Deixo aquí o podcast do pleno de 20190924 ata pasada a hora e media do comezo. Transcorreu segundo a convocatoria, como é normal. A aprobación da acta anterior foi unánime e con 11 asistentes pasouse ó segundo punto, a petición para declarar BIC ó galeón S. Giacomo di Galizia. Resulta que o PP introduxo a petición de modificación, que ía na liña da moción que xa foi tratada no seu momento (4 de febreiro de 2016, non hai acta na web do concello) na que se pediu ó propio concello que se puxera ó traballo con outras institucións, nomeadamente Deputación e Xunta, para o desenvolvemento dun proxecto museístico no forte de San Damián que incluíra o relacionado co galeón. Ó final, fíxose un revoltillo con todo e aprobouse por unanimidade, aínda que estimo que quedando claro que o cumprimento anterior do acordo do concello foi moi limitado. Por certo que polo medio xurdiu o tema da conservación dos restos fronte ó desenvolvemento mercante; só un par de comentarios que coido tería sido interesante desenvolver algo máis por ver a ‘filosofía’ do Ribadeo que quere a corporación.
O punto terceiro, sobre as contas do ano pasado, deu lugar a falar da desviación do 9% sobre o teito de gasto cun incumprimento de 512 € (exposición do secretario no minuto 26 do podcast, e discusión posterior), e no que se falou de si o incumprimento era por falta de apoios doutras institucións (Xunta) ou culpa do concello, pero non se puxo en dúbida unha norma que foi introducida na Constitución (art. 135) sen ser votada polo pobo.
O punto cuarto consolidou o acordo cos sindicatos no máximo de aumento de soldo dos funcionarios para este ano, 0,25%
O punto 7 aprobou por unanimidade o plan de igualdade, no que a encargada de defendelo, M. Luz Álvarez, gabou a elaboración participativa nun pleno con 7 mulleres e 6 homes nas votacións, pero no que non había mulleres entre as tres persoas do persoal do concello e só 2 entre os 11 do público.
As mocións comezaron coa petición sobre o abastecemento da auga, onde de novo saíu o enfrontamento coa Xunta. O audio remata antes da votación desta moción.
Como comentario xeral, coido que se podía evitar moito desgaste, tempo e perda de eficacia se se deixara de identificar partido e institución na que está gobernando, xa sexa Concello, xunta ou Deputación (aínda que o PSOE prácticamente non interviu neste pleno).