Non soa mal… ‘Ladan’. Por se alguén non se decatou, ‘Nadal’ ó revés. Un nome novo, algo así como dicir ‘prepárate e date a volta’ ante unha festa tradicional. Tampouco me soa mal a idea de dar a volta a esta festa. Non se trataría dun anti-Nadal, senón doutra cousa. A ver se aclaro a idea.
Que vos parecería comezar o ano no Nadal? Refírome a preparármonos para dar a volta e volver a través do 2020. Ou cres que o 2021 vai ser mellor? Pois estou por dicir que non alucines, que o 2020 tampouco tiña mala pinta…
Virus na primavera. Virus no outono. Segunda onda. Terceira onda, din xa algúns. Máis cansazo. Histérese, poderíase dicir: Fenómeno polo cal o estado dun material non depende só da forza que actúa sobre el senón tamén dos estados anteriores o que se manifesta polo retardo do efecto con relación á súa causa, segundo a RAG. Si, a xente estamos cansos de máximos repetidos dos contaxios, de medidas que van e veñen, de incerteza, e respondemos peor. E no outono caía a luz.
Chegou o solsticio de inverno. Agora a renacer a luminosidade, aínda que baixen as temperaturas ata febreiro. Coa luminosidade retómase a esperanza: é un mecanismo ó que respondemos os humanos. Esperanza, un termo que en tempos ‘nadocoronavirus’ pode ser equívoco. Esperanza: chegou a vacina… pero non se sabe moi ben, pode transmitirse o virus igual, non está claro o tempo de protección, segue a haber mutacións… Esperanza, pero non se pode baixar a garda, mentres a economía tradicional afunde e tampouco está claro que para solucionar o afundimento o sistema vaia adaptarse moito, por máis que sexa evidente que o que funcionou foi ‘outra economía’ de solidariedade, resistencia, coidados…
De calquera xeito, hei de confesalo: a idea Ladan chegou a raíz de que todo o mundo dixera que este ía ser un Nadal atípico. Nadal atípico? Que é o ‘típico’ nunha celebración que non ten tanto que ver coas que lembro de pícaro -tamén algo evidente para quen teña unha certa idade-. Este ano dábase por descontado un cambio imposto máis que a continuidade desa evolución que se ven dando. Quizais unha miguiña de ‘re-volución’, pero por suposto ninguén -ou case ninguén- contaba cunha involución. E pode que sexa isto último o que tivo máis importancia: máis que revolucionar a celebración, volveuse a vista atrás, recollendo algo dun sentido perdido ante un mercado que se adaptou, pero non de xeito total.
Somos animais de costumes, pero paga a pena intentalo, o ser feliz sen que as costumes constrúan unha cárcere ó noso arredor, si. Como calquera día da nosa vida. Iso pode significar un pouco de ‘involución’, mais sobre todo debera ser mostra de sabiduría, un moito herdada, pero outro moito anovada para adaptarse a uns tempos que necesitan diso, de adaptación.
Feliz ‘día’, de calquera xeito. Mais, como esta verbas chegarán despois do 25D, quizais para rematar debera preguntar: (tiveches) Feliz Ladan?