Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

18 anos


   18 anos. Maioría de idade. Cando isto escribo, día da reivindicación dos dereitos e celebración da muller, este feito ocupa as primeiras páxinas nos xornais, tendencia que tende a consolidarse estes anos e que tenta responder a unha necesidade que considero evidente nun movemento que ten historia abondo como para ter acadado a maioría de idade, ó tempo que permanece ligado a unha expresión de minoría de idade.

   O mesmo día, vexo aparecer nun xornal un estudo da USC que manifesta que no conxunto dos dous campus da universidade, só unha quinta parte das clases se dan en galego. O castelán é hexemónico, ocupando un oco o inglés (1 cada 40 clases). Especifícase que nos últimos anos a porcentaxe de clases impartidas en galego ten pouca flutuación, manténdose abondo máis baixo que o estaba hai 10-15 anos. É dicir, tal parece que o galego está acadando non a maioría, senón a minoría de idade.

   E miro, pero non vexo, unha nova que considero importante resaltar, non por ser un aniversario, que o é, senón polo que representa: tamén se cumpren 18 anos do nacemento da Galipedia, a versión galega da Wikipedia, e hai anos xa a maior enciclopedia en galego, que ademais é libre e colaborativa. Podemos sumarlle que é moi posible que sexa a web en galego máis visitada (sen considerar o conxunto web da Xunta), que ten proxectos irmáns que medran día a día, como a calidade e cantidade dos artigos da Galipedia… ou que é unha ferramenta para a supervivencia e independencia da cultura e da lingua galegas.

   Coido que nese aniversario hai abondo que celebrar con esperanza. A esperanza nas posibilidades que ofrece algo que hoxe chega á maioría de idade legal, aínda que para a Galipedia non teña sentido, non tanto por non afectarlle o sistema legal de maioría de idade para as persoas como porque xa leva sendo grande dende hai anos. E diversa. Poñer o fincapé nas máis de 2000 revisións feitas na entrada ‘Deportivo da Coruña’ poderían dar unha imaxe distorta de que temas trata a Galipedia, se ‘Reino de Galicia’ ‘Lista das aves de Galicia’ ou ‘Rosalía de Castro’, entre abondas outras, non estiveran todas con máis de 1000 revisións, ou non tivera más de 100 artigos con máis de 500 revisións cada un -cabe especificar que ‘revisión’ pode equipararse a ‘mellora’-. Ou as 2900 visitas de usuarios realizadas en xaneiro á entrada ‘Kobe Bryant’ ou as case 700 a ‘Ricardo Carballo Calero’, ou as 12000 en febreiro a ‘Acta Única Europea’, ou os 11 millóns de páxinas vistas o mes pasado, ou os douscentos millóns vistas nos últimos dous anos, ou as 50 novas páxinas que se crean cada día… Por cifras non vai quedar. E, no corazón de moitos de nós xa ten asemade o seu lugar. Iso non significa que non teña eivas. Volvendo ó comezo do artigo, a participación da muller como editora está en porcentaxes moi baixos, e, sendo a principal fonte de información sobre temas galegos, que o é, queda moita Galicia por estar presente, tanto como contido como en participación. Pero, dende cando a maioría de idade representa ter todo feito?


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *