Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Botándolle unha primeira ollada ó Peprich


   O PEPRICH, Plan Especial de Protección e Reforma do Conxunto Histórico de Ribadeo, está aprobado. Coido que as lerias partidarias sobre a aprobación deben de quedar niso: lerias partidarias. E o contido, a ver.

   Son moitas páxinas e planos para que quede nun resume como ‘bo’ ou ‘malo’, e tamén para comentar en profundidade sen á vez ter un coñecemento profundo do tema. Por iso collo un par de ligazóns e algunha cousa dun dos moitos documentos. Máis adiante seguro que voltarei por algunha outra ocusa.

  O caso é que á documentación completa, que está accesible na plataforma na nube ‘onedrive’, e pode accederse a través dunha ligazón na páxina do concello, ista: PEPRICH Ribadeo

   Aí, a lista de documentos é ampla. Collendo un deles, o ‘VI.2

CATALOGACIÓN DOS ELEMENTOS

ARQUITECTÓNICOS E ETNOGRÁFICOS’, podemos acceder a fichas como a seguinte sobre os bancos do Cantón (que deixo partida en dous polo seu tamaño, para poder manexala mellor no blog):

  Outras fichas son semellantes, e non deixa de haber lugares comúns ou repeticións erróneas: o documento é extenso e é de supoñer que haxa abondos erros, mais é inexplicable que, se foi repasado polos edís antes de ser aprobado, apareza unha mesmo foto da muralla correspondente á rúa da Muralla en 6 lugares diferentes, de tramos diferentes da muralla (e si, non é que apareza en todos os tramos da muralla como ilustración, só en algúns, que hai máis de seis referidos) e, en cinco, en lugar non correspondente. É unha das que deixo na ficha seguinte, sobre o tramo da muralla sobre Cabanela:

   Por certo que, seguindo os planos, pódese ‘reconstruír’ a muralla de Ribadeo, facer un recorrido polos límites do Ribadeo antigo, etc. Cousas aínda non realizadas.

   Algún comentario chamoume a atención, como o da ficha das columnas entre a r/ da Muralla e a r/S. Miguel:

   En fin, o documento, aínda que poda ter erros, non deixa de ser tan apetecible como descoñecido pola xente de Ribadeo. Neste mesmo tomo, repasar escudos lembrando o libro de Pancho Campos, ou a referencia da Fonte Cavada e dar un garbeo por alí, ou as escaleiras e lembrar o paseo con Teresa Díaz recorrendo 1000 chanzos de escaleiras no casco ribadense son delicias que nos podemos permitir coa documentación do PEPRICH aprobado.

   Xa digo, outro día, continuará.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *