Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Electores en Ribadeo (II)


Como xa avisara en ‘Electores en Ribadeo‘, dinlle unha pequena volta na procura de máis datos e máis indicacións. O resultado, a serie de datos oficial dende xaneiro de 2002, (ata agosto, un mes máis que a táboa colgada na web do concello nestes momentos), case 230 datos que compuxen en tres gráficos diferentes:

O primeiro, a serie enteira

O segundo, a comparación das series anuais, destacando a de 2020

O terceiro, a comparación só dos meses abril-agosto, os afectados pola pandemia na actualidade

Vaiamos polo primeiro:

Lembrando sempre que se trata de electores, e non de veciños, vese ás claras un aumento ó longo da primeira década do século, cunha diminución máis lenta ata metade da segunda década e logo, con irregularidades, unha meseta. Nunha gráfica de tanto tempo é difícil observar tendencias pequenas duns cantos meses, polo quje pasamos á segunda gráfica, comparativa ano a ano.

Está destacada en azul groso a liña correspondente a 2020, que só chega ata o mes 8, ata o primeiro de agosto. Dende o mínimo de febreiro (20200201), aumentou 43 persoas o censo en Ribadeo ata agosto (20200801), o que non parece moi representativo aínda que na gráfica se vexa que a liña tira cara arriba, pois a representación está magnificada para unha variación máxima de 600 electores (entre 7700 e 8300), precisamente para dar máis relevancia ás variacións.

Collendo os meses da pandemia, abril á actualidade (agosto, que a última cifra dispoñible), pois en marzo non había pandemia e a xente non podía andar cambiando oficialmente de residencia, queda a terceira gráfica:

Nesta gráfica -na que tamén está destacada en azul máis groso a liña de 2020- apréciase que a tendencia entre abril e agosto é, en xeral, a aumentar o censo de electores, sendo franca minoría os anos que a tendencia é a contraria. Nese sentido, a liña de 2020 estaría na normalidade, non sendo con diferencia o ano de máis aumento, pero tampouco diminuíndo, desmentindo así un aumento de poboación en Ribadeo por trasvase dende as cidades pola pandemia.

O que pase no futuro, a tendencia que poidera parecer lóxica de desparramamento da poboación na procura de entidades máis pequenas ou outras… iso, está por vir e catro períodos mensuais non son abondo para xulgar algo que pode estar a nacer.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *