Cando parecía que as cousas retornaban á súa canle, despois dunha semana da entrada anterior sobre o tema, veu a nova: dous mortos. E é que (ver o gráfico) tal parece que o brote está controlado, así o indica a liña de tendencia, coa ralentización da aparición de novos casos. Segue sen dicirse nada de xeito oficial sobre a orixe do brote ou o seu esparcemento. Deixo as dúas últimas notas de prensa do concello abaixo.
Datos coa liña de tendencia. |
O RESTO DO ENFERMOS EVOLUCIONAN CON NORMALIDADE
Volta ao Hospital Asilo
09/01/2021
Volven ao Hospital Asilo, despois de superar o
covid-19, catro dos usuarios que foran trasladados ao Cegadi en Santiago
de Compostela, segundo deu a coñecer este sábado o alcalde, Fernando
Suárez. Estas persoas superaron a doenza, deron negativo nos controis
de PCRs e teñen inmunidade xerada contra o coronavirus.
O rexedor dixo que “tal e como se veu indicando nestes últimos días,
queremos sinalar con toda a precaución e prudencia necesarias que o
tempo está a xogar a favor de ir recuperando a normalidade. Camiño das 3
semanas desde que se detectaron os primeiros casos de positivos en
coronavirus a situación é a seguinte: entre antonte e hoxe 4 persoas que
estaban desprazadas no Cegadi (Centro Galego de Desenvolvemento
Integral) volven para o Hospital Asilo de San Sebastián e San Lázaro,
unha vez que superaran a doenza e deran negativo nos controis de PCRs e
que nos tests de anticorpos revelasen que teñen inmunidade xerada contra
o covid19”.
Suárez Barcia comentou que “o resto de persoas
usuarias, tanto as que continúan no Cegadi como as que sempre
permaneceron no Hospital Asilo, evolucionan con normalidade e manteñen,
en termos xerais, uns niveis aceptables de sintomatoloxía, a pesares de
que moitas delas teñen unha idade moi avanzada e presentaban xa
patoloxías previas. En canto ao persoal e á relixiosa, tamén se atopan
en proceso de recuperación”.
O alcalde contou que “ademais,
segundo nos manifestan responsables do Cegadi, outras persoas están
superando tamén esta doenza aínda que seguirán alí uns días máis dado
que a súa recuperación física xeral recoméndao. Así temos que: os 4
traballadores afectados están nos seus domicilios gardando a corentena
necesaria e cos protocolos pertinentes. En canto aos usuarios, e ao
longo deste gromo producido hai días,19 deles foron trasladados ao
Cegadi. 4 deles superaron a doenza e xa foron trasladados a Ribadeo polo
que o número actual que aínda segue alí é de 15 persoas. Outros 3
usuarios diagnosticados como positivos, e de acordo cos criterios das
autoridades sanitarias, permanecen no Hospital Asilo debido ao seu
elevado nivel de dependencia previo ao contaxio vírico. Tamén se atopa
nesta situación, desde o primeiro día detectado, a relixiosa afectada de
covid19. Para todas estas persoas están habilitados igualmente os
protocolos de atención, coidado e protección indicados polos servizos
sanitarios e sociais”.
Fernando Suárez seguiu a relatar que
“tamén se atopa 1 persoa usuaria no Hospital da Costa en Burela,
indicándose que cando supere a situación hospitalaria será derivada
segundo o seu grao de dependencia ben ao Cegadi ou ben ao Hospital
Asilo de Ribadeo”.
O rexedor insistiu en que “se segue valorando
como moi positiva a actuación coordinada na aplicación dos Protocolos e
Planes de Continxencia por parte da dirección do centro e do seu
persoal, así como a actitude dos residentes á hora de enfocar esta crise
sanitaria. Igualmente se continúa a valorar moi positivamente a
actuación coordinada das autoridades sanitarias do Hospital da Costa e
das do Cegadi por ir desprazando a Santiago a estas persoas afectadas,
logrando así dous obxectivos estratéxicos neste momento: o primeiro é
que os afectados estean nas mellores condicións de atención residencial e
hospitalaria posible. E o segundo é que o Hospital Asilo de Ribadeo
vexa diminuído de xeito moi importante o risco de transmisión vírica
para o resto de persoas que viñeron dando negativo en todo este tempo e
que actualmente suman 22 entre usuarios y persoal, aos que agora hai que
sumar as 4 persoas que retornan por estar curadas facendo un total de
26”.
E engadiu que “como sempre indicamos, manteremos informada á
cidadanía sexa cal sexa a situación á que nos teñamos que enfrontar,
coa confianza de que ter pasado xa polo pico de madurez deste gromo que
se iniciou hai unhas tres semanas. Seguirémolo a facer a medida que
vaiamos obtendo información, ben por nós mesmos ou ben proporcionada
polas autoridades sanitarias autonómicas en canto nola vaian
facilitando, sempre co mellor ánimo informativo e para dar a confianza
necesaria que evite rumoroloxías ou situacións de confusión”.
ESTE MÉRCORES FARASE UN NOVO CRIBADO XERAL NO CENTRO
Situación no Hospital Asilo
11/01/2021
Dous residentes do Hospital Asilo, que foron
trasladados a Santiago hai días, faleceron nas últimas horas. Trátase de
persoas de avanzada idade (99 e 91 anos), que se atopan nun estado moi
fráxil e con patoloxías previas ao coronavirus, segundo ven de informar
o alcalde, Fernando Suárez. Tres usuarios mais retornan a Ribadeo
despois de superar o covid e de ter xerado inmunidade contra este virus.
O rexedor sinalou que “segundo puidemos ir sabendo, temos dous tipos
de noticias que fan que esta nota de prensa teña un carácter agridoce.
Dúas das persoas que levaban xa días trasladadas ao Cegadi (Centro
Galego de Desenvolvemento Integral) faleceron nestas últimas horas. En
ambos os dous casos trátase de persoas de moi avanzada idade, unha de 99
e outra de 91 anos, que se atopaban nun estado moi fráxil e con
patoloxías xa previas ao contaxio por Covid19. Como estaban nun estado
de atención delicado, non se lles chegou a facer as PCR para saber se xa
chegaran a superar a doenza do coronavirus, (tal e como se lles fixo a
outras persoas que ingresaron ao mesmo tempo no Cegadi). Con todo, é de
supoñer que nas estatísticas oficiais aparecerán como falecemento por
coronavirus”.
Fernando Suárez subliñou que “por outra banda, e
segundo nos indican os responsables do Cegadi, nas vindeiras horas serán
trasladadas ao Hospital Asilo de San Sebastián e San Lázaro 3 persoas
máis, unha vez que superaran a doenza e deran negativo nos controis de
PCRs e que nos tests de anticorpos revelasen que teñen inmunidade xerada
contra o Covid19. Igualmente soubemos que, segundo as autoridades
sanitarias do Hospital da Costa, prevese que este mércores se faga un
novo cribado xeral no Hospital Asilo para comprobar de novo a progresión
ou estabilización deste gromo”.
O alcalde dixo que “o resto de
persoas usuarias, tanto as que continúan no Cegadi como as que sempre
permaneceron no Hospital Asilo, evolucionan con normalidade e manteñen,
en termos xerais, uns niveis aceptables de sintomatoloxía, a pesares de
que moitas delas teñen unha idade moi avanzada e presentaban xa
patoloxías previas.En canto ao persoal e á relixiosa, tamén se atopan en
proceso de recuperación. Así temos que: os 4 traballadores afectados
están nos seus domicilios gardando a corentena necesaria e cos
protocolos pertinentes; en canto aos usuarios, e ao longo deste gromo
producido hai días, dos 19 que foron trasladados ao Cegadi, 7 deles
superaron a doenza e xa foron ou van ser trasladados a Ribadeo polo que o
número de persoas que alí seguirá vese reducido a 10; outros 3 usuarios
diagnosticados como positivos, e de acordo cos criterios das
autoridades sanitarias, permanecen no Hospital Asilo debido ao seu
elevado nivel de dependencia previo ao contaxio vírico. Tamén se atopa
nesta situación, desde o primeiro día detectado, a relixiosa afectada de
covid19. Para todas estas persoas están habilitados igualmente os
protocolos de atención, coidado e protección indicados polos servizos
sanitarios e sociais. A día de hoxe tamén se atopa 1 persoa usuaria no
Hospital da Costa en Burela, indicándose que cando supere a situación
hospitalaria será derivada segundo o seu grao de dependencia ben ao
Cegadi ou ben ao Hospital Asilo de Ribadeo”.
Suárez Barcia
engadiu que “se segue valorando como moi positiva a actuación coordinada
na aplicación dos Protocolos e Plans de Continxencia por parte da
dirección do centro e do seu persoal, así como a actitude dos residentes
á hora de enfocar esta crise sanitaria. Igualmente se continúa a
valorar moi positivamente a actuación coordinada das autoridades
sanitarias do Hospital da Costa e das do Cegadi por ir desprazando a
Santiago a estas persoas afectadas, logrando así dous obxectivos
estratéxicos neste momento: o primeiro é que os afectados estean nas
mellores condicións de atención residencial e hospitalaria posible. E o
segundo é que o Hospital Asilo de Ribadeo vexa diminuído de xeito moi
importante o risco de transmisión vírica para o resto de persoas que
viñeron dando negativo en todo este tempo e que actualmente sumando os
que sempre deron negativo e os que viñeron do Cegadi coa doenza superada
ascenden 29 persoas entre usuarios e persoal. Como sempre indicamos,
manteremos informada á cidadanía sexa cal sexa a situación á que nos
teñamos que enfrontar, coa confianza de que ter pasado xa polo pico de
madurez deste gromo que se iniciou hai máis de tres semanas. Seguirémolo
a facer a medida que vaiamos obtendo información, ben por nós mesmos ou
ben proporcionada polas autoridades sanitarias autonómicas en canto
nola vaian facilitando, sempre co mellor ánimo informativo e para dar a
confianza necesaria que evite rumoroloxías ou situacións de confusión”.
—
Anteriores sobre Coronavirus e Ribadeo:
Covid 19 no Hospital-Asilo de Ribadeo (1) . Evaristo Lombardero
Progresión do coronavirus en Ribadeo (II)