Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Sentencia sobre o acceso á illa Pancha


    Deixo aquí a nota de prensa do concello de Ribadeo sobre a sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) en relación ó acceso libre á illa Pancha, e a denegación da apelación de Eirobra. Non me estendo máis agora mesmo sobre unha nota que atopo coxa, a máis de por falta de apoio en dereitos comúns, entre outras cousas por evitar mencionar a iniciativa da xente do pobo, Por Nuestro Faro, que leva exercendo una protesta anterior e máis ampla que a que se ve no concello, Unha nota que hoxe foi reproducida pola prensa sen case variación e sen facer notar ese feito.

CABE PRESENTAR RECURSO DE CASACIÓN NO SUPREMO


Sentencia do TSXG


13/04/2022

A Sección Segunda da Sala do Contencioso
Administrativo do TSXG ven de desestimar o recurso de apelación
presentado pola empresa Eirobra A Mariña SL, concesionaria do Faro da
Illa Pancha, presentado contra o Concello de Ribadeo no tocante á
apertura ao uso público da porta de acceso ao dominio público portuario
da Illa Pancha. O TSXG imponlle tamén ás costas á parte recorrente.

Na sentencia de 15 páxinas recóllese que “o que se está a esixir
polo Concello, no mesmo senso que pola Axencia Galega de Turismo, é que o
acceso ao establecemento sexa público, dado que conforme aos artigos 6 e
7 do Decreto 12/2017, así como a lei 11/2007 de Turismo de Galicia, que
regulan estes establecementos, os apartamentos son establecementos
abertos ao público, o mesmo atópase no centro da illa, e o acceso ha de
ser libre nas condicións establecidas polas leis, polo que o acceso
libre e público ata a porta do establecemento ha de existir. De forma
que se esixe a calquera outra actividade, que nese caso concreto é de
hotel e cafetería”.

E engade que “nos atopamos así ante unha
actividade cuxo exercicio controla o Concello por ser da súa
competencia… e por elo non se pode considerar vulnerado o principio de
confianza lexítima”.O TSXG considera tamén que “non se aprecia a
existencia de desviación de poder”. E remata indicando que “a aplicación
da xurisprudencia precedente ao caso examinada non permite constatar
que se incorra coa resolución recorrida en dita vulneración, ademais de
que realmente o fin que se pretende é permitir o acceso público á illa,
que ha de considerarse conforme a dereito, polo que o recurso de
apelación ha de ser desestimado”.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *