Nos comezos do século XX a provincia de Lugo ten aduana de primeira categoría en Ribadeo, un magnífico caserón abandonado en canto ao uso. Contaba ademáis tal cidade cos consulados da República Arxentina, Austria, Francia, Inglaterra, Portugal, Rusia, Suecia, Noruega e A República Oriental do Uruguai.
A Galicia do norte Cantábrico tivo aos cataláns como emprendedores. Aí están eses caseróns que foron fábricas de salgadura para sardiña e despois conserveras. Algo temos en común galegos e cataláns. Os nosos devanceiros xudeus. A nosa vocación pola mar. O noso sentido de patria pequena que vén dado polo amor á terra da que somos fillos.
En Ribadeo comeza a Galicia de hoxe. A que chega ata a desembocadura do pai Miño. Ese porto natural na ría á que dá nacemento o Eo, sempre con vocación comercial. De aí nace o espírito de home de acción do Ilustrado Ibáñez, precursor da cerámica que no século XIX leva o nome de Sargadelos.
Por iso non é de estrañar que un Barcelonés, como José Ramón Leal abrirase camiño na cidade do Viejo Pancho. Ademais hai raíces galegas que imprimen carácter, neste caso da Terra Chá, a mesma que lle deu vida ao noso, inesquecible Manuel María, quen desde a Vila Mariñeira de Foz, creou fermosos versos -Galicia e a terra o mar e o vento-. Esa terra mesturada con auga e lume que dá vida ás fermosas pezas de cerámica para un comercio con nome máxico: Terra Branca. Unha galería de arte. Un escaparate con vida. Un lugar multidisciplinar para a cultura.
Tanto Sito Otero Regal como José Ramón Leal, necesitan regresar continuamente a Barcelona, a cidade que desde O Tibidabo baixa polas rúas do ensanche creado por Cerdá, camiño da Mar, ben polas Ramblas ou ben polo Paseo de Gracia. Como Ribadeo o fai desde a súa Atalaia cara a Porcillán. Nos seus regresos poñen en marcha unha das mellores ferramentas do ser humano: curiosidade mesturada con sensibilidade.
O resultado, a elegancia, o deseño, a artesanía, o bo gusto, para compartir con xentes que se espertan mirando ao Levante, onde sae o sol -polo Cabo de Creus, e dormen coa maxia do Ara Solis en Fisterra, polo oeste.
O mellor que se pode dicir é: “A mestura de culturas mariñas tróuxonos o encanto dunha pequena tenda que é unha galería de arte”.