RIBADEO NA NOITE DOS TEMPOS
Que imaxe podemos facernos dun período tan importante pero tan escuro e tan dilatado no tempo que está cheo de tantas incertezas? É un exercicio arriscado facer un relato verosímil sobre a poboación prehistórica de Ribadeo, ou sexa, facer un relato sobre os indicios probables dunha poboación da que non hai nada escrito, da que non hai historia local algunha. Pero merece a pena intentalo.
De principio podemos dicir e aseverar sen dúbida de equivocarnos que a Ría de Ribadeo é un punto estratéxico e primordial na rede comercial marítima europea de tódolos tempos antigos e dos alto e baixo medievais, debido a súa condición xeo-estratéxica no litoral Atlántico por ser porto seguro unha vez alcanzado, onde a vida dos navegantes e dos barcos está sempre a salvo da ameaza das condicións adversas do mar e onde se pode reparar o casco, aprontar os aparellos, facer augada e meter provisión de alimentos.
A ausencia dunha específica documentación escrita non fai fácil identificar que clase de estrutura social, política ou económica tería aquela sociedade; que técnicas agrícolas e gandeiras, ou que medios de pesca e marisqueo terían para a súa subsistencia. Mais esta condición de sociedade ágrafa non nos arreda das nosas intencións de escribir sobre o noso pasado antiguísimo, pois hai factores relevantes innegables como son os achádegos ‘antediluvianos’ de Louselas, a toponimia do entorno e a documentación parahistórica doutros poboamentos veciños que sí escribiron a súa historia sobre condicións iguais que as dos nosos antepasados. Isto anímanos a facer un relato intuitivo que nos permite albiscar unha cronoloxía aceptable para encanar o noso estudo que non por ser impreciso será menos certo. E canto máis atrás tratemos de remontarnos no tempo, maior diverxencia haberá nas datas que poidamos propoñer hoxe, pero que se poderán axustar a medida que se vaian facendo descubrimentos que se teñen que facer máis tarde ou máis cedo.
Desde cando hai unha poboación galaico-atlántica permanente nestas terras? Hai restos arqueolóxicos líticos moi abundantes de fabricación de útiles con diversos tipos de retoque en choppers, fendedores, raedeiras, raspadores, cuitelos de dorso natural, perforadores, bifaces, etc. que pertencen a unha poboación antiguísima nas beiras do actual Ribadeo, o xacemento de Louselas do Paleolítico Inferior datado en catrocentos oitenta mil anos de antigüidade o acredita. Pero sábese de certo que o nivel do mar fai cento vinte mil anos (período interglacial Eemiense) subiu por encima do nivel actual e cubriu por completo o xacemento de Louselas polo que aquela primitiva xente tivo que trasladarse ás ladeiras e cimas das montañas, a lugares máis altos. O nivel do mar volveu a ir baixando en períodos graduais de miles de anos e chegou ao seu nivel máis baixo, 120 metros por debaixo do nivel actual, fai vinte mil anos, cuxo nivel se mantivo case oito mil anos, ou sexa até fai doce mil anos, último período glacial, en que volveu a subir até alcanzar o nivel actual en pouco menos de dez mil anos.
Nestes períodos de tan baixo nivel do mar as covas no acantilado das ribeiras da Ría de Ribadeo que son en abrigo rochoso o aire libre con forma de viseira, actualmente practicamente enterradas, poden ser vestixio das covas onde vivían aquelas poboacións do epipaleolítico e do neolítico até fai uns case catro mil anos. Non temos probas de canta poboación puidese haber nin de canto tempo estiveron vivindo en ditas covas, pero sí de que por alí estiveron e que para algo as usaron de modo permanente ou estacional por largas tempadas, polos restos líticos que quedaron de lascas de cuarcita. Pero como dixo o arqueólogo británico Mortimer Wheeler, “pode que o arqueólogo atope o tonel, pero de Dióxenes non queda nin rastro”.
Por tanto, segundo nós o entendemos, houbo poboación sedentaria nas Terras de Ribadeo moi anteriormente ao que puidésemos pensar cando a Idade do Bronce Final (séculos VII-VI a.C.) lle deixa paso a “cultura castrexa” tan evidente nos asentamentos castrexos da Idade do Ferro, que no concello do Ribadeo actual, coñecemos o emprazamento de nove: As Grobas (Vilaselán); Fornelos (Piñeira); Meirengos e os Castros (A Devesa); A Coroa (Arante); A Pumarega (Covelas); Porto de Arriba e A Torre (Vilaosende) e As Cárcobas (Ove), pero incluso é posible que haxa máis xacementos e todos eles esquecidos pola Administración da Xunta de Galiza.
Aquí polo que nos atinxe, atopámonos na obriga de facer un inciso. No ano 2003 o Ministerio de Medio Ambiente de España a través do Servizo de Costas e en colaboración coa Dirección Xeral de Patrimonio de Galiza, ía facer un investimento de tres millóns de euros, para recuperar o Castro de As Grobas, e así o anunciaba aquel alcalde de Ribadeo en La Voz de Galicia 18/02/2003. Todo quedou en nada. Logo no ano 2009 (La Voz de Galicia 22/04/2009) fíxose, por fin, unha intervención arqueolóxica pola “incrible cifra” de trinta mil euros (durou un mes) quedando evidencia de que era un castro anterior a romanización con ocupación dilatada no tempo. Vamos, fíxose un “incrible estudo” sobre o castro, miráronse apenas 50 metros cadrados dun poboado de 35000 metros cadrados, ou sexa, quedou o asunto coma sempre na total indiferenza e desidia a que nos teñen acostumados desde a Xunta de Galicia, e todo canto dixeron e fixeron non serviu absolutamente para nada. O prestixioso arqueólogo Emilio Ramil que dirixiu a escavación, con moi bo criterio facía fincapé en que o poboado tiña importancia e aconsellaba seguir adiante na escavación para poñelo en valor. Alí se presentou o delegado provincial de Cultura “en funcións” e o Xefe de Costas, José Manuel Esteban quen foi “avalar a actuación na sede do Ministerio de Medio Ambiente de Madrid”. Ou sexa, non se fixo absolutamente nada.
En fin, sigamos coa nosa pseudohistoria, pois pola súa natureza especulativa do momento presente, permanecerá no terreo da hipóteses. Pero por que se producen neste recuncho da Galiza tales xacementos tan temperáns?. Posiblemente porque os cambios climáticos da última glaciación non afectaron moito a esta zona e as condicións de subsistencia non foron destruídas. O clima permitía o crecemento de froitos silvestres e facilitou a agricultura de secan, na magnifica terra que pisamos, e mantiña unha poboación estable, non sabemos de cantos individuos pero posiblemente algúns centos diseminados en pequenas comunidades próximas, como evidencian os xacementos castrexos, que se alimentaban grazas á recolección de froitos e a domesticación de animais como ovellas, cabras, vacas e porcos, algúns cabalos e burros, e de plantas como o trigo, cebada e algunhas leguminosas, ademais pescaban e mariscaban como evidencian os concheiros existentes en varios castros.
Facer un panorama de como era e como vivía aquela sociedade anterior a castrexa con tan poucos restos arqueolóxicos que se atoparon nas escasísimas catas non é posible sen entrar de cheo no terreo do hipotético. Os restos das escavacións procuran evidencias, pero aínda así, o estudo da prehistoria ademais dun estudo sistemático dos vestixios atopados polo arqueólogo e unha labor de pescudas e criterios imaxinativos, polo que explicaba Sir Mortimer.
As poboacións dos castros datan dos séculos IV-III a.C. mais temos evidencia dunha poboación estable e xa moi civilizada, que nos revela o xacemento do henge de A Roda de Santiago de Reinante, datado en 1700 anos a.C. que pode chegar a 2000 anos a.C. (II milenio a.C.) segundo datación con 14C. Ou sexa o xacemento data da transición final do Neolítico–Calcolítico (metalurxia do cobre) e da idade de bronce Proto-Atlántico da Galiza (1800-1700/1200-1100 a.C.) que corresponde coa cultura Argárica, varios séculos antes das invasións celtas. A Roda é un magnífico templo-calendario de un valor prehistórico e turístico incalculable. Un recinto cerimonial que nos marca efemérides astronómicas como son os solsticios. Estes templos eran lugares de poder político e relixioso que non existirían senón houbese unha poboación estable próxima. Polo que moitos castros cremos foron feitos en poboados xa existentes pero que estarían feitos con materiais perecedoiros e non de pedra como se ven actualmente os seus restos.
Por outra banda, despois ou durante a época final dos castros, aparece na toponimia de Ribadeo un nome que albisca ser histórico, Porcillán. Un barrio de pescadores na alta Idade Media, mais o seu étimo latino Porto Iulanus ou Julianus provén da época romana. Segundo Dion Casio, no ano 62 a.C. unha escuadra romana dirixida por Xulio César, chega ao lugar de Brigantium ou Brigantum (A Coruña). Con cargo de Pretor ven a Gallaecia no ano 59 a.C. época en que as vías marítimas eran moi importantes, tal que así, que no século II d.C. os romanos levantan a Torre de Hércules, o que demostra a importancia comercial daquel tráfico marítimo. Roma tiña portos estratéxicos ao longo das costas polas que navegaba tanto para abastecer as súas forzas militares, como para procurarse minerais de ouro, estaño e ferro que había por esta bisbarra. Tamén desta zona seguirían importando os romanos, como fixeron anteriormente os fenicios de Tiro, os caracoliños de mar chamados murex (purpura haemastoma) dos que se extraía a cor púrpura coa que tinguían as capas os emperadores e persoeiros da máis alta nobreza romana.
Despois do século I d.C. non volvemos a ter noticias destas poboacións até atoparnos co Diploma do rei don Silo do 23 de agosto de 775 de onde o noso inesquecible veciño, experto lingüista e latinista José María Rodríguez Díaz, deduce e fixa con certeza que o Mosteiro de Esperautano está na planicie de A Graña, concretamente entre os ríos Mera, hoxe desaparecido e o Alesancia (hoxe o río Grande) do que se deriva o actual topónimo de As Anzas. E si había un mosteiro de tal renome no século VIII tiña que haber un poder político e relixioso na zona con bastante anterioridade.
A partir daqueles séculos VIII e IX podemos extrapolar que a poboación das Terras de Ribadeo xa tiñan certa relevancia dentro do territorio do Reino de Galiza. E nos séculos X, XI, XII e XIII está consolidada a poboación do propio Ribadeo sen ningunha dúbida, tal que así, que a primeiros dos século XIII comeza a construción da Igrexa-Catedral de Ribadeo que terminou sendo Colexiata, polo que si Ribadeo a primeiros do século XIII tiña entidade como para ser sé episcopal, quer dicir que xa viña de vello o seu renome e categoría. Perder aquela sé episcopal Ribadeo, foi perder o ser unha gran cidade pero…
Aquí rematamos o noso relato de Ribadeo na Noite dos Tempos, pois xa chegamos a súa Historia con maiúscula, á historia da anarquía feudal até o século XI, dos cabaleiros dotados de aptitudes físicas e de medios financeiros para selo e a súa relación cos señores, cimentada na fidelidade persoal e no reparto de prebendas que acabou por crear clientelas excluíntes pois cada guerreiro obedecía a un señor o que provocaba inseguridade civil e os campesiños cada vez máis empobrecidos quedaron atados ás terras propiedade dos señores. A autoridade real pasou a ser autoridade das decenas de señores (clérigos e nobres) que tiñan en propiedade as terras, aqueles señores que se enredaron en conflitos e guerras privadas entre uns e outros, os bárbaros non viñan do exterior, xurdían no seno da cristiandade esixindo a sangre dos “campesiños servos”. Estaba cristalizando o feudalismo, o nacemento das Ordes Militares de Cabalería, dalgunha das cales se fixo mención nos Escudos de Armas do Concello de Ribadeo. Pero iso é xa Historia escrita.
Zona de cata no Castro de As Grobas do ano 2009 |