hoxe.


Esta historia ficción española inventárona no século XIX, unha vez perdidas as colonias alén do mar (Cuba 1898, Filipinas 1899) e crearon unha Historia de España falsa, baseada en mitos inventados. Nunca existiu a batalla de Clavijo, nin a de Covadonga, nunca houbo unha Reconquista no norte da península, pois nunca foi conquistada polos árabes, aínda que houbera razzias esporádicas ou porque os árabes foron chamados como mercenarios para batallas particulares entre señores, tal e como ocorreu con Mauregato, que tivo logo que pagarlle o califa de Córdoba o Tributo das Cen Doncelas.


Nunca houbo rigorosidade histórica nos relatos, había que crear mitos para darlle un carácter heroico a personaxes que moitas das veces eran simples crápulas. Non hai historia cinguida a feitos correctamente documentados, todo está falseado e inventado, palabrería, estes “historiadores” non se refiren a documentos que se poidan contrastar, e en algúns casos traducen documentos ou os falsifican como lles ven en gana. Hai decenas de documentos supostamente históricos que non son capaces de soportar un exame paleográfico superficial.


Tal e como xeneraliza a señora Ana, cando se refire a contra-denominación da Ría de Ribadeo que teñen informes “feitos por especialistas” que acreditan a denominación Ría do Eo… Qué especialistas?? En qué son especialistas, en tirar esterco nas terras de patacas? Ou fala vostede de chiringuitos “ad hoc” creados polo Principado?


A historia medieval española, está tan viciada que da noxo. Foi feita tan a lixeira, ate fai uns poucos anos, que é como querer elevar a Madrid a categoría de Reino de Madrid, porque alí residen os reis, están as cortes e moitos reis e raíñas están enterrados no Escorial. Quizais deberíamos darlle ideas a señora Ayuso por aquelo da afinidade de que Madrid “es España”, é o demais terra conquistada??


Os galeguistas teremos que seguir na loita ante tanta falcatruada, e a Ría de Ribadeo converteuse desde a década dos oitenta en algo máis que un termo toponímico. É ese punto reivindicativo que ten que impedir que siga ese avance desmesurado da desgaleguización territorial e lingüística, para que non nos sigan pisando. O Marquesado da Ría de Ribadeo con Grandeza de España, título concedido pola Casa Real a don Leopoldo Calvo-Sotelo e Bustelo (BOE 151, Martes 25 xuño 2002) foi ese espaldarazo de nobreza ás xustas exixencias galegas, como así o quixo deixar patente don Leopoldo o pedirlle ó rei dito título, o cal pode tamén interpretarse como ese principio do fío de Ariadna capaz de guiarnos por este labirinto de malas intencións patrioteras.


Érguete Galiza!!


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *