Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Recuperando a memoria de Ribadeo


 

   Un apunte na rede, imáxenes dunha exposición no IES San Isidoro de Sevilla (as que ilustran estas liñas), lémbrame algo que no seu momento causoume sorpresa: o coñecer que antes de 1936 en Ribadeo había un instituto de segundo ensino (comezando a súa andaina nos anos 20 como Instituto Local), cando parece que a historia do ensino medio en Ribadeo comezou aló polo 1958, coa inauguración do edificio do actual IES Dionisio Gamallo (que comezou sendo sé do Instituto Laboral Carlos Mª Rodríguez de Valcárcel, ‘afecto ó réxime’), o mesmo día que o inaugurou Franco, ó tempo que o Parador de Turismo.

   O caso é que a exposición comentada ten un tema histórico: a historia dos profesores que impartían clase no centro e que foron represaliados e depurados polo franquismo. E é que a memoria histórica tamén é ensino das experiencias do pasado, mesmo próximas no espazo e no ambiente.

   E volvo a Ribadeo. O curso 1936-1937 aínda funcionou o instituto. O curso 1937-1938, xa non, e non se repuxo ata anos despois, funcionando só unha escola que fixo o que puido xestionada dende o propio Ribadeo por individuos concretos e non dun xeito institucional. Como non son historiador e collo os datos do libro ‘Miscelánea da antiga provincia de Mondoñedo’ de Xosé Isidro Fernández Villalba, próximo a presentarse en Ribadeo, só un apunte máis: no 1936 tamén se queimaron libros e se cerrou a biblioteca municipal, que se volvería a abrir de novo en 1941 despois dun acordo en pleno de abril de 1939.

   Ou sexa que si, en Ribadeo tamén houbo depuración no ensino, e coido que non estaría de máis difundir os afectados o alcance e as circunstancias. É coñecido o caso de Gregorio Sanz a raíz do seu libro ‘Uno de tantos‘, pero é iso: debeu ser ‘un de tantos’.

Un último apunte: o nome do Instituto seguiu sendo Rodríguez de Valcárcel sen que fose deposto, aínda que antes da súa desaparición pasara por ‘nº 1 de Ribadeo’ (como se non tivera nome anterior) a finais do século pasado, e logo ‘Gamallo Fierros’, ata a súa desaparición.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *