Escrito ó concello sobre actividade non reseñada na Illa Pancha
Como temos informado, os ribadenses tiveron constancia da apertura dunha cafetería con terraza entarimada na Illa Pancha pola presencia dalgunhas fotos nas redes sociais e rumoroloxía variada. O negocio puxose en marcha dun día para outro sen ningún tipo de publicidade previa -algo ó que non nos ten afeitos en absoluto o programa «Faros de España»-, e en ausencia total de aclaracións/información por parte do Concello de Ribadeo. En base a isto, e no marco do inicio dunha nova actividade con modificacións importantes no terreno da illa, témonos dirixido ó Concello de Ribadeo para pedirlle información sobre dita actividade, con horarios privados asimilados automáticamente a unha apertura restrinxida da illa, un ben público. Os puntos sobre os que se ten pedida información son, textualmente, os seguintes:
«1º. Se a nova cafetería e terrazas posta en marcha na Illa Pancha conta ca pertinente licenza de actividade.
2º. Se na devandita licenza están especificadas as condicións de acceso libre para os veciños de Ribadeo e visitantes.
3º. Se o Concello de Ribadeo ten coñecemento do horario anunciado en redes sociais e este horario foi autorizado.
4º. Se as condicións de acceso concordan co previsto na Lei de Costas con respecto ao uso público da zona de transito de seis metros da beira do mar, sen que a devandita lei e o Regulamento que a desenvolve sinalen ningunha limitación horaria na devandita franxa de seis metros.
5º. Se as obras realizadas, escaleiras, varandas, terrazas, etc. se axustan ao proxecto presentado pola empresa concesionaria.
6º. Se a nova actividade non engade novos riscos de afección ambiental ao proxecto anterior que confirman os seis informes do Defensor del Pueblo emitidos entre o 16 de febreiro de 2017 e o 10 de outubro de 2018, nos que se facía fincapé na obrigatoriedade de avaliar, non so as obras interiores do edificio do faro, como argumentaba a Autoridade Portuaria, senón toda as actividades posteriores, incluíndo a presencia humana, os automóbiles, a eliminación de residuais, os animais de compañía, etc.
7º. Se hai unha solución satisfactoria ao problema do verquido de residuais, agora notablemente incrementados, tendo en conta que o proxecto de nova fosa séptica, sometido a exposición pública en agosto de 2018 segue sen resolución a día de hoxe, segundo informes de Augas de Galicia.
8º. Se as alteracións da paisaxe provocadas pola nova actividade foron avaliadas e autorizadas por Paisaxes de Galicia de acordo ca lexislación vixente.»
Un correo semellante foi sido enviado á entidade Puerto de Ferrol-San Cibrao, omitindo os puntos que teñen que ver directamente co Concello de Ribadeo. De seguido procederemos a contactar con Costas, Paisaxes de Galicia e o Defensor del Pueblo para obter información sobre os cambios operados na illa -que van moito máis aló dunha inofensiva man de pintura na fachada do antigo faro-, e sobre a decisión de orixe descoñecido que delimita horarios e periodos de apertura de Illa Pancha.
Asociación «Por Nuestro Faro»