Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Coronavirus onde non debera haber


   E onde debera de habelo?

   A nova residencia de Ribadeo está no aleiro a conto dun positivo nun testeo. Hai dúas notas de prensa -actualización, 3-, da Deputación e do Concello – + outra do concello-. Antes de deixar as dúas -3-, nesa mesma secuencia, dicir que ata o de agora a residencia ribadense mantívose limpa da enfermidade, mentres o hospital asilo, a vella residencia, sufriu un episodio que a decimou. Co comezo das vacinas, esperemos que non sexa equivalente.

 

Lugo,
10 de febreiro de 2021. O cribado periódico realizado polo SERGAS no
Centro de Atención a Maiores (CAM) de Ribadeo arroxou este mércores un
positivo entre as persoas usuarias, momento no que a Deputación de Lugo
procedeu a illar a esta persoa e á súa acompañante de habitación.

Así
mesmo, a Deputación de Lugo decidiu realizar, hoxe mesmo, probas de
diagnose con recursos propios, tanto a esta persoa, como á súa
acompañante de habitación e aos usuarios e traballadores que tiveron un
contacto estreito con ela, co obxectivo de corroborar o resultado, dada a
elevada posibilidade de tratarse dun falso positivo, tendo en conta que
todos os demais residentes deran negativo no cribado periódico do
SERGAS, e que o centro está pechado, polo que non se reciben visitas,
nin os usuarios saen o exterior, como medida de prevención da Covid-19.

Realizadas
as probas nun centro de diagnóstico lucense autorizado pola Xunta de
Galicia, que consta inscrito no Rexistro de Centros Sanitarios, TODAS
DERON NEGATIVO. Polo tanto, tratouse dun falso positivo.

Á vista
destes resultados, a Deputación de Lugo solicitaralle ao SERGAS a
realización dunha segunda proba PCR a esta persoa usuaria. Ata obter o
resultado, esta persoa e a súa acompañante de habitación continuarán
illadas como medida de precaución.

Así mesmo, a Deputación de Lugo
informa de que toda comunidade do Centro de Atención a Maiores de
Ribadeo completou a pauta de vacinación da Covid-19, excepto esta persoa
usuaria que resultou ser un falto positivo, quen non puido ser vacinada
por desexo expreso dun familiar, que é o titor legal, un feito que a
institución provincial xa puxo en coñecemento da Fiscalía. Sendo a
vontade da institución protexer á totalidade dos residentes e persoal do
centro, reiterará de novo a comunicación ao Ministerio Fiscal para que a
autoridade xudicial decida o que corresponda con respecto á súa
vacinación.

 

DEPUTACIÓN E CONCELLO PIDEN UNHA NOVA PROBA AO SERGAS


Cribado na nova residencia


10/02/2021

O alcalde, Fernando Suárez, agarda que o Centro
de Atención a Persoas Maiores siga libre do covid19 e que a única
usuaria que non foi vacinada, por expreso desexo do seu titor legal,
reciba as doses canto antes.

O rexedor subliñou que “non administrarlle a vacina a esta persoa
supón un risco moi importante para ela e un perigo para os demais
usuarios e usuarias da residencia ribadense, que ata o de agora estivo
libre de covid19 e agardamos que así continúe”.

O alcalde de
Ribadeo agarda que o Sergas realice un novo cribado neste centro, que
confirme que se trata dun falso positivo o caso detectado este mércores.
Ata que esa nova proba sexa realizada tanto esta usuaria como a súa
compañeira de habitación permanecen illadas, “segundo acabamos de saber 
por parte dos responsables da Deputación. Quedamos á espera de poder
confirmar a boa nova de que ese posible positivo se quede nun susto sen
mais”, engadiu. 

A Deputación de Lugo comunicou esta tarde que
tras o cribado periódico realizado polo Sergas no CAM de Ribadeo
arroxouse un caso positivo entre as persoas usuarias. A institución
provincial decidiu encargar, hoxe mesmo, probas de diagnose a esta
persoa, á súa acompañante de habitación, así como aos residentes e
traballadores que tiveron contacto con ela. Todos os resultados deron
negativo.

Foto residencia

BARCIA CUALIFICOU DE DESESPERANZADORA A SITUACIÓN


Petición á Xunta


11/02/2021

O alcalde, Fernando Suárez, manifestou que “o
negacionismo non casa coa nosa sociedade”. Así se referiu ao caso da
usuaria da residencia de maiores, que non recibiu a vacina contra ao
covid19 por expreso desexo dun familiar. O rexedor pregúntase ¿qué
primamos os dereitos fundamentais individuais ou a saúde pública
colectiva?. Suárez Barcia demándalle á Xunta que promova, á maior
celeridade posible, a adaptación lexislativa necesaria para que a saúde
pública impere sobre os posicionamentos individuais, egoístas e
negacionistas.

O alcalde ribadense dixo que “é moi desesperanzadora esta situación.
Á vista de que na nova residencia de maiores xa se puxeron as dúas
doses da vacina, só unha usuaria non a recibiu por expreso desexo dun
familiar. Onte esta usuaria deu positivo en coronavirus, logo revisado
cunha nova PCR semella que foi un falso positivo, o cal valorámolo como
unha moi boa noticia, pero é certo que a actitude do familiar entendemos
que é intolerable”.

Suárez Barcia considera que “o egoísmo e o
negacionismo non casan coa nosa sociedade. Debo dicir que, ademais do
comportamento impecable nesta actuación por parte da Deputación de Lugo,
desde o Concello de Ribadeo consideramos que non é axeitado que as
persoas que convivan nunha residencia municipal non apliquen a vacina,
ben por desexo propio no caso de que teñan a vontade intacta ou ben por
desexo dos seus familiares no caso de que estes teñan a tutela”.

O
rexedor sinalou que “o certo é que vivimos nuns momentos moi complexos e
desde os Concellos, como é o caso do noso, abondo temos con xestionar o
día da día das residencias públicas, e aquí dáse unha pregunta que hai
que resolver inmediatamente, ¿qué prima primeiro se os dereitos
fundamentais individuais ou a saúde pública colectiva?. Polo tanto,
sendo competencias galegas como son o caso da saúde pública e máis dos
servizos sociais, eu vexo necesario que a Xunta de Galicia promova, á
maior celeridade, a adaptación lexislativa necesaria para garantir que a
saúde pública impere sobre os posicionamentos individuais egoístas e
negacionistas. E polo tanto, poida ser de obrigado cumprimento, para ter
acceso a un servizo asistencial como é unha residencia de maiores, a
aceptación da vacina contra o covid19”.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *