Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

As persoas que nos deixan as súas pegadas. Por Pablo Mosquera


¡Protesto!. Hai demasiadas páxinas e tempos nos medios de comunicación para a política e os deportes. Polo menos o segundo ten unha divisa salubre. Mens sa in corpore san. Aínda que se converteu nun espectáculo e un produto para o consumo, que logra ser espazo sen teito para a economía do sector servizos. Só así se explica a alerta economicista que desencadeou a posible suspensión dos Xogos Olímpicos para o próximo verán.

Pero entre tanta noticia que vira a inventario dos poderes que manexan á democracia ou á partitocracia, ás veces atopo noticias que me fan sorrir e reconciliarme comigo mesmo. Ese Retrato de Cunqueiro a través de 200 artigos, cuxo autor Miguel González Somavilla reúne baixo o título “Ao pasar dos anos. Artigos xornalísticos 1930-1981”. ¡Que delicia volver ao mundo fantástico do gran Mindoniense!.

Di algo que aprendín cos grandes escultores vasco-navarros -Ibarrola, Chillida, Oteiza-: cando un autor está centrado sempre é reconocible pola súa obra. Non necesitan asinar, sábese de certo que lles pertence. Por iso comparto que o estilo articulista de Álvaro Cunqueiro recoñécese coa lectura dos seus textos.

Pero iso mesmo sucédenos co noso profesor do Instituto Lucus en Lugo, don Jesús Alonso Montero, que resulta inconfundible. O mesmo que nos “encantaba” coas súas ocorrencias e leccións, para daquela ser un xogador máis naqueles partidos de futbol do patio entre o masculino e o feminino. Ou como conversador cando nos conta as peripecias dos seus amigos e compañeiros, caso doutro dos meus profesores; Pedro Martul Rei, casado con Anxos Tobío -íntimos amigos dos meus pais na Compostela dos primeiros anos sesenta-

Algo así pode dicirse de dous artistas mariñáns. Alguén que frecuente as exposicións e o coñecemento da pintura e a cerámica, non é capaz de recoñecer a obra de Xoán Guerreiro ou a de Sito Otero Regal?. Alguén que sexa “adicto” á lectura historiográfica non é capaz de sinalar o estilo inequívoco, pola súa rigurosidade e xenerosidade nos datos, dos traballos de Carlos Novo Cal?.

Comparto o devandito polo gran Cunqueiro: “benditos os meus imitadores porque deles serán os meus defectos”. A través de todos eles, coñecemos a alma dos galegos, a paisaxe da nosa inmensa Galicia, a capacidade infinita deste pobo noso para sorprender ao viaxeiro.

Por todas estas cuestións, persoais e intransferibles, acudo unha vez ao mes a esa inmortal Mondoñedo. Detéñome ante a fonte vella, escoito a auga mesturada cos sons de a Ronda e A Paula, visito a Alameda dos Remedios para saber se se aproxima a primavera nas follas dos magnolios, para rematar sempre saudando aos ausentes e facelos presentes, no Campo Santo da nosa vella e irrenunciable capital. “Eiqui xaz alguén que coa sua obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis”. Xa entón podo regresar á mar do norte, a escoitar o son das mareas que transforman o azul en branco no medio do granito e entre os grises plomizos do firmamento.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *