No outono, antes da chegada do coronavirus, publiquei unha entrada na que narraba as peripecias dunha viaxe que ía ser en tren cun custe para min de 8,70 €, e que rematou sendo en taxis (así, en plural), cun retardo considerable na chegada e por un importe -a cargo de RENFE- moi superior. Foi a causa dun feito puntual, o que non desculpa que feitos puntuais dese tipo se teñan sucedido de xeito alarmante, cunha solución tan descoordenada como a referida. O que pretendía era poñer de manifesto a desorganización organizada dun tren que presta un servizo esencial á Mariña luguesa, ligándoa a Ferrolterra e a Asturias e vertebrándoa internamente. Desorganización que redundaba a máis de nun mal servizo, nun machaque continuo da infraestrutura e clientela serviciada tendente á desaparición do propio servizo.
Dende aquela, o coronavirus e Alcoa incidiron no tema dun xeito brutal. A empresa, ó anunciar a redución na planta de aluminio, a máis do mal causado de xeito directo, no que se refire a este tema, levaría consigo a desaparición do transporte de aluminio por vía férrea, incidindo nas contas da liña e na posible presión para o mantemento da liña.
En canto ó coronavirus, o illamento e as diferentes fases de volta á normalidade propiciaron un descenso do número de viaxeiros. Mais o caso é que, con esa desculpa, o número de conexións foi reducido, quedando a día de hoxe nunha conexión de ida e outra de volta. Un feito que, hai que recalcalo cando xa estamos no que se pretente normalidade condicionada, non corresponde coa actual situación de fase tras a desescalada. É evidente que se hai unha conexión de ida e outra de volta, salvo quizais para o extremo da liña preto do punto de saída, o tren non pode ser unha solución de desprazamento, tendo que complementar o seu uso con outros medios, para a ida ou para a volta. E iso, nun horario moi reducido, o que ven a engadirse ós males estruturais da FEVE Ferrol – Oviedo/Xixón, de situación das estacións, reviravoltas polas rías, tempo de viaxe, falta de mantemento da vía, … Males todos eles que non suprimen a necesidade dun xeito de comunicación que non dubido en cualificar de esencial como parte de calquera transporte público na zona á que serve, a máis de -demostrado está- representar un método abondo máis sostible que o predominante por estrada.