29 de abril de 2021. Teñen pasado xa moitas cousas dende que se inaugurou a residencia de maiores de Ribadeo promovida por José Mª Rodríguez coa Plataforma pro residencia. Dende o meu punto de vista, pode que a máis destacable foi o surfear por riba da pandemia con notable éxito. Non total, porque cónstame que as medidas de confinamento dos residentes foron duras para eles, afectáronlles. Pero iso non é algo que se poda achacar a non ter cumprido o concello a palabra dada por boca do alcalde en pleno de revisar as normativas, ou por ter personal contratado por entidades externas á Deputación e ó Concello, nin tampouco por ter cambiado -sen explicación de motivo- a entidade á que lle foi concedida de primeiras a xestión diaria da residencia. Cousas todas elas que por outra banda necesitarían máis luz e transparencia na xestión, participación cidadá e en particular dos achegados dos residentes, e compromiso dos dous socios, Deputación e Concello, características estas que esperemos que se logren a medio prazo
Hoxe, despois de todas as loitas -tamén políticas- que costou levala adiante, sae de novo a colación a residencia. Esta vez, por unha cita parlamentaria de Feijóo en resposta a Ana Pontón (non sei a que veu a conto mentar a residencia de Ribadeo), a quen responde á súa vez o alcalde de Ribadeo coa carta que deixo en baixo. Deixo a ligazón correspondente para que quen queira mire un pouco máis, aínda que faría falta completalo co intercambio entre Ana Pontón e Feijoo para ter unha visión abondo ampla (o que se pode facer seguindo a prensa, cunha sinxela procura no buscador: Ana Pontón Feijoo Residencia Ribadeo 2021). Pero se cada vez me gustan menos as liortas políticas, en casos coma este, con servicios sociais implicado e administracións que dconveñen parte dos servicios a entidades alleas, gústanme menos.