(Versión para os medios de http://ribadeando.blogspot.com/2019/08/verquido-de-purins-salvados-pola.html e http://ribadeando.blogspot.com/2019/08/verquido-de-purins-ii-alguns-detalles.html.)
Polo que parece, varias centeas de miles de litros de zorra foron liberados ó río Ouria en Guiar, parroquia dA Veiga, Asturias. Resulta que o río Ouria desemboca no Eo, casualmente, un pouco máis abaixo da captación de augas de Ribadeo, co que en principio libramos dunha contaminación que tería deixado a Ribadeo e Trabada sen servicio de auga varios días, ó non só captar auga contaminada senón tamén contaminar os depósitos e as conduccións mentres non se tomaran medidas.
En Guiar hai varias instalacións gandeiras grandes a escala da zona. Unha delas, cun depósito de duns 350 m2 de superficie, con capacidade de máis de 1 millón de litros de zurro, tivo un fallo polo que unha tubería quedou durante horas desentroncada. Horas de noite, polo que tardou en ser descuberta. A aclarar ademáis que o verquido poido ser peor, pois a balsa non se baleirou.
O entronque estaba feito, ó parecer, por pegado entre tubos, sen pezas de ensamblaxe. O desnivel de varios metros na tubería de desaloxo do depósito, implicando unha presión significativa, rematou por facer que ambos tubos se desprenderan un do outro e se iniciara o verquido, que se produciu a algo máis de 3 km río Ouria arriba da desembocadura no Eo.
O verquido produciuse a unha taxa variable, dunha orde de magnitude de varias deceas de litros cada segundo, impactante para o Ouria, aínda que relativamente abondo menos para o caudal do Eo, que no lugar da desembocadura do Ouria ten unha anchura duns 15 m e un caudal típico de 19,61 m³/s (case 20 000 litros cada segundo). Estamos en tempada seca, co que o caudal é abondo menor: o valor tomado pola Confederación Hidrográfica do Cantábrico que amosaba a súa web poucas horas despois do verquido era de 1,67 m3/s, isto é, menos de 2000 litros por segundo. A aínda así un par de órdenes de magnitude superior ó caudal do verquido. Iso fixo que a mancha de contaminación no Eo fora ancheándose progresivamente dende a marxe asturiana por onde desemboca o Ouria ata a galega.
A caseta de toma de augas para Ribadeo e Trabada queda máis de 300 m Eo arriba da desembocadura do Ouria, co que aínda coa lentificación da auga na suba de marea non era previsible a contaminación do sistema de aguas de ambos concellos. Só o principio de precaución e prevención ante posibles responsabilidades nun caso moi extremo puido dar lugar a un aviso de evitar o consumo de auga da traída, sobretratada en prevención dunha continxencia así.
Outra cousa ben diferente é a calidade das augas río abaixo e na ría. Se ben a cantidade de zorra verquida é un volume considerable, non deixa de ser de catro ou cinco ordes de magnitude menor que o volume de auga na ría. Aínda así, abondo como para declarar a auga en mal estado, coa prevención de baño e consumo de alimentos extraídos da ría.
A auga na ría sábese que se renova totalmente nunhas tres mareas, co que en cousa de día e medio a ría podería considerarse máis ou menos limpa aínda no caso de non ter actuado con filtros anticontaminación. Como hai outros factores, como tempo de escorrentía, lama afectada, etc, o tempo a considerar para pensar en tomar un baño nos Bloques debe ser maior.
Queda por tratar o impacto nos seres vivos do entorno. Para os do río Ouria no tramo afectado, en xeral a resposta será un R.I.P, aínda coas barreiras anticontamonación. Hai que lembrar que o verquido estivo un tempo sen filtro de control ningún. Para outros animais, como as ostras se cultivan e que invaden a ría, mellor non comelas nunha tempada, ata que os análises pertinentes se normalicen.
Queda tamén por ver o que se aprendeu do incidente, tanto a nivel de actuacións preventivas como de xeito de facer as cousas (métodos de traballo, permisividade, etc) ou ó nivel legal. Actividade que fai moita falta. Iremos vendo se se aprendeu a afrontar os problemas atacando as causas e non tratando sinxelamente de paliar os efectos.
Por último, para poñer en perspectiva: a balsa de lodos de Alcoa, cunha superficie de 40 Ha, ten un volume de lixo incomparablemente superior.
Por esta volta, houbo sorte. Iso si, o Eo sufrirá. A ría sufrirá. Máis.