Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Progresión do coronavirus en Ribadeo (II)


   Despois de ter esperado varios días dende o artigo ‘Progresión do coronavirus en Ribadeo‘, por fin aparece na web do concello unha nova nota de prensa que copio abaixo.

A data de 30/12 como data de cribado é indicativa, ó non terse difundido información sobre o tema máis que as notas do concello, coas deficiencias á vista.      

   Segue sen falarse da orixe do brote ou de como, seguindo os protocolos, xurdiu a expansión. Asemade, tamén se deixa sen cubrir a expansión fóra do asilo: a día de hoxe non se fixo cribado nin seguemento, que se saiba. E na páxina do SERGAS leva varios días a indicación de que Ribadeo ten 28 casos.

Nota do concello:

Foto Hospital Asilo

A VINDEIRA SEMANA REALIZARASE OUTRO MAIS


Cribado no Hospital Asilo


02/01/2021

O último cribado realizado no Hospital Asilo de
Ribadeo deixa 10 novos positivos por covid, 7 de usuarios e 3 de
traballadores do centro, segundo ven de confirmar o alcalde, Fernando
Suárez.

O rexedor relatou que “este pasado xoves as autoridades sanitarias
do Hospital da Costa fixeron un novo cribado xeral para comprobar a
progresión do gromo detectado hai uns días no Hospital Asilo. Os
resultados das probas indican que hai 7 novos casos de usuarios e 3
casos de traballadores do centro residencial”.

Fernando Suárez
dixo que “tal e como foi pasando nas situacións similares anteriores,
iniciáronse de inmediato as actuacións coordinadas entre as autoridades
Sanitarias, as autoridades de Política Social e máis as do Hospital
Asilo. Así os traballadores afectados están nos seus domicilios gardando
a corentena necesaria e cos protocolos pertinentes. En canto aos
usuarios, 5 deles xa foron trasladados ao Cegadi (Centro Galego de
Desenvolvemento Integral), que é unha Residencia con funcionalidades
hospitalarias que a Xunta de Galicia ten habilitada para estes casos en
Santiago de Compostela. Este Centro está preparado para a atención de
persoas consideradas válidas ou con nivel de dependencia baixa. Agora
neste momento xa se atopaban alí as persoas usuarias do Hospital Asilo
que deran positivo nos días anteriores, facendo así un total de 18
persoas de Ribadeo nese Centro”.

O alcalde sinalou que “outros 3
usuarios diagnosticados como positivos, e de acordo cos criterios das
autoridades sanitarias, permanecen no Hospital Asilo debido ao seu
elevado nivel de dependencia previo ao contaxio vírico. Tamén se atopa
nesta situación, desde o primeiro día detectado, a relixiosa afectada de
Covid19. Para todas estas persoas están habilitados igualmente os
protocolos de atención, coidado e protección indicados polos Servizos
Sanitarios e Sociais. No momento de ser emitida esta nota de prensa,
tamén se atopa 1 persoa usuaria no Hospital da Costa en Burela,
indicándose que cando supere a situación hospitalaria será derivada
segundo o seu grao de dependencia ben ao Cegadi ou  ben ao Hospital
Asilo de Ribadeo”.

Suárez Barcia manifestou que “segundo nos
indican os responsables sanitarios do Hospital da Costa, de cara a
principios de semana farase un novo cribado xeral para comprobar se o
gromo se estabiliza ou se pola contra hai novos contaxiados, sen
prexuízo de que se poidan realizar novos test de antíxenos de xeito
inmediato se algún outro residente mostra síntomas de contaxio antes
dese cribado. Tamén nos informan nas últimas horas os responsables
sanitarios e sociais que as persoas afectadas polo coronavirus manteñen,
en termos xerais, uns niveis leves ou aceptables de sintomatoloxía.
Estas mesmas autoridades, tanto as Sanitarias do Hospital da Costa como
as de Política Social do Cegadi, indican que esta situación actual
deriva dunha previa que vai desencadeando un gromo, por canto unha boa
parte dos afectados son compañeiros de cuarto de persoas previamente
contaxiadas”.

O rexedor ribadense engadiu: “séguese valorando
como moi positiva a actuación coordinada na aplicación dos Protocolos e
Planes de Continxencia por parte da  Dirección do Centro e do seu
persoal, así como a actitude dos residentes á hora de enfocar esta crise
sanitaria. Igualmente se continúa a valorar moi positivamente a
actuación coordinada das autoridades sanitarias do Hospital da Costa e
das do Cegadi por ir desprazando a Santiago a estas persoas afectadas,
logrando así dous obxectivos estratéxicos neste momento: o primeiro é
que os afectados estean nas mellores condicións de atención residencial e
hospitalaria posible. E o segundo é que o Hospital Asilo de Ribadeo
vexa diminuído de xeito moi importante o risco de transmisión vírica
para o resto de usuarios, que viñeron dando negativo en todo este tempo e
que actualmente suman 16 persoas”.

çFernando Suárez indicou que
“como sempre indicamos, manteremos informada á cidadanía sexa cal sexa a
situación á que nos teñamos que enfrontar, coa confianza de que en moi
poucos días estaremos no pico de madurez deste gromo que se iniciou a
principios da semana pasada. Farémolo a medida que vaiamos obtendo
información, ben por nós mesmos ou ben proporcionada polas autoridades
sanitarias autonómicas en canto nola vaian facilitando, sempre co mellor
ánimo informativo e para dar a confianza necesaria que evite
rumoroloxías ou situacións de confusión”.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *