Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Vai de economía


    Polo que parece, remata de publicarse o último informe ARDÁN, realizado pola Zona Franca de Vigo. Quizáis é o informe máis completo sobre o tecido económico galego entre os que se difunden. É longo e con múltiples apartados. Para botarlle unha ollada, fun á páxina web da zona Franca e collín algúns dos últimos datos que afectan á Mariña (informe de 2021, con datos en boa parte de 2019) dos que alí están en aberto, e tamén collín algún dato da portada da Mariña da Voz de Galicia para empresas concretas de Ribadeo. Aí vai, de xeito correspondente co que fixen outros anos:

    A lembrar que as empresas que tributan en Madrid (Alcoa España), para moitas cousas non contan, o mesmo que non contan para o pago de determinados impostos en Galicia, o que distorsiona algúns datos. Aínda así, coido que paga a pena.

    A primeira táboa que deixo ordea as comarcas galegas polo peso do seu Valor Engadido xerado en Bruto, destacando o peso da comarca coruñesa, con máis da metade do VEB de Galicia (61,31 %), con só o 15 % da poboación pero o 31 % do emprego. A Mariña, en conxunto (a sumas das tres comarcas ficticias) xera o 0,91 % do VEB, para unha poboación que é o 2,62 % da galega e 1,77 % do emprego. Naturalmente, esas diferentes proporcións nótanse nos ingresos medios da poboación, abondo maior na comarca coruñesa. Comparando, e coa salvedade expresada das empresas que tributan enMadrid, na comarca da Coruña o valor engadido por traballador sería case catro veces o da Mariña, o que remata implicando ingresos e riqueza económica tamén superiores. E a relación de número de empregos/número de habitantes da Coruña é tres veces a que corresponde á Mariña, o que fai comprender a dirección dos movementos de poboación.

    Dentro da Mariña, as porcentaxes VEB – poboación – emprego son:

Mariña     % VEB     %     poboación     %     emprego
Occidental 0,40 0,95 0,78
Central 0,38 1,07 0,66
Oriental 0,13 0,60 0,33

    É dicir, dentro da Mariña, a comarca oriental, na que está incluída Ribadeo, ten uns indicadores económicos, medidos cos patrós actuais habituais, peores que os das outras dúas comarcas, tanto en rendemento de valor engadido por traballador como en número de empregos fronte ó número de habitantes (e, de xeito consecuente, en rendemento por habitante). Non obstante, iso está a cambiar de xeito recente. Aínda que A Mariña ten aumentos de valor engadido menores que a media de Galicia, dentro da Mariña hai diferenzas grandes nesa variación, sendo abondo maior o incremento na Mariña Oriental que na Central ou Ocidental, como amosa a seguinte táboa.

    En canto ás empresas máis destacadas (grandes en concepto de vendas), entre as 75 primeiras mariñáns, de Ribadeo só hai catro (a terceira parte das que lle correspondería por poboación, de xeito correspondente cos peores indicadores da Mariña Oriental en relación á Central e Occidental, como foi mencionado antes):

– Posto 8: Fertieuropa, 11 949 503 € de facturación. Como referencia, no 2009 figuraba no informe ARDÁN con 16 millóns de € (e 1 empregado), e tamén era a primeira ribadense.

– 42: Lido Marine, 4 210 302 €, non aparecía no 2009 é pertencente a un grupo multinacional.

– 53: Gasóleos Abelleira, 3 748 138 €, figuraba con 3 millóns de € e 4 empregados.

– 63: Discosta Norte, 3 297 053 €, figuraba con 3 millóns de euros e 21 empregados.

    As tres primeiras por facturación da lista de 75, ABSA de Burela, Pescados Rubén, de Foz, e Lonxa de Celeiro, as tres adicadas ó sector pesqueiro, facturan cifras semellantes, e en conxunto 150 millóns de €, a distancia da cuarta, que pasa a ter a metade de facturación, Acciona Eólica, en O Valadouro. Ningunha delas está na Mariña Oriental, e cada unha das tres factura entre catro e cinco veces o que a primeira ribadense. Por outra banda, que sone ou non o nome dunha empresa nesa lista non é unha referencia: con 4 100 638 € de facturación, Porcelanas de Sargadelos está na posición 49. Sen contar con que haxa entramados societarios que aglutinen ou polo contrario, desagreguen facturación.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *