Datos do exercicio 2017 |
É difícil saber dos orzamentos, máis aló das notas de prensa do concello (isto, no caso de Ribadeo). En Ribadeando procuro non perder de vista o tema, aínda que ás veces vaian cifras aproximadas. As fontes de datos, máis aló das notas de prensa, son a través de entidades pro transparencia, asociacións como okfn ou empresas como o caso da web https://presupuestos.gobierto.es (‘a medio
camiño entre activismo e consultoría’). e procuro non despistarme e separar as novas de orzamentos das de corrupción (sen deixar de entrecruzalas como cando manifestei que o fraude fiscal a nivel España, prorateado a Ribadeo, daría para cubrir dúas veces o orzamento do concello)
Volvendo ó tema, o concello emitiu unha nota onte que reproduzo ó final, sobre os orzamentos 2021, onde se poden anotar algúns detalles a máis do monto total. E, antes, deixo dúas gráficas sobre a evolución dos orzamentos de Ribadeo na maior parte do século. Falta algún dato e outros son aproximados, mais na escala na que se presentan, eses detalles carecen de importancia. Si a ten que non se presentan desglosados, é dicir, inciando onde se gastan, cousa que pode chegar a ser máis interesante que a cifra de gasto total. Tampouco se teñen conta as variacións de poboación, para considerar o gasto per cápita, que no século leva baixado lixeiramente.
… pequeno aumento aparente |
pequena diminución real… |
A nota de prensa:
“
O CAPÍTULO DE INVERSIÓNS SUPERA O MILLÓN E MEDIO DE EUROS
Orzamento municipal para 2021
19/01/2021
O orzamento municipal do Concello de Ribadeo
para 2021 ascende a máis de 9.800.000 euros, o que supón un incremento
do 8,25% con respecto ao de 2020. O concelleiro de Economía, Pablo
Vizoso, destacou que no presuposto, que se someterá a aprobación no
vindeiro pleno, establécese a exención das taxas pola ocupación de
terrazas como unha das medidas de apoio á hostalería, auméntase o fondo
para familias con necesidades e créase unha axuda específica para a
xestión do Hospital Asilo.
O edil ribadense dixo que “imos levar ao próximo pleno os orzamentos
para o exercicio 2021, que se incrementan ata os 9.849.823 euros, é
dicir máis de 750.000 euros con respecto ao ano anterior, o que supón un
8,25 % máis, e sen que se vexan incrementados os impostos e taxas que
son competencia do Concello”.
Vizoso Galdo subliñou que “estes
orzamentos caracterízanse por manter o nivel elevado de actuacións e
servizos nas diferentes áreas que ven realizando o Concello de Ribadeo.
Recollen o incremento salarial do 0,9% establecido polo Estado para o
persoal, aínda que non se aplicará aos órganos de goberno que se
conxelarán. Establecen a exención das taxas pola ocupación de terrazas
para todo o exercicio, como unha das medidas de apoio á hostalaría. E
mantéñense as axudas para o tecido asociativo, coma nos exercicios
anteriores, para destinar a asociacións deportivas, culturais, clubs,
etc”.
O concelleiro de Economía explicou que “se incrementa
notablemente o capitulo de inversión que supera o 1.500.000 euros, un
87% máis, e que é financiado na gran maioría fondos propios do Concello e
procedentes da Deputación de Lugo.Así recollen partidas para
actuacións que consideramos de vital importancia para Ribadeo como é o
caso da estrada da Estación de Feve e diversas actuacións noutras rúas.
Tamén se contemplan partidas importantes para o plan de camiños de
titularidade municipal, saneamentos, adquisición de terreos, a
reposición de tramos da rede de abastecemento de auga, de instalacións
deportivas, de locais socias para as parroquias,o arranxo da praza de
abastos e para melloras de eficiencia enerxética en alumeados públicos.
Este forte incremento da inversión enmárcase no proceso de reactivación
económica tocando diferentes áreas”.
Pablo Vizoso indicou que “no
ámbito social auméntase o fondo para familias con necesidades e crease
unha axuda específica para a xestión do Hospital Asilo. E séguese
mantendo a débeda do Concello nun niveis baixos na procura dunha xestión
eficiente e do equilibrio orzamentario”.
O edil nacionalista
engadiu que “ademais de todas estas medidas e accións contempladas, os
orzamentos vanse ver reforzados sobre todo no apoio ao comercio e a
hostalaría e tamén no ámbito social coas achegas de plan único
provincial da Deputación de Lugo, que xa está en marcha, e coas achegas
que poidan proceder das xestións do Concello con outras
administracións”.
”