Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Canto mide Ribadeo?


   Tárdame volver a recorrer as túas rúas, Ribadeo. Recorrelas con tranquilidade, entre xente, parando a saudar e vendo ós demais mover a boca tamén con tranquilidade ó falar. Sen medir os pasos, pero sentindo no corpo que están dados. Coñecendo que hai quilómetros e quilómetros para recorrer. Que os catro quilómetros de rodeo ó pobo conteñen moitos outros no seu interior, mesmo con rincóns moi de cento en vento visitados.

   Sabendo que non só se pode ver dende a altura que representa un piso nun edificio, senón de pé na rúa. Sabendo que existen tellados máis aló destes que nos tapan como un valado.

   Sabendo que un longo minuto sóbrame para recorrer o corredor, pero ese mesmo curto minuto non me chega máis que para facer unha parte da rúa, sen chegar ó límite e ter que dar volta. Non, da rúa Pasarón y Lastra podo ir por Bispo Cebeira, ou por San Miguel, subir pola costa de Juanita cara a Calvo Sotelo ou continuar cara á baixada a Guimarán, ou… cara arriba, abaixo, á dereita, á esquerda, ábrese un e outro camiño e posibilidade. E chegar e continuar, se se quere, máis aló das rúas, cara ó campo.

   Tamén sabendo que se pode variar a modalidade. Paseando ou facendo deporte. Con pasos vigorosos ou suaves, facendo os pequenos detalles vistos motivo de parada. Escoitando os sons da xente, dos animais, das máquinas, do vento, todos. Si, tamén os desagradables, pasándoos rápido, tal vez deixándoos atrás despois de apurar un pouco, se se pode. Ou polo contrario, tentando un illamento a traverso da música directamente nos oídos.

   É dicir, aplicando liberdade. Neste caso, liberdade de movemento que estou a describir, sen perxudicar a ninguén, nin á a súa liberdade correspondente.

Non, non será a única liberdade que exercer cando remate o confinamento.

   Mentres, a lembranza do entorno acompaña o encerro. E todos e cada un de nós pode dicir “Ribadeo, estás aí e sei que estou en ti, o mesmo que ti estás en min”. E mentres o tempo chegue, recorrer as súa rúas é vagar polo fogar, xa calorosamente coñecido aínda que quede algún recuncho por deixar a pegada ou detalle por mirar. Como ocorre con Ribadeo.

   Vexo as gaivotas voar libres e sentimentos contraditorios recórrenme. Por unha beira, ansia de liberdade. Por outra, a seguridade, a miña e a dos demais.

Sei que a seguridade non pode ganar sempre á liberdade. Non, a seguridade ten un límite, o que lle deixa a liberdade. E a liberdade é a vida: se queres vivir, necesitas liberdade, chegará un momento en que terás que collela e abandoar a seguridade convertida en trampade procura de seguridade total.

   Hoxe antóxaseme que a primeira liberdade que usarei será sinxelamente saír recorrer as rúas, a ‘medir Ribadeo’. Pero polo de agora, prima a seguridade.

   Que canto mide Ribadeo? Mide o que tu queiras en liberdade.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *