Nunha semana, o alcalde leva difundido tres notas de prensa sobre o coronavirus en Ribadeo. En concreto, sobre o brote que afecta ó hospital asilo (non á nova residencia de maiores). Aínda que sobre a orixe circula un rumor insistente, non está recollido nelas, polo que queda como iso, como rumor.
Coa liña de tendencia engadida. |
Á espera de máis novas (é de supoñer que mañá día 30 apareza outra), deixo as novas que recollo na web do concello por orde cronolóxica, tal cal. É dicir, recollendo única e exclusivamente a versión do concello (mesmo sen corrixir posibles erratas):
1.-
POLO MEMENTO QUEDAN SUSPENDIDAS AS VISITAS AO CENTRO
Hospital Asilo de Ribadeo
23/12/2020
Tres residentes do Hospital Asilo de San
Sebastián e San Lázaro, de Ribadeo, deron positivo por covid-19, segundo
informou esta mañá o alcalde, Fernando Suárez. A detección produciuse
dentro dos cribados periódicos que o Sergas realiza nas distintas
residencias e centros de maiores. Estas tres persoas atópanse con
sintomatoloxía leve e foron trasladadas a unha residencia médica que a
Consellería de Sanidade ten habilitada para estes casos en Santiago de
Compostela.
O rexedor contou que “tivemos no día de hoxe coñecemento verbal por
parte dos responsables do Hospital da Costa de Burela, que dentro dos
cribados periódicos que o Servizo Galego de Saúde está facer nas
distintas residencias e centros de maiores, producíronse tres positivos
de persoas residentes no Hospital Asilo de San Sebastián e San Lázaro de
Ribadeo”.
Suárez Barcia dixo que “estas tres persoas, segundo
nos indican os responsables da Consellaría de Sanidade, atópanse cunha
sintomatoloxía leve e xa foron trasladadas a unha residencia médica que a
Consellería de Sanidade ten habilitada para estes casos en Santiago de
Compostela. Por outra banda, infórmasenos de que a totalidade de
traballadoras e traballadores do centro están sendo chamados para facer
unha nova proba de diagnóstico para estar completamente seguros da
situación á que nos temos que enfrontar”.
O alcalde subliñou que
“entrementres, por parte da dirección do Hospital Asilo xa se activaron
de xeito inmediato os plans de continxencia e protocolos previamente
establecidos para este tipo de situacións coa fin de controlar esta
situación para que non vaia a máis. O funcionamento desta residencia en
toda a xestión desta pandemia estivo sendo impecable tanto pola
dirección como pola do persoal traballador, usuarios e familiares
destes. Sempre se cumpriron todos os estándares fixados polas
autoridades Sanitarias competentes, así como tamén neste Centro se foron
implementando desde o inicio da crise sanitaria todas as melloras
posibles de limpeza e desinfección”.
Fernando Suárez engadiu que
“tamén se foi, e se é moi estrito, cos contactos dos residentes cos
familiares ou achegados e todos estes posibles contactos nas visitas se
fan cumprindo os mais estritos protocolos. E igualmente, o persoal
traballador estivo cumprindo cos protocolos establecidos para a correcta
actuación. Con todo, e a partires deste mesmo momento, e en tanto a
situación non sexa normalizada, suspéndense as visitas aos usuarios e
usuarias do Hospital Asilo por parte de familiares”.
Para o
alcalde ribadense “débese ser consciente de que nesta situación de crise
sanitaria por mor do Covid19 non existe risco cero, aínda que o centro
está preparado para afrontar esta situación, tanto a nivel de persoal
como de medios”.
O rexedor engadiu que “ofrecemos toda a
transparencia coa información que poidamos saber por nós mesmos ou pola
información que as autoridades sanitarias autonómicas nos vaian dando
nas vindeiras horas, ao tempo que queremos pedir cautela en comentarios
ou rumoroloxía, a fin de evitar situacións de confusión ou malos
entendidos. Todo parece indicar que a esta emerxencia sanitaria que dura
mais de nove meses, estase traballando arreo con todos os medios e por
todas as administracións e nos vindeiros días, previsiblemente na semana
que vén, as vacinas chegarán, empezando precisamente por estes centros
residenciais como é o caso do Hospital Asilo de San Sebastián e San
Lázaro de Ribadeo”.
2.-
ESTA MAÑÁ FOI REALIZADO UN NOVO CRIBADO NO CENTRO
Novos positivos no hospital asilo
26/12/2020
Rexistrados tres novos positivos por covid19 no
Hospital Asilo de Ribadeo. Trátase de dúas usuarias e unha relixiosa.
Todas presentan sintomatoloxía leve, segundo o alcalde, Fernando Suárez.
O rexedor explicou que “tivemos coñecemento de que ás tres persoas
que deron positivas como contaxiadas de Covid19 temos que engadir tres
persoas máis nestas últimas horas. Neste caso, dúas usuarias e unha
relixiosa. Unha delas foi traslada onte á residencia médica que a
Consellaría de Sanidade ten habilitada para estes casos en Santiago de
Compostela. Outra presentou síntomas hoxe á mañá e foi trasladada ao
Hospital da Costa para analizar o seu estado. En canto á relixiosa, está
mantendo o confinamento total preceptivo para estes casos”.
Suárez
Barcia dixo: “cabe destacar que a totalidade das seis persoas
positivas, as tres do primeiro día e estas tres últimas, atópanse polo
momento con sintomatoloxías leves”.
O alcalde contou que “segundo
nos manifestan os responsables do Hospital da Costa de Burela, na mañá
de hoxe procedeuse a facer un novo cribado xeral para determinar se pode
haber algún contaxio máis ou se pola contra a situación permanece
estable. Agardan ter os resultados en breve”.
Fernando Suárez
indicou que “desde o Hospital-Asilo de San Sebastián e San Lázaro,
mantéñense os protocolos e plans de continxencia establecidos para estas
situacións e con limpezas e precaucións reforzadas para tentar
controlar a situación. Reitérase que nesta crise sanitaria por mor da
pandemia que estamos a vivir non existe risco cero, aínda que o centro
está preparado para afrontar esta situación, tanto a nivel de persoal
como de medios”.
O rexedor ribadense engadiu que “manteremos
informada á cidadanía a medida que vaiamos tendo información, ben sabida
por nós mesmos ou ben proporcionada polas autoridades sanitarias
autonómicas en canto nola vaian facilitando, sempre co mellor ánimo
informativo e para dar a confianza necesaria que evite rumoroloxías e
situacións de confusión ou malentendidos”.
3.-
OS USUARIOS PRESENTAN SINTOMATOLOXÍA LEVE
Situación no Hospital Asilo
28/12/2020
Confirmados 8 novos positivos por covid19 no
Hospital Asilo de Ribadeo, segundo deu a coñecer esta mañá o alcalde,
Fernando Suárez. En total son 14 as persoas afectadas polo gromo
detectado a pasada semana, 13 usuarios que foron trasladados á
residencia do Cegadi en Santiago e unha relixiosa que segue en estrito
confinamento en Ribadeo.
O rexedor contou que “este sábado pasado, despois de detectarse
novos casos de positivos en Covid19, as autoridades sanitarias fixeron
un novo cribado xeral. Os resultados recibidos indican que hai 8 novos
casos de positivos confirmados. Trátase de persoas residentes. En canto
aos do persoal traballador, todos eles deron negativo. Polo tanto, e
aplicando o criterio dos días anteriores, a totalidade dos residentes
diagnosticados como positivos xa foron trasladados á Residencia do
Cegadi (Centro Galego de Desenvolvemento Integral) que a Xunta de
Galicia ten habilitada para estes casos en Santiago de Compostela, onde
tamén se encontran as persoas que xa deron positivo nos días anteriores,
facendo un total de 13 persoas alí desprazadas. A esta cifra débeselle
sumar a da relixiosa que se mantén en estrito confinamento”.
Suárez
Barcia dixo: “segundo nos confirman nas últimas horas os responsables
do Cegadi, todas as persoas manteñen uns niveis leves de sintomatoloxía.
Esta residencia habilitada posúe as características de residencia de
maiores co engadido de que dispón de funcionalidades hospitalarias, que o
resto de residencias non teñen. Estas mesmas autoridades, tanto as
sanitarias do Hospital da Costa como as de Política Social do Cegadi,
indican que esta situación actual deriva dunha previa que vai
desencadeando un gromo, por canto unha grande parte dos afectados son
compañeiros de cuarto de persoas previamente contaxiadas”.
O
alcalde seguiu a relatar que “tamén nos indican os responsables
sanitarios do Hospital da Costa que de cara a mediados de semana farase
un novo cribado xeral para comprobar se o gromo se estabiliza ou se pola
contra hai novos contaxiados, sen prexuízo de que se poidan realizar
novos test de antíxenos de xeito inmediato se algún outro residente
mostra síntomas de contaxio antes dese cribado”.
Fernando Suárez
fixo unha valoración positiva das medidas adoptadas: “valórase polo
tanto como moi positiva a actuación coordinada na aplicación dos
Protocolos e Planes de Continxencia por parte da dirección do centro e
do seu persoal, así como a actitude dos residentes á hora de enfocar
esta crise sanitaria. Igualmente se valora moi positivamente a actuación
coordinada das autoridades sanitarias do Hospital da Costa e das do
Centro Galego de Desenvolvemento Integral por ir desprazando a Santiago a
estas persoas afectadas, logrando así dous obxectivos estratéxicos
neste momento: o primeiro é que os afectados estean nas mellores
condicións de atención residencial e hospitalaria posible. E o segundo é
que o Hospital Asilo de Ribadeo vexa diminuído de xeito moi importante o
risco de transmisión vírica para o resto de usuarios, que viñeron dando
negativo en todo este tempo e que actualmente suman 24 persoas”.
O
rexedor engadiu: “como sempre indicamos, manteremos informada á
cidadanía sexa cal sexa a situación á que nos teñamos que enfrontar, coa
confianza de que en poucos días estaremos no pico de madurez deste
gromo que se iniciou a principios da semana pasada. Farémolo a medida
que vaiamos obtendo información, ben por nós mesmos ou ben proporcionada
polas autoridades sanitarias autonómicas en canto nola vaian
facilitando, sempre co mellor ánimo informativo e para dar a confianza
necesaria que evite rumoroloxías ou situacións de confusión”.