Remato de velo. Hoxe, 30 de marzo, sobrepasamos a China en número total de infectados despois de tela duplicado xa onte en número de mortos. A este paso, é posible que cheguemos a adiantar a Italia en contaxiados en cousa dunha semana, pero a cousa non está clara, pois tamén aquí está comezando a diminuír o número de novos infectados diarios. A lembrar que Italia ten un 33% máis de poboación que España. En número de mortos por millón de habitantes aínda non a sobrepasamos, pero en número de infectados por millón, si, somos campeóns en densidade de virus…
En números totais, non hai esperanza de acadar a cifra dos EEUU, que ademáis está medrando moito máis rápido que a nosa a pesar de que a contabilidade de casos alí e aínda peor que aquí. Polo que parece, abondo peor. O mesmo que o cómputo de número de mortes por esta causa.
Vale, chega xa de merodear arredor da morte. As estatísticas sácoas de lugares que xa estaban funcionado na rede antes da pandemia. O que fixeron foi crear un apartado máis. Punto.
Abondo máis preocupante é o espectáculo ó que estamos asistindo dende antes do estado de alarma. Quen ten a costumbre de meter bulos, viu unha oportunidade, un filón, e seguiu a toda máquina, algúns con máis tempo, pero en xeral, de xeito máis virulento. Máis insultos, máis graves, máis mistura de cousas que non teñen que ver. Para dar un conglomerado que é imposible desfacer porque nin está feito, e menos aínda de comprender totalmente as partes antes de que teña mutado, el tamén a modo de virus, noutro aínda máis sen pés nin cabeza. Pero con moita pegaxosidade para infectar.
Pola miña parte, xa comecei un illamento terapéutico das redes sociais: consumo limitado a determinadas horas e bloqueo de tóxicos. Por iso tamén, comprendería que esto que escribo tivera menos difusión nas redes que noutros tempos: a inflación fai que teña menos visibilidade xa de por si, a máis de que inflúe nas ganas da xente de informarse. E require un esforzo suplementario, primeiro seleccionar e logo interpretar, para que non lle colen a un mentiras e desinformación, contaxiando a mala bilis.
Por certo, que a interpretación e a selección que facemos todos tamén ten nesgos, en xeral. A modo de anécdotas curiosas -graciosas quizais, pero non as súas implicacións- sirvan para ter isto en conta dúas novas moi diferentes en tema, e separadas varios anos en data:
– A porcentaxe de estadounidenses que cren pertencer ó 1% de “máis ricos” é o 13%
– O número de condutores en España que cre que conducen mellor que a media sitúase entre o 80% e o 90%
—
Actualización 20200404:
Por desgraza, hoxe xa sobrepasamos a Italia en número de contaxiados reportados.