Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Verquido de puríns/zorra? II: algúns detalles


Parte I: Verquido de puríns? Salvados pola xeografía (e a gravitación universal)

En Guiar hai varias instalacións gandeiras grandes a escala da zona. Unha delas, cun depósito de zurro de máis de 1 millón de litros, tivo un fallo polo que unha tubería quedou durante horas desentroncada. O entronque estaba feito, ó parecer, por pegado entre tubos, sen pezas de ensamblaxe. O desnivel de varios metros na tubería de desaloxo do depósito, implicando unha presión significativa, rematou por facer que ambos tubos se desprenderan un do outro e se iniciara o verquido, que se produciu a algo máis de 3 km río Ouria arriba da desembocadura no Eo.

Os 580 000 L verquidos son estimativos, se ben vendo o desnivel no depósito, son abondo realistas ó tempo que se ve claramente que o verquido podía ser moito peor.

O verquido produciuse a unha taxa variable, dunha orde de magnitude de varias deceas de L/s, impactante para o Ouria, pero abondo menos para o caudal do Eo, que no lugar da desembocadura do Ouria ten unha anchura duns 15 m e un caudal típico de 19,61 m³/s (19 610 L/s). Estamos en tempada seca, co que o caudal é abondo menor (o valor tomado pola CHC que amosa nestes momentos na web é de 1,67 m3/s), mais aínda así un par de órdenes de magnitude superior. Iso fai que a mancha de contaminación vaia ancheándose progresivamente dende a parte asturiana por onde desemboca e tarde en acadar a parte galega do Eo.

A toma de augas para Ribadeo e Trabada queda máis de 300 m antes da desembocadura do rego no Eo, co que aínda coa acumulación de auga na suba de marea non é previsible contaminación do sistema de aguas de ambos concellos. Só o principio de precaución e prevención ante posibles responsabilidades pode dar lugar a un aviso de evitar o consumo de auga da traída, sobretratada en prevención dunha continxencia así.

Outra cousa ben diferente é a calidade das augas río abaixo e ría. Se ben a cantidade de zorra verquida, máis de medio millóns de litros, é un volume considerable, non deixa de ser menor que unha trintamilésima parte do volume de auga na ría nunha marea chea. Aínda así, abondo como para declarar a auga en mal estado. Auga que se renova totalmente nunhas tres mareas, co que en cousa de día e medio a ría podería considerarse máis ou menos limpa. Como hai outros factores, como tempo de escorrentía, lama afectada, etc, o tempo a considerar para pensar en tomar un baño nos Bloques debe ser maior.

Queda por tratar o impacto nos seres vivos do entorno. Para os do río Ouria no tramo afectado, en xeral a resposta será un R.I.P.; para as ostras invasoras na ría, mellor non comelas nunha tempada.

Queda tamén por ver o que se aprendeu do incidente, tanto a nivel de actuacións preventivas como de xetio de facer as cousas ou o nivel legal. Iremos vendo, e poñendo en perspectiva que a balsa de lodos de Alcoa, cunha superficie de 40 Ha, ten un volume de lixo incomparablemente superior.

Deixo a ligazón á nota de prensa do concello de Ribadeo como complemento.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *