Hai tempo, antes da creación do estado de Israel, os xudeus celebraban a súa festa principal rematado cunhas verbas que viñan a significar máis ou menos, ‘o próximo ano, en Xerusalén‘, referíndose ás ansias de retorno a unha terra que consideraban a súa ancestral por dereito propio.
Non me vou meter nos dereitos dos xudeus ou en como deviu o actual estado de Israel en expropiador de terras palestinas e discriminador das súas xentes. Sinxelamente o dito do final do Yom Kippur (‘Día do perdón’) víuseme á cabeza días atrás co comentario que me fixo unha das usuarias asiduas sobre como estaba a situación na praia do Cargadoiro. En resume, e coa aportación non só da usuaria, senón tamén da prensa (e a través dela, das autoridades), a situación sería a seguinte:
O acceso á praia do Cargadoiro deteriórase ó ir socavando o mar pola beira e por baixo das escaleiras de acceso, ata o punto de que caeu parte da baixada e é un perigo o tentar chegar, de xeito que se impide a entrada á praia antes de chegar ás escaleiras. Despois dun tempo prudencial, os principais afectados, usuarios asiduos, falan co alcalde para solucionar o amaño. Boas palabras, pero conflito de xurisdicións. Costas e concello teñen atribucións en parte, e unha institución di que o ten que amañar a outra, que estaría na parte das súas atribucións.
O tempo pasou, e levou o verán, pero non trouxo o amaño. E así está a cousa, unha pedra máis botada nunha ría que vai acusando todas as pedriñas e pedróns de todo tipo que lle van tirando, dende os Bloques á illa Pancha, pasando pola ampliación de Gondán ou o recheo dos noventa ‘para terreo industrial’.
Unha vez pasada a época turística, xa queda só a xente de Ribadeo, e así parece que o problema non é tanto problema. Xa non afecta de xeito directo á economía, que se pode medir en cartos, aínda que poda afectar ó benestar dun grupo, que non se sabe ben como se pode medir.
Mentres, a baixada á praia do Cargadoiro corre perigo de chegar a ser un deses temas que se enquistan, ó que nos poderiamos referir ó modo de como en tempos o facían os xudeus ano tras ano en relación á Xerusalén: O próximo verán, no Cargadoiro.