Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Mostra de teatro afeccionado Daniel Cortezón en Ribadeo, edición 2021


 Reproduzo a nota de prensa do concello:

PARTICIPAN 2 COMPAÑÍAS DA MARIÑA E 1 DE CORCUBIÓN

Mostra de Teatro Afeccionado


01/10/2021

A Concellaría de Cultura ven de presentar a
XVIII edición da Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón, que se
celebrará desde hoxe e ata o domingo, 3 de outubro, no Auditorio Municipal. As representacións darán comezo ás 20:30 horas e o prezo da
entrada será de 3 euros.

A concelleira de Cultura, Pilar Otero, dixo: “presentamos hoxe a
XVIII edición da Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón e
agradecemos a Mati, compañeira de vida do autor do que colle o nome, que
nos acompañe. Aínda que polo ano adiante o teatro amador forma parte da
programación, queremos seguir mantendo esta cita do outono como xeito
de garantir a presenza dunhas propostas que son importantes desde o
punto de vista artístico mais tamén social, todos sabemos de todo o
dinamismo que crean arredor de si os grupos de teatro afeccionado”.

A
edil ribadense explicou que “desta vez temos dúas compañías da Mariña e
unha de Corcubión e o escenario ao que se subirán vai ser o Auditorio
Municipal, queremos subliñar isto porque case a totalidade das outras
edicións foron no antigo cine mais esta vez van ser no Auditorio
Municipal. As funcións serán esta fin de semana, ás oito e media e o
prezo da entrada é de 3 euros”.

Pilar Otero contou que “comezamos
hoxe, venres, co grupo de Vilaronte (Foz), Axóuxeres, é unha función de
hora e media de duración. Representan a obra Cousas de Mulleres
que conta a historia de tres persoas cos seus problemas loitando contra
o mundo e ata consigo mesmas, ás que o destino une por unha casualidade
e que sen pretendelo acaban converténdose en grandes amigas. Esta obra
busca elevar os ánimos con humor xa que a unión fai a forza e non hai
problema que non teña solución”.

A concelleira de Cultura seguiu a relatar que “o sábado O Torques de Burela recrea as peripecias dun vagabundo O Randiña,
no seu afán de evitar que se lle arrebate o único lugar que considera o
seu fogar, un banco de praza. Este singular personaxe fará fronte á
indiferenza, ao abuso e á marxinación tendo como única arma o seu enxeño
e astucia, logrando sortear cada situación que se lle presente para
saír ben librado. Esta obra convídanos a facer unha análise da nosa vida
e do noso papel na sociedade desde unha perspectiva diferente, e dura
uns sesenta minutos”.

Otero Cabarcos engadiu: “rematará a mostra o domingo co grupo Farándula Velutina de Corcubión que representa A derradeira bala.
Esta obra está dirixida polo seu autor, Fernando Castro Paredes,
natural de Tapia, levou o premio do I Certame de Textos Teatrais Roberto
Vidal Bolaño 2018 e foi publicada pola editorial Galaxia. A obra conta
como Luciano é descuberto intentando desertar da guerra e, despois de
ser xulgado polos seus superiores, é condenado a morte. A mañá seguinte
será fusilado coa última bala que garda o pelotón mais o amor pola
música de Luciano e as súas ansias de liberdade farán que a cousa se
complique un chisco polo camiño. Botando man da traxicomedia, o autor
tece esta obra cuns diálogos áxiles marcados pola retranca e ironía.
Esta obra pon de relevo o absurdo da guerra a través do propio absurdo e
axúdanos a ver como as veces nos agarramos a ideas sen sentido. Unha
obra conmovedora que nos enfronta a emprender un novo camiño e que de
seguro non nos deixará impasibles”.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *