A Lúa. Imaxe de |
Os ultraliberais dos EEUU lográrono: a Lúa está en venda
Non é un conto: nos EEUU comezouse a vender a Lúa.
Ar, auga, mar, ceo… elementos básicos da nosa vida, mesmo absolutamente necesarios, foron considerados dende sempre patrimonio común. Foron, en pasado. Hai tempo xa que saltou á prensa a nova de que alguén se adicara a embotellar ar ‘puro’ e a vendelo para o seu desfrute. Entendo que aquelo, unha vez pasado o furor da curiosidade inicial, esqueceuse, pero a semente está lanzada.
Outra cousa ben diferente é a auga, que nos venden embotellada dende hai tempo, competindo coa auga ‘libre’ da traída. A guerra entre comercialización e comunidade do prezado líquido non rematou nin moito menos; mentres que moitas cidades están retomando o control da distribución da auga nos seus núcleos urbanos, noutros lugares multinacionais cunha rama da empresa adicada a comercializar auga están secando acuíferos e privando a poboacións enteiras do prezado líquido, nunha auténtica guerra da auga que nos EEUU leva tempo producíndose. Por exemplo, hai moito tempo (1941) que a californiana cidade de Los Ángeles ‘mercou’ e desviou parte das aguas que chegaban a un lago, o lago Mono, situado a máis de 500 km de distancia, para o seu abastecemento, e o levou case á súa desaparición, impedindo de xeito parcial o aproveitamento das augas polos moradores da zona.
Que dicir do mar, onde hai países que teñen privatizado o litoral (e outros que, aínda téndoo protexido, fan caso omiso de determinadas leis – véxase a ribadense illa Pancha -), ou conceden permisos para instalacións acuáticas diversas que perturban dende a pesca (acabamos de ver o caso dos eólicos nas nosas costas) á calidade das augas – e neste caso, os exemplos poden saír polas orellas -. Iso, sen lembrar a ampliación dos ‘territorios mariños de soberanía’ de 6 a 12, a … e a 200 millas mariñas, ampliación realizada para poder conceder dereitos sobre esas augas e leitos mariños a compañías privadas.
O do ceo pareceu sempre máis complicado para comercializar, pero dende as querelas iniciadas nos EEUU nos primeiros tempos da aviación por propietarios de terras por riba das que pasaban vós, ten habido diversas tentativas. A última, a que dá orixe a estas verbas, véxoa en Xataka co titular ‘La fiebre del regolito: la NASA inicia la era de la minería lunar con un simbólico cheque de 10 centavos‘. Hai tecnoloxía para traer minerais dos asteroides ou da Lúa camiño da Terra, e estase a tentar. Pero neste caso é unha tecnoloxía con empresa privada detrás, e unha simbólica achega da NASA á empresa ven ser como a certificación do recoñecemento das institucións públicas dos dereitos privados sobre o máis aló. Algo que sería para esbozar un sorriso se a NASA, na súa misión Apollo 11 (1969) non tivera posta unha bandeira dos EEUU sobre o noso satélite, aínda que os rusos enviaran artefactos xa anos antes (dende 1959) de que aló chegara o primeiro aparello norteamericano, o Ranger 4.
Hai tamén anos que espabilados mercadores teñen vendido o nomes de, ou estrelas enteiras, naturalmente sen ter ningún título de propiedade previo. E iso sería algo máis a mirar como exemplos de caraduras se non fose por ser un negocio máis que ao menos por un tempo prosperou – fun agasallado co nome dunha estrela, aínda anda por aí o título -, ser totalmente fraudulento e quedar impune. Esa é a desgraza do común: a súa defensa está encomendada ás institucións que moitas veces o ‘venden’ pasando a ser privado ou usado de xeito privado sen moralmente poder facelo – e normalmente, tampouco de xeito legal -. De novo, non fai falta chegar á Lúa para ter numerosos exemplos: na nosa terra, o asolagamento dos encoros e logo o seu baleirado de conveniencia mistúranse coas concesións estilo illa Pancha ou a cesión de solo veciñal para instalacións hostaleiras. En tódolos casos se procuran ‘razóns’…