Onte, día das letras galega, no marco de Letras no campo, a feira do libro de Ribadeo desta primavera, foi presentado o libro de Fernando Villapol Parapar ‘Ciencia e conciencia. Historia social’. Poño o segundo apelido a pesar de que o coñecido artista non o necesitaría a causa da mención do presentador, Francisco José Campos Dorado, do extremo da importancia dos segundos apelidos.
A mesa de presentación estivo constituída, a máis dos xa citados, por Xosé Brais, en representación da Deputación Provincial, editora do traballo xenealóxico. Deixo o audio en podcast e algunhas imaxes. A primeira delas, a portada do libro, coa escultura representando unha neurona, en relación non só co título do libro, senón co traballo da filla do autor, Sonia Villapol, nomeada neurocientífica. A segunda, un momento da presentación na antiga oficina de turismo de Ribadeo. A terceira, o autor dando un paseo por Ribadeo.
En relación ó podcast, dicir que primeiro falou X. Brais como representante da Deputación de Lugo, pasando logo a Pancho Campos, que fixo de mestre de cerimonia expoñendo diversas características do escudo dos Villapol, entre outras cousas. En baixo queda o texto que usou como esquema e a imaxe do escudo que usou. Por último, o autor desgranou, nunha intervención curta, diferentes aspectos do libro e anécdotas relacionadas, como a que lle podería acarrear un alcume longo, no formato dos nomes dos autóctonos norteamericanos, o de ‘escultor que escribe versos en mármore’.
Portada do libro, cunha escultura representando unha neurona. |
Momento da presentación |
O autor, en Ribadeo |