Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

No nome de Isaac. Pablo Mosquera


No nome de Isaac

Para os galegos o 25 de xullo é a nosa Festa Nacional. Como Comunidade Histórica temos, podemos e queremos, celebrar tal día como símbolo da nosa identidade como pobo, con idioma, cultura e territorio.

Os que vivimos e sentimos esta costa Cantábrica do norte Galaico temos un lugar de referencia. Como o tivo Isaac Díaz Pardo, cuxo centenario celebramos este ano malia a pandemia. Deulle continuidade ao espazo industrial e cultural do Sargadelos nado no século XVIII, inaugurando fai corenta anos esa Cerámica multidisciplinar que asenta na parroquia de Santiago de Sargadelos do Concello de Cervo, por onde discorre o río Rúa camiño da Enseada de Rueta deixando ao seu paso canteiras de caolín, fragas en Rúa e Trasbar, muíños que moven as augas, fentos que se volven cor ouro coas choivas do outono, ou esas marabillosas hortensias multicores.

Sargadelos é o corazón da Mariña. Os visitantes da fábrica inaugurada en 1970, sempre se quedan atónitos diante desas figuras denominadas Mambrú. Ese personaxe nada ten que ver coa canción que as mozas da miña xeración cantaban cando saltaban á corda. Posiblemente, a súa orixe teña que ver con aqueles alfareiros ingleses que entre 1845 e 1862 traballaron para Don Luís da Riva e saíron dos seus fornos na IIIª e IVª etapa, cando a industria dirixíaa Edwin Forester e a Dirección correspondía ao neto do fundador, Don Carlos Ibañez, ao que correspondería a triste sorte de pechar en 1875. Por certo, na nosa inmortal Mondoñedo, chamáronlles Pachecos ou Macacos.

Personalmente prefiro as escribanías e os tarros de boticas. Sigo escribindo con estilográfica e emocióname recordar aqueles plumines que mollados na tinta servían para longas epístolas que a data de hoxe conforman documentos cargados con historias e descricións capaces de axudar aos historiadores para aproximarse á verdade de condutas e razóns de ser en personaxes con valor comunitario. Os tarros son fermosos recipientes que a mandato manexaba o primeiro boticario de San Ciprián, Don Julián Lopez García, discípulo do Pai Baltasar Merino.

Pasear por Sargadelos é recordar a Isaac Díaz Pardo e aquelas palabras que a modo de sentenza pronunciaba en 1946 para unha entrevista: “O artista ha de desgarrarse as entrañas ao parir unha obra e as súas pingas de dor e ledicia lograrán facerse permanentes, de tal sorte que a harmonía maniféstase entre a expresión e a forma”.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *