Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Un pleno pedido sobre o funcionamento da residencia de maiores (II)


Despois de poñer no blog estes días varias entradas relacionadas, deixo en baixo varios comentarios escritos (tiven comentarios orais, mesmo por teléfono, pero sen gravación de respaldo non quero nin facer unha síntese).

O primeiro, unha nota de prensa, de En Marea, sobre o desenvolvemento do pleno e dos primeiros meses da residencia:

PLENO RESIDENCIA TERCEIRA EDADE

Onte celebrouse un pleno municipal sobre a residencia da terceira edade nun tono bronco e pouco acaído para crarexar as dúbidas que puidemos ler na prensa nas últimas semanas.

Lembremos que a residencia comezou a sua actividade o día 14 de xuno sen ter conectado o gas, o que impediu a actividade regular da cociña e levou a contratar un cáterin privado. Como consecuencia incumpliuse a norma 4.32 das bases da adxudicacion que esixe que os alimentos se elaboren nas cociñas do centro diariamente con alimentos frescos. Xa é dabondo coñecido que o concello non deu nengún tipo de explicación sobre estas circunstancias ate que empezaron as protestas.

Deixando aparte aspectos colaterais imos resumir o que quedou claro no pleno e o que non.

Quedou perfectamente claro que os responsables da apertura do centro sabían que o gas non estaba conectado e as cociñas non iban funcionar para dar o servizo completo. Non quedou claro porque se tomou esa decisión sen agardar a conectar o gas e poñer a funcionar as cociñas a pleno rendimento. Tampouco quedou claro quen tomou esa decisión.

Non se falou da prescripción citada mais arriba que obliga a que os alimentos sexan elaborados na cociña do centro nen da esixencia de persoal cualificado para a elaboración das comidas pero resulta obvio que non se cumpliu esta norma porque as comidas viñeron de fora durante varias semanas. Tampouco sabemos se os responsables da apertura do centro eran coñecedores da irregularidade que estaban cometendo traguendo a comida de fora.

Tratouse moi de pasada o asunto das ratios de persoal. Non se falou de porque se aprobaron as ratios mínimas que esixe a normativa vixente nen cales foron éstas a longo dos días dende que se abriu a residencia.

Para o noso entender non quedou claro o trámite administrativo preceptivo para abrir a residencia. Deuse a entender que este era o Permiso de Inicio de Actividade concedido pola Xunta de Galicia o día 17 de marzo de 2019. Pero non se entende que se ese o último trámite ou autorización porque non se abriu ao día seguinte. Como tampouco se entende que se concedese o PIA sen conectar o gas se este era o último trámite ou garantía legal de adecuación ao proxecto.

Finalmente non se falou unha palabra da participación da veciñanza, da creación dunha asociación de familiares e veciños para o seguimento e colaboura cos servizos sociais e non se deu nengunha explicación de porque os usuarios, familiares e a opinión publica non foron informados inicialmente da falla de conexión do gas o non funcionamento correcto das cociñas e a elaboración da comida fora do centro, incumplindo a norma devandita. Folga suliñar que se non se houbesen denunciado, estas circunstancia parasarían desapercibidas, porque o concello non fixo nengún aceno que suxerise a vontade de informar á sociedade.

Omitimos calquer valoración ou opinión. Esto foi o que sacamos en en limpo do pleno. Se alguén ten outra opinión agradecemoslle a sua comunicación pública ou privada.

COLECTIVO EN MAREA RIBADEO

O segundo, un comentario á entrada Un pleno pedido sobre o funcionamento da residencia de maiores realizado sobre o facebook, relacionado coa oportunidade política que mencionaba de pasada na entrada Despois da loita pola construción da residencia de maiores de Ribadeo e coas palabras do portavoz popular nas que se desliga no pleno da postura anterior do seu partido ó non colaborar na construción e mantemento:

non digo que as cousas se fixeran ben, pero tamen digo que sin haber aportado un euro por parte da Xunta (cartos de todos non do partido popular, que teñen a puta costumbre de vendernos cousas como propias, sendo os cartos de todos) veñen agora facendose os abanderados dos residentes

O terceiro, a nota de prensa liberada polo goberno municipal ó día seguinte do pleno:

PROTAGONIZOU UN PLENO EXTRAORDINARIO CELEBRADO ONTE


Centro de atención a persoas maiores


14/08/2019


O alcalde, Fernando Suárez, asegura que o centro
de atención a persoas maiores está a funcionar con absoluta
normalidade. O rexedor manifesta que as incidencias que puideron
producirse no seu arranque foron corrixidas o antes posible. Suárez
Barcia subliña que a apertura dun novo centro destas características
supón sempre un reto e un desafío e di que no equipo de goberno “somos
moi sensibles co que poida pasar alí”. Na actualidade son 26 os
residentes aos que se irán sumando outros 18 ao longo dos vindeiros
días.

Fernando Suárez explicou que “celebramos onte o pleno que forzou a
convocatoria do Partido Popular de Ribadeo sobre o suposto mal
funcionamento do centro de atención de persoas maiores de Ribadeo. Desde
o goberno municipal fomos e somos, desde o minuto un, sensibles ao que
poida pasar alí porque se dalgunha cousa somos culpables é de poder ter
realizado esta obra e de poñer a andar esta residencia para honra dos
nosos paisanos e das nosas paisanas. Hai xa uns días convocamos a todos
os grupos a unha comisión informativa onde viñeron os máximos
responsables do funcionamento deste centro para darlles cumprida
información aos corporativos das dúbidas que puideran ter. Así veu a
directora do centro, que é persoal laboral da Deputación, tamén veu a
funcionaria responsable do contrato entre a Deputación e a empresa que
executa os servizos, e tamén veu o asistente social municipal”. 

O
rexedor contou que “nesta xuntanza deron cumprida información e
responderon a todas as preguntas que lles puideran ter feito e onde
quedaron aclarados varios aspectos moi importantes. En primeiro lugar
que o centro sempre traballou cumprindo a ratio de usuario-persoal, e
que nos traslados de usuarios ao centro de saúde ou consultas médicas
cumpriuse a normativa establecida na lexislación de aplicación e nos
pregos de prescricións técnicas. Tamén dixeron que o persoal que iniciou
o traballo no centro e que ao cabo duns días non volveu, ben porque
renunciou ou porque non pasou as probas, foi debidamente substituído por
persoal coa titulación requirida e coa mesma xornada laboral, e que en
definitiva, por problemas alleos ao Concello e á Deputación,
aproximadamente durante quince días non se puido usar a cociña principal
polo que, atendendo aos criterios dos técnicos, botamos man da
contratación legal dun servizo de cátering da mellor calidade e de
cercanía que funcionou marabillosamente. Desde hai xa varias semanas, o
servizo de cociña está integralmente funcionando coa cociña da
residencia sen maior problema. Finalmente, como todo o mundo pode
comprender e como na vida mesma, a apertura dun centro novo, con novos
usuarios e novos traballadores, supón un reto e un desafío no que sempre
se van producir incidencias. Todas estas incidencias que ocorren aquí, e
máis na China Popular, están sendo corrixidas e sempre con maior esmero
e atención tanto por parte da Deputación, a través do seu persoal de
dirección, como do Concello de Ribadeo”.

Suárez Barcia dixo que
“toda esta explicación dada polos técnicos o outro día na comisión
informativa, e da que quedaron conformes os diferentes voceiros e así
figura na acta redactada polo secretario, serviulle de pouco ao voceiro
do PP no pleno de onte e a aquela máxima de que non podía permitir que a
realidade lle puidese cambiar un bonito titular. De aí que fixo gala
desta correspondente dose que ten de alarma, de excitación, de
sobreactuación, e deixou ben ás claras que pouca idea ten do
funcionamento real das cousas, xa que mesmo quedou en ridículo ao
descoñecer que o permiso de inicio de actividade o deu a propia Xunta de
Galicia, que non o dá o Concello con ningunha licenza de apertura
inexistente, na lexislación actual. Polo que xa indica o nivel de debate
e de argumentario facendo gala daquela máxima popular de que moito
ruído e poucas noces”.

O alcalde ribadense subliña que “o centro
funcionou e funciona ben. Hai 26 usuarios e usuarias e nos vindeiros
días irán entrando paseniñamente outros 18 máis, por mor da última
comisión de valoración celebrada a semana pasada. É un orgullo para
Ribadeo ter este centro que, como todo na vida que é novo, pode ter
incidencias que se van resolvendo de maneira inmediata e eficaz, e se de
algo somos culpables é de telo feito e loitado xunto coa Deputación
para mantelo e lograr que funcione. Todo isto a pesares de que a Xunta
do PP non deu un can en ningún momento nestes anos anteriores, amolou
canto puido e un pouco máis, e agora este novo concelleiro, con ansias
de bombeiro pirómano, queira botar terra en algo que tanto custou. Desde
logo que non vai ser así, imos seguir traballando duramente e seguir
sendo transparentes, pero non imos pasar ningunha mentira que esta
persoa queira levar adiante”.

O alcalde, Fernando Suárez, a
concelleira de Servizos Sociais, Mónica Freire, e o asistente social
municipal, José Luis Gegunde, visitaron nas últimas horas o centro de
atención a persoas maiores e pasaron pola cociña para ver de preto a
elaboración do menú que ían degustar os usuarios e usuarias desta
instalación.

Esta nota viña acompañada da seguinte documentación:


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *