Na medida que somos máis fortes ante a infección, reparamos nas súas consecuencias. Na medida que as cifras de enfermos e mortos se aplaquen, descubriremos as feridas da pandemia sobre o sistema no que vivíamos ledos e combativos.
Non podo por menos que recitar aquel poema de Mario Benedetti que popularizou Serrat. “El sur también existe”. Pois agora somos o sur. E miramos ao norte, ca súa opulencia e lles imploramos axudas. Estamos a descubrir as consecuencias da globalización e da maldita deslocalización. Si, esa fórmula economicista que trasladou a produción para aqueles lugares onde a man de obra é barata, amestrada, sen dereitos. Estamos descubrindo as miserias do capitalismo no que fomos felices consumidores confundindo o necesario co superfluo ao servizo da publicidade ou da presunción na mal chamada sociedade con desenvolvemento tecnolóxico -nenos famentos coincidindo na mesma xeración con nenos con smartphone- ou regos para campos de golf mentres outros seres humanos en África fan quilómetros para saciar a súa sede.
Esa Europa do euro que nola venderon como forte, solidaria, competitiva con outras economías, onde iamos ser cidadáns de plenos dereitos, pero descubrimos que os europeos do sur, se queremos axudas para mitigar a pobreza que nos ameaza, deberemos aceptar as condicións leoninas para acceder ás súas axudas de usura, e así ser os seus escravos. E como aperitivo aí están eses fondos europeos de recuperación que nos negan. Berramos, pedindo acceso a liquidez, como enerxía vital para as empresas, esquecendo normas e tratados que se quedaron inservibles, pois aos Estados confinados pola pandemia, arróxanos a endebedarse como única solución de supervivencia. Pero si queremos sigan vivos os pequenos emprendedores e traballadores, necesitamos ingresos solidarios para que a pandemia non nos transforme nunha legión de parias famentos e desesperados e ser pasto de ideoloxías totalitarias.
Buscando puiden atopar o pensamento público dun home de Estado. J. Borrell desde o seu exilio avísanos. África será o novo foco para a segunda oleada. “Haberá que buscar respostas coordinadas a escala global”. Para sacar a Europa da crise económica, que poñerá en perigo a propia supervivencia do proxecto común, fai falta un plan de débeda mancomunada, xa que moitos países non poden endebedarse máis. “Fan falta fórmulas e mecanismos financeiros máis solidarios e unitarios porque as circunstancias requíreno”. Fai falta actuar desde os Estados para que non haxa unha destrución do aparello produtivo.
Pero hai moitas dificultades. A primeira, a talla dos dirixentes. A segunda, as tácticas para facerse co poder geopolítico. A terceira, o desprezo ao pobo, ao que tratan como mero asento contable. A cuarta, a alienación para as novas xeracións. A quinta, o control férreo sometendo ás liberdades. Pero, a resposta a tanta inxerencia… Só nos falta gritar como en tempos do “nefasto Fernando VII”, ¡vivan as cadeas!