Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

PORCILLÁN NAS GUERRAS CÁNTABRAS. Pancho Campos Dorado


PORCILLÁN NAS GUERRAS CÁNTABRAS

    Pancho Campos Dorado

   Xorden moitas preguntas cando un estudia as Guerras Cántabras, e non se nomea por ningures ao moi antigo porto de Porcillán, sendo un dos mellores portos do Cantábrico como en moitas ocasións expuxemos falando do porto de Ribadeo. Tratarei de explicar o que sabemos, que por certo non é moito, pero suficiente, como para facer unha hipóteses que dentro das incertezas, ao menos entra en contacto coa realidade histórica coñecida.

    En 6160 a.C. chega Xulio César á Bética para gobernar, como propretor, a Hispania Ulterior na fase de sometemento da Península Ibérica ao imperio romano (cronistas: Dión Casio e Plutarco). Defende aos provinciais lusitanos (galego-portugueses) que foran conquistados por Décimo Xunio Bruto até a altura da batalla do río Douro do ano 137 a.C. (ano 617 UC desde a fundación de Roma). Unha batalla sanguenta en extremo, até tal punto que o poeta Ovidio di que a terra se empapou de sangue. O mesmo Décimo Xunio Bruto valorou o heroico comportamento dos galegos de tal maneira que recibiu o sobrenome de “O Galaico” (Casimiro Torres Rodríguez, La Galicia Romana, 1982, p.30).

    Pero César, cando chega á Península, estaba moi endebedado economicamente, parece ser que debía 830 talentos. O talento romano era unha unidade monetaria que equivalía a un peso de 32,3 kg. en ouro ou en prata. Polo tanto Cesar tiña unha débeda de 830 x 32,3 = 26 809 kg de ouro ou de prata. Unha enorme fortuna. Por isto, non se conforma con quedarse a defender e administrar as terras conquistadas por Bruto, senón que emprende a súa propia campaña de conquista e sometemento da Península Ibérica, a partir de onde a deixara Décimo Xunio Bruto, na marxe dereita do río Douro. César sube a Lusitania cara ó norte, seguindo a rasa costeira e cruza o Douro e tamén os ríos Limia e Miño. Tiña a ansia naquel momento do que se chamaba a “auri sacra fames”, a ambición insaciable do ouro, e ouro habíao nos confines de Occidente, no “Finisterrae”, na terra onde se poñía o sol, e alí quería chegar, a semellanza de Alexandro que quixo chegar a Oriente, ás terras onde nacía o sol (Casimiro Torres, ibidem).
Quería chegar ás controvertidas Casitérides, illas Cíes segundo Murguía (Galicia, p.736), que eran os emporios do estaño, das que César oíra falar ao procónsul Publio Craso na súa casa de Roma, quen xa o precedera no envite, e que fora honrado polo Senado con honores de trunfo contra os lusitanos. Cesar quería superar aos seus predecesores e pretende chegar a Brigantium (cidade que aínda hoxe non está claro se foi A Coruña ou Betanzos). Preséntaselle a ocasión de pedir a Gades (Cadiz) o apoio de barcos para facer unha incursión marítima, pois os habitantes lusitanos do Monte Herminio rebeláranse e fuxiran a unha illa, que uns sitúan en Peniche (moi probable) e outros nas Cíes (menos probable). Ditas naves serían barcos mercantes ou comerciais, non naves de guerra. Cesar somete aos herminios e parece como si o teito que alcanzou no seu periplo, embarcado nos seus barcos, foi Brigantium, recorrendo todos os entrantes da rías baixas e algúns entrantes navegables dos rios.

    Pero sobre este punto nos di Antonio Rodríguez Colmenero nun artigo da USC (Universidade Santiago Compostela, “La intervención de la flota romana en la conquista de Gallaecia” apartado 3, “La razzia marítima de Julio Cesar (61-60 a.C.)”] “Nada sabemos acerca del radio de penetración, tierra adentro, que Cesar se fijó, pero seguro que no rebasaría en demasía las alineaciones montañosas de un litoral que recorrería minuciosamente en casi todos los entrantes, internándose en ocasiones en el curso bajo de los ríos que en él desembocaban”. “En todo caso el techo de dicha expedición fue Brigantium, cuya identificación ofrece todavía problemas…” “Tampoco pueden excluirse en la expedición de Cesar finalidades científicas, sobre todo de naturaleza geográfico/cartográfico, complementarias de las aportaciones que Posidonio había hecho casi medio siglo antes y que Estrabón tanto rememora. No se comprendería si no el conocimiento que de la geografía peninsular y sobre todo de la forma Hispaniae en su franja litoral, parecen poseer los estrategas de las Guerras Cántabras”.

    Se primeiro nos din que Julio Cesar, viña remontando a Lusitania e Galiza pola costa atlántica até alcanzar Brigantium, e logo nos din que fai unha cartografía da “franxa litoral que serviu aos estrategos das Guerras Cántabras”, ten que haber sobre pasado Brigantium e percorrer cos seus barcos a franxa cantábrica facendo un mapa cartográfico dos seus accidentes costeiros. Polo tanto, non podemos deixar de pensar que entrou na actual Ría de Ribadeo, e nomeou a Porcillán (Porto Iulanus ou Julianus), e non cun nome trivial ou insignificante, senón que o destacou co seu propio nome, cousa que pensamos que o significa moito, porque xa lle pareceu a Cesar un punto xeográfico moi importante da Cornixa Cantábrica. Continuando a súa forma minuciosa de cartografar todos os recunchos da costa, e seguindo a na nosa hipóteses, cremos que tomaría a ría como fondeadoiro seguro para avituallarse, facer provisión de boca e augada, así como, poder transferir calquera tipo de mercadoría na que estivera interesado el ou a frota romana en calquera tempo. Que se saiba, en Porcillán non houbo construcións romanas ou un pequeno espigón de atraque antes finais do século XIX, agás os varadoiros sobre as pequenas praias de area de Guimarán, Porcillán e Cabanela, onde con algún tipo de barcaza se podía varar ou chegar a terra sen dificultade.

    E cal era a mercadoría que por excelencia lle interesaba a Xulio César naquel momento? Sen dúbida, estaño e ouro. Minas de estaño habíaas no litoral da Mariña e toneladas de ouro en minas e ríos da bisbarra, particularmente en Cervantes, no nacente do río Navia desde primeiros do século I a.C. no Castro de Santa María de Cervantes, que está asociado á explotación das minas auríferas romanas (Nós, Nº381, 22-06-2021). Por outra banda, de Ribadeo a Foz hai ao menos 18 castros, algún deles habitado por xentes que se dedicaban a minería, que senón traballaba todo o poboado nas minas, eran parte, pois hai na nosa bisbarra minas auríferas e de estaño. Onde podían cargar o ouro ou o estaño en naves capaces de transportalo a Roma? Como sabemos, Porcillán era o gran porto de fondeo para todo tipo de naves, e onde as naves podían esperar carga, de calquera sitio que viñera, con toda seguridade e confianza en todas as estacións do ano.

    Para nós, hai outro topónimo interesante no rio Eo que non podemos esquecer, Abres. Aparece como Ables, na primeira mención documental do ano 973? segundo a magnífica e extensísima obra lingüística de Xulia Marqués Valea (A Toponimia de Trabada, 2004, p.122). Sendo eu un ignorante da lingüística, e sen poñer en dúbida nin unha coma de traballo mencionado, podo achegar que esa partícula “bres”, está recollida fonéticamente e case coa mesma sonoridade, en moitas cidades das illas Británicas, co significado de “campamento romano”, p.e. o porto de Bristol en Inglaterra, en Cambridge, Manchester, Colchester (onde no AD 60 ou 61 se revelou Boudica, reina guerreira dos celtas) ou mesmo no porto de Brest na Bretaña francesa, e todos eles naceron dun campamento romano.

    Cabe a dúbida, por suposto, pero non é de todo extravagante pensar que chegado Cesar a darlle o seu nome a Porcillán para situalo na cartografía que estaba facendo do litoral, puidese tamén remontar a ría e penetrar no río Eo (chamado E[g]ove, na época romana) até a altura de Abres, a onde chegaría en falúas coa marea, e que está moito máis cerca dos xacementos auríferos do interior, alixeirando o duro transporte en carro ou en bestas, cara á costa. Teñamos en conta que o río Eo na súa desembocadura en Porto non era un fangal e a Ría de Ribadeo estaba aberta en toda a súa plenitude e non estaba atascada polos sedimentos e recheos que se levaron a cabo para desecala a partires do ano 1869 polos infames negocios do banqueiro Carlos Casas.

    A nosa teoría é posible, pois anos máis tarde, no ano 27 a,C. chega Octavio Augusto a Península Ibérica e completa a fase do asentamento romano no territorio. No ano 26 a.C. funda Lucus Augusti (o Bosque de Augusto) e polo que nos di tamén Antonio Rodríguez Colmenero, no artigo arriba citado (apartado 4, Ab Aquitanico Sinu […]), “(…) Augusto decide intervenir personalmente en la conquista definitiva del Finisterrae Hispánico. Es el año 27 a.C. (…) una de las provincias asignadas al príncipe es la Citerior a la que pertenecerá Cantabria (…) Augusto está dispuesto a afrontar los peligros de la mar, puesto que duda entre aventurarse a conquistar Britania (…) o marchar contra los cántabros ribereños por el sur del mismo mar.” “Se trataba de utilizar contra los cántabros [enténdase aquí, galaicos, ástures, cántabros e vascos] la táctica de la tenaza, con fuerzas terrestres que marchasen de sur a norte y fuerzas navales que avanzasen de norte a sur. Se trataría, por lo tanto, no de una simple operación de avituallamiento [por parte da flota ao exército de terra] sino de suministro de tropas de infantería embarcadas, procedentes de Aquitania [parte do País Vasco francés], que como sucedería más tarde en la conquista de Germania o con la de Escocia llevada a cabo por Agrícola, utilizarían los desembarcos rápidos e inesperados, en combinación con las fuerzas terrestres, para desorganizar al enemigo”.

    Non é lixeireza pensar, por tanto, que o porto de Porcillán fora partícipe activo nas Guerras Cántabras, por ser refuxio seguro para as forzas navais unha vez deixaran o porto de A Coruña, e que podían alcanzar en pouco tempo, pois é unha travesía de aproximadamente 80 millas náuticas actuais de 1852 m = 100 millas romanas de 1481 m. A infantería embarcada podíana deixar na propia costa de Porcillán ou remontar aos soldados ate un campamento ben arriba do rio Eo, en Abres ou perto del segundo nós, pois como continua dicindo Colmenero, “Nada consta de las características técnicas de la flota (…) un contingente verdaderamente militar, en el que predominarían naves ligeras (naves longae), trieras y liburnas, de dimensiones de 35 m. [eslora] por 5 m. [manga] por término medio, sin descartar embarcaciones de más amplio tonelaje, así como algunas para el transporte de acémilas (…) En conclusión no es mucho lo que se conoce acerca de la intervención de la flota romana en la conquista del noroeste peninsular, y sólo con hipótesis más o menos creíbles, montadas sobre los escasos datos que las fuentes suministran o sobre analogías con lo sucedido en otros ámbitos del imperio se puede montar un relato verosimil de los acontecimientos”.
Pola nosa parte, baseándonos na pouca historia documental que coñecemos, creo que podemos dicir que Porcillán data do século I a.C. simplemente analizando o seu topónimo, xa fora dado por Xulio César (61-60 a.C.) ou por Octavio Augusto (27-26 a.C.), para facer unha plaza forte na súa estratexia de combate en tenaza, subindo coa infantería de sur a norte desde Lucus Augusti ou desde Asturica Augusta cara a costa, e baixando de norte a sur desde Porcillán ou desde Abres cara ó interior. Segundo nós o vemos, este relato non está lonxe da verdade histórica xamais contada. Pero haberá que esperar a que haxa algo de presuposto para investigar nos sitios apropiados, para despexar as dúbidas.

    Que poderá aparecer debaixo de tantos fangales e areeiros nas canles naturais da Ría de Ribadeo? Non podemos nin imaxinar, cantas cousas se haberán tirado ou caído pola borda dos barcos, en dous milenios de fondeo.

    Quen tivera unha presidenta na Xunta da Galiza coma a da Comunidade de Madrid, para poder dispoñer duns cantos millóns de euros para a investigación e posta en valor da nosa arqueoloxía marítima e terrestre, con esa tremenda facilidade coa que ela fixo ese hospital sen quirófanos no que gastou 100 millóns de euros (16 mil cincocentos millóns das antigas pesetas) e non pasou nada. Iso si que é ter capacidade de decisión autonómica. Aquí no Concello de Ribadeo temos nove (9) castros e todos sen investigar, e segundo un tal Sr. Ramón Rodríguez González, Conselleiro de Cultura e Turismo do PP na Xunta da Galiza, “non haberá estudo do galeón afundido na Ría de Ribadeo, ante as dificultades que supón a acumulación de dous metros de area na zona para levar a cabo os traballos” (La Comarca del Eo, 12 xuño 2021). Haberá “cuajo” semellante?, dicir estas cousas un Xeógrafo e Profesor Universitario e poder quedarse tan ancho? No ano 2011 cando se descubre, estaba véndose practicamente case todo o contorno das estemenaras do galeón e agora está enterrado por dous metros de area? Unha nimiedade de traballo para unha draga de pouca monta, pero ademais, qué está pasando na Ría de Ribadeo que se está colmatando area a tan inxente velocidade, e que dentro de pouco non se poderá navegar nin en chalano? Como se puido inocular un cáncer na navegación da Ría con esa mal deseñada Ponte dos Santos, e que sigue a “obra incivil” provocándo unha metástases de diques, espigós, malecós, escolleras e balocos de cemento na beira do canal? De quen é a culpa desta barbarie de aproveitamento portuario?. Pero isto é outra historia da nosa esquecida Galiza… demasiadas veces contada, pero que de momento nin tivo remedio, nin dor de contrición e nin propósito da emenda! E así se vai pasando o tempo, e así se vai vivindo do conto!!


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *