Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Ribadeo encanto envolto


Cartel nun cruce antes de chegar ás Anzas

Ó longo da semana pasada foron aparecendo en diversos lugares do interior do concello de Ribadeo indicadores semellantes ó da imaxe. Aínda envolto en plástico, é un chanzo máis na chamada ‘ruta do encanto’ que está sendo sinalizada polo concello (en parte, cunha subvención da Xunta) nunha primeira fase da que a segunda se pretende usar un logotipo xa deseñado e imprimir guías.

Coido que todos coincidiremos que a parte costeira do concello é moito máis coñecida que o seu interior. Mais en tódalas parroquias hai puntos de interese, e iso é o que pretende amosar esa ruta que se está a debuxar.

A pesar da ilustración do cartel (imposición normativa da Xunta, ao que parece) a ruta é demasiado longa para recorrela dunha tacada a pé, sendo máis ben apropiada para o automóbil ou para ciclistas en forma. Asemade, a sinalización está nos cruces de estrada, preparada para os coches.

O seu comezo está en Santa Cruz, indo logo pola estrada de Vilela cara a Remourelle, voltando por Arante, pasando polas Anzas, etc. As indicacións polo momento son ben escasas, como manifestan múltiples exemplos posibles, como que pase á beira do camiño do Pozo Mouro no río Lexoso, a menos de 200 m (por un camiño difícil, iso si) sen enterarse. Pero non deixa de ser un recoñecemento dun interior descoñecido mesmo pola xente da vila.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *