Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Dando unha volta sobre a bicicleta


   Cada vez aumenta máis a diferencia de posibiliddes de mobilidade entre as cidades e os pobos e o campo. Cada vez máis, a técnica desenvolve métodos comunitarios ou non que son máis doados de aplicar nas cidades e menos en lugares con baixa densidade de poboación ou núcleos pequenos. Por iso, cada vez máis, debéramos aproveitar as posibilidades que nos brindan os métodos dos que podemos dispoñer neses lugares nos que vivimos e menos se teñen en consideración.

   E ben, que hai dos cambios na mobilidade para facela sostible? Hai xa dez anos comezárase en Ribadeo polo principio, cun estudo colaborativo e ó tempo, concienciativo, que non tiña mala pinta. Dez anos despois, o uso das bicicletas nos desprazamentos, unha das medidas que se apuntaba e que mesmo foi promovida de xeito privado, non parece ter aumentado sensiblemente. E digo parece porque no que é de dominio público, segue sen haber estatísticas ou estudos cuantitativos (nin cualitativos) do uso no noso pobo e as infraestuturas que poderían facilitar ese aumento, como carrís bici, ou a facilidade de paso na Ponte dos Santos (algo que foi preguntado polo Tesón ó pleno), nin están nin se lles espera. Iso si, carteis coa lenda de ‘vila amiga das bicicletas’ levan tempo á entrada do pobo (que non do concello). Isto, nun concello onde non é a primeira vez que apunto que, o alcalde dende hai máis de 12 anos, ten como deporte de base o ciclismo. Ó tempo que contabiliza un dos tramos de estrada máis perigosos de todo o estado, no que a rede de transporte público fai difícil a mobilidade por eses medios na maioría do termo municipal ou no que se levan ‘humanizado’ diferentes lugares da vila.

   Mentres, seguen a aparecer nos xornais novas (protestas / peticións / realizacións) relacionadas case de xeito exclusivo co tráfico a motor de combustible, pero non coa bicicleta, das que se ve circular ou estar aparcada unha por cada varios centos de coches. Así pois, que sexa un transporte máis ecolóxico, práctico, barato, coas bondades dun desprazamento activo, mesmo rápido (aínda admitindo matices) non chega para favorecer a súa potenciación.

   A conta da potenciación do uso da bicicleta lembro o que pasou cando Ribadeo (en outros moitos lugares foi semellante) peonalizou as rúas céntricas. Primeiro, protestas, pero logo foron esquecidas cando chegou o desfrute xeral da peonalización.

   Sen reparar ademáis que esa falta de potenciación favorece o descoñecemento de posibilidades como a bici compartida ou contribúe ó fracaso das bicis de aluguer, por non falar de iniciativas como enbicisinedad.org que pode beneficiar ó funcionamento da residencia de maiores…

   Ou que nun momento de necesidade de abandono dos combustibles fósiles, as bicis eléctricas poden ter unha función de facilitación do cambio de modelo de mobilidade.

   Damos unha volta en bici?


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *