Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Novas do concello de Ribadeo : anos do 1936-1940 (1)


   Onte recibín unha ligazón que apreciei:
   Novas do concello de Ribadeo : anos do 1936-1940 (1)

   Doado de procurar en Google, aconsello o artigo, en espera da segunda parte. Nel, Isidro, vai debullando algún feito, como que ata o 23 os grupos armados golpistas non entraron en Ribadeo, e que a primeira ‘cousa institucional’ que fixeron foi o nomeamento de alcalde. Sobra dicir que a dedo, e pola legalidade da imposición. O ‘afortunado’ foi Antonio Moreda Rodríguez, avogado, que recibiu o encargo do representante da guardia civil en Ribadeo, F. álvarez Holguín.

Faise eco o artigo de diversas doacións do concello para peticións tamén diversas, de axuda para unha prótese artificial para un ferido no ataque a Ribadeo ó sufraxio de gastos para un avión, logo trocados para un navío. Tamén toca varios casos de ‘abandono do servicio’ e polo tanto, suspensión, expulsión, etc, de obreiros do concello, ou a detención dun deputado.
    Como di antes do título, nada que non saíra en prensa ou non fora recollido en actas do concello. Pero algo moi ben traído.
   E unha guinda, entre outras que se poden citar, na acta do concello do 20 de marzo de 1937: “Decídese restablecer o vello costume de acudir ós actos eclesiásticos da Semana Santa.” Coido que está claro que a costume fora interrompida, e tamén de onde sae que aínda a Semana Santa pasada houbera representación do concello na procesión. Algo contra o que José Mª Rodríguez ten falado máis dunha vez, e aparecido neste blog asemade máis dunha vez.

 Obras de José Mª Rodríguez

 —

   O artigo de Cidre en Terra e Tempo

Novas do concello de Ribadeo : anos do 1936-1940 (1)

XOSÉ ISIDRO FERNÁNDEZ VILALBA

O día 23 de xullo ante o licenciado don Eugenio
López Yáñez, secretario do concello; o avogado, Antonio Moreda
Rodríguez, previamente designado polo señor comandante militar desta
praza e comandante da garda civil don F. Álvarez Holguín, é nomeado para
o cargo de alcalde-presidente da Comisión xestora deste Concello.

No Progreso do día 24 de xullo hai unha nota que di: “También hace
constar que en Ribadeo en donde la tradición había imperado
momentanemante entró una columna engrosada por vecinos de Mondoñedo y
Villanueva de Lorenzana pertenecistas, restableciendo inmediatamente la
tranquilidad en la población y aprisionándose a los cabecillas que
recibiran ejemplar castigo. En la población reina gran jubilo”.

E
continúa con copia dun telegrama do comandante Fernando Álvarez Holguín
que dirixe a columna que caeu sobre Ribadeo: “ A las 16:30 de hoy la
columna a mis ordenes combinada en forma acordada, después de sostener
una lucha enconada desde 10 kilómetros antes de la llegada a esta
conseguimos apoderarnos de la población habiendo hecho al enemigo varios
muertos y heridos no pudiendo precisar el número de unos y otros,
incautándonos de infinidad de armas, explivos, municiones y un automóvil
que dejé inutilizado en el camino. El número de carabineros hechos
prisioneros asciende a cuarenta y tantos, incluso el capitán y un
teniente: Las fuerzas del puesto han permanecido leales como buenos
guardias civiles, a la causa justa de la razón y de la justicia.

Mañana procurare continuar las operaciones hasta pacificar
completamente esta zona. Procuro efectuar la detención del exdiputado
Villamil que supongo jefe de la rebelión, lo tengo localizado en la
iglesia parroquial, que personalmente he tomado…”

A nova xestora
municipal toma posesión o 25 de agosto ás doce da mañá no salón de
sesións ante a presenza do señor comandante militar desta praza, tenente
da Garda Civil Juan Aranguren Ponte, co señor alcalde Antonio Moreda
Rodríguez e o secretario don Eugenio López Yáñez. Estaba formada polos
señores Robustiano López Sarmiento, Herminio Díaz Núñez, José Cancio
González, Justo Iribanen Vega, Fernando Parga Rapa e Carlos Fernández e
Gómez de Mercado.

O Cargo de Tenente Alcalde primeiro foi para
Robustiano López Sarmiento, o segundo Tenente para José Cancio González e
o terceiro Tenente, Fernando Parga Rapa. O cargo de Procurador-Síndico
para Justo de Iribarren Vega e xestores, Herminio Díaz Núñez e Carlos
Fernández y Gómez de Mercado.

Na sesión do 27 de agosto, o
concello acorda contribuír á “Suscripción Patriótica de la provincia”
coa cantidade de 5000 pesetas que “le había facilitado la sucursal del
Banco Herrero en préstamo sin interés”.

Tamén se acorda
contribuír con 250 pesetas á subscrición aberta en Lugo con obxecto de
adquirir un pé artificial para o “Heroíco soldado José María San Martín
Sueiro” ferido na toma desta vila o 23 de xullo e actualmente inválido.

Repóñense as cruces dos camposantos de Ribadeo e Obe nas súas portas principais.

O tres de setembro na sesión a comisión xestora quedou decatada dos
decretados ditados pola alcaldía como consecuencia do ordenado polo
señor comandante militar da provincia no bando do 29 de xullo xardineiro
deste concello, José Antonio Lombardero Mon, e do peón-sepultureiro,
Salvador González Álvarez por abandono do servizo e a destitución deste
último foi confirmada polo Sr. comandante militar o día 13. Dispuxo
tamén a suspensión de emprego e soldo por tempo indefinido do vixiante
de arbitrios, José Rey Vijandio.

A proposta do alcalde acórdase
publicar un bando para que os propietarios das casas onde se atopan
colocados “rótulos de propaganda política” procedan a retiralos.

Por outra banda, acórdase celebrar, a petición de Falanxe Española e
requirimentos do pobo, unha misa de campaña no Campo de San Francisco o
día 8 de setembro, día da festa da patroa de Ribadeo.

Na sesión
ordinaria do 10 de Setembro o alcalde propón darlle o nome a unha rúa de
Ribadeo do comandante José Ceano Vivas “por su valor y arrojo de
militar merece el bien de la patria que particularmente por ese valor y
pericia al frente de su columna batio a las hordas rojas en Vegadeo,
Castropol, Tapia, Navia, etc librando con ella a esta villa del azote
comunista que amenazaba invadirla y teniendo además en cuenta que dicho
señor con su personal simpatía y con sus bondades ha ganado el corazón a
todos los ribadeneses… se le haga el modesto homenaje de dar su nombre a
una calle, a la que hoy se denomina de Galán y García-Hernández”.


Na acta do 17 deste mesmo mes a comisión dá a nova
de que o soldado do Rexemento de Infantería de Burgos n.º 31, Emilio
García Rodríguez, natural e veciño desta, morrera o día 27 de agosto no
posto máis avanzado da vangarda da columna que operaba no porto de
Somiedo. Acordan por tal motivo poñer na acta a carta que o capitán da
súa compañía lle remite ó pai e que unha comisión integrada polo señor
alcalde e xestores, Cancio González e Díaz Núñez, visiten os pais para
darlles o “pésame en nombre del ayuntamiento y pueblo y notificar estos
acuerdos”. Esta comisión irá con carácter oficial á función pola súa
alma. Acordouse tamén contribuír á construción dun aeroplano que leve o
nome da provincia con 250 pesetas.

A proposta do Sr. Díaz Núñez,
a comisión por unanimidade acordou a fin de perpetuar os nomes dos
xefes das columnas do Exército Nacional que liberaron a Ribadeo “de las
garras de la invasión roja que hubieran hecho de este pueblo un montón
de ruinas …” se dea o nome de Álvarez Holguín e López Revuelta á rúa de
recente construción que desde a estrada que vai á Veiga empalma coa
Avenida de Bos Aires. E por indicación da presidencia acórdase mudar os
nomes ás prazas República e de Pablo Iglesias desta vila polo de “Plaza
de España” e “Plaza de José Calvo Sotelo”.

Na sesión do 24,
acórdase facer unha homenaxe a Salvador García de González, veciño desta
vila, sarxento da lexión morto na fronte de Huesca. Ofrendándolle unha
coroa de flores naturais, ceder gratuitamente un nicho no cemiterio
municipal desta vila.

O 17 de outubro o Sr. Alcalde deu conta de
que o catorce do actual morrera no hospital municipal desta vila o
brigada da lexión, Ignacio Ferrero Madín a consecuencia das feridas que
recibira defendendo a causa de España na fronte de Asturias e que lle
permitira enterrarse nun nicho deste cemiterio.

En sesión do 12
de novembro tense coñecemento dun oficio da comisaría carlista de guerra
da provincia da Coruña suplicando deste concello un donativo para
sufragar os gastos que ocasione a construción dun altar do apóstolo
Santiago, para instalalo en Madrid tan pronto como o exército entre na
capital. Concédese un donativo de 50 pesetas.

Sesión ordinaria
do 10 de Nadal. Tendo coñecemento a xestora dunha carta do alcalde de
Olmedo propoñendo unha homenaxe ó pobo portugués que podía consistir en
que cada municipio dos actualmente sometidos ó movemento “salvador de
España” contribuíse cunha cota única de 5 pesetas, con cuxos donativos
se podía reunir unha cantidade necesaria para poder ofrecer ó pobo
portugués unha “placa de bronce” na que figuraran o nome de cada un
destes concellos.

Acórdase mercar un retrato do “generalísimo
Francisco Franco Baamonde” xefe do estado español, para colocalo nun
sitio privilexiado do salón de sesións.

Na sesión do 26 de Nadal
apóiase a iniciativa do concello de Vitoria para solicitar do Xefe do
Goberno do Estado a declaración oficial de Himno Nacional da Nova España
a chamada Marcha Real. Tamén se fai a remisión á superioridade dos
antecedentes relativos ás destitucións dos empregados municipais, ó
sepultureiro, Salvador González Álvarez, do varredor, José Antonio
Lombardero Mon e sereno, Jenaro Martínez Pulpeiro e os vixiantes de
arbitrios, José Rey Vijandoi, Francisco Álvarez Díaz, Antonio Seijas
Rodríguez, José Gómez Villarino e José Sanjurjo Vázquez.

O 29 de
Nadal constituíuse no salón de plenos, coa presenza do delegado do
Excmo. Sr. Gobernador Militar da provincia, o señor Miguel García Cortés
a nova comisión xestora. Presidente alcalde, Antonio Moreda Rodríguez;
tenente alcalde primeiro, Manuel da Barrera Rodríguez; segundo tenente,
Fernando de Lazurtegui e Jordan de Urries; terceiro, Fernando de Parga y
Rapa; síndico, Dario Ferro e Pulpeiro. Concelleiros: José Fernández
Yañez, Francisco Maseda Villamil, Manuel Omjoy Reinante, Nicasio Franco
Torres, Dario Ferro Pulpeiro, Wenceslao Alonso Casariego e Veremundo
Rolle e Rolle.

Na sesión do 7 de xaneiro do ano 1937 dáse conta
dun escrito do presidente do concello de Oviedo, felicitando e mostrando
a súa gratitude ao concello de Ribadeo pola axuda moral e material que
remitiu a esa cidade.

Na acta de sesión ordinaria do 18 de
febreiro o sindicato agrícola da Devesa “Prosperidad Cantábrica” propón a
creación dunha feira. O concello accede e cre que sería mellor o
segundo xoves de cada mes. A proposta do alcalde, e co fin de facilitar
aos agricultores destas comarcas as transaccións de gandos acordouse por
unanimidade restablecer as feiras que se viñan celebrando no lugar de
“Puente” o segundo domingo de cada mes e no Campo de Cantarralana desta
vila o derradeiro domingo do mes.

Acórdase cambiar o nome da rúa
“Pablo Iglesias” polo de “Rúa do 23 de xullo” e mercar un cadro do Sr.
Don José Calvo Sotelo para colocalo no salón de sesións e designar como
vertedoiro de lixo o foso do Castelo de San Damián a onde se deberá
levar todo o lixo que se produza na vila.

Acta do 20 de marzo, o
señor alcalde puxo en coñecemento da corporación que carecendo de
básculas para pasaxe do gando nas feiras que se acordou restablecer na
vila e non habendo medio de adquirilas neste momento, obtivo
autorización do sr. Gobernador civil da provincia para proceder á
incautación das que posúe a “Fundación Pedro Murias” e dispoñer das que
pertencen á Sociedade Agraria de Obe “La Victoria”. Decídese restablecer
o vello costume de acudir ós actos eclesiásticos da Semana Santa.

Na sesión ordinaria do 1 de abril, a petición do xefe provincial de
Falanxe Española e das J.O.N.S de Lugo acordan poñer o nome de “José
Antonio Primo de Rivera” a unha rúa.

O 20 de maio, tense
coñecemento dun oficio do director do instituto de 2.ª ensino,
participando que con data de onte e como consecuencia dunha denuncia
formulada por varios alumnos de dito centro acordaron a suspensión de
emprego e soldo ó bedel Faustino Penedo García e instrución de oportuno
expediente. O alcalde acordou que se remita testemuño de tales
antecedentes ó xulgado militar desta praza por estimar que estes feitos
denunciados poden revestir un grave delito contra a patria e dende logo
contra o movemento nacional.

Na sesión do 17 de xuño tense
coñecemento dunha solicitude de Fernando e Carlos Fernández Piñeiroa,
Manuel Peña Gil e Manuel Fernández Rodríguez, donos dos automóbiles de
aluguer deste concello acordouse solicitar como parada para ditos coches
a Praza de España desta vila, no espazo comprendido entre o cantón de
Pedro e Juan Moreno e as estradas á Veiga e punta Moreira. Que o
aportado para o avión “Lugo” se destine á subscrición do acoirazado
“España”. A petición do Excmo. Sr. Gobernador civil e do delegado
provincial da F.E.T e das J.O.N.S acordouse contribuír con 10 pesetas
mensuais para Radio Lugo.

Na acta do 15 de xullo acórdase que
para o conveniente aloxamento das forzas do exército concentrado nesta
vila, dispuxérase que, por conta dos fondos municipais se efectúen
algunhas reparacións no edificio que pertenceu á sociedade obreira “La
Prosperidad”.

O 22 de xullo, en sesión extraordinaria ponse en
coñecemento da xunta xestora dun oficio do Sr. Enxeñeiro Director de
Forzas de Lugo co gallo de poder formar un plan de traballo dos
prisioneiros de guerra e presos políticos, para que este
presidente-alcalde se sirva mandar unha relación de obras que se poidan
executar nese concello. A dita corporación tendo en conta que o faro da
Illa Pancha situado no Oeste da entrada deste porto está comunicado
actualmente coa rede de estradas da provincia por medio de camiños
rurais de condicións pésimas sobre todo no inverno, durante a época das
choivas estes fanse intransitables polo que os transportes de efectos a
dito faro resultan complicados e por tanto caros e as visitas do persoal
encargado son nalgunhas ocasións molestas. Para evitar estes
inconvenientes sería bo a construción dunha rampla que poña en
comunicación o mencionado faro da illa Pancha coa rede de vías do Estado
e principalmente os peiraos de Grimarán e Porcillán para facilitar o
acceso e aprovisionamento daquel; esta vía podía prestar outros servizos
xa que cerca do faro está encravado un dos principais postos de
vixilancia de carabineiros que gozaría dunha boa comunicación co centro
de Ribadeo, onde radica a cabeceira da compañía e o mesmo lle ocorre á
estación de salvamento de náufragos que podía quedar á marxe de dita
rampla. Ademais, a rampla que se proxecta por ir bordeando a ría co
obxecto de aproveitar para explanación do camiño rural existente
constituiría un medio eficaz para facilitar os servizos do porto e
acceso ás praias de baños, faría factible tamén a comunicación co
cargadeiro de mineral e permitiría así mesmo ós agricultores daquela
zona extraer do mar con moita máis facilidade e sen perigo as algas que
utilizan para o abono das súas terras. Para a construción de dita rampla
non se necesitarán materiais máis que por valor aproximado dun terzo do
total da obra. Esta obra realizarase nun radio de tres quilómetros do
penal deste partido xudicial e do campamento instalado no outro lado da
ría ás inmediacións do pobo de Figueiras.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *