Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Hai cousa de tres anos, participación e o Ribadeo que queremos


Hai cousa de tres anos caía nas miñas mans unha revista cun pequeno artigo no seu interior: ‘O teu barrio e cidade do futuro’ (Yorokobu, nº 68, 2015, p.13). Entre outras cousas, aparecía ‘A implicación e o poder do individuo hoxe en día fai que se sintan coa forza para cambiar e decidir o futuro que queren’. Ou: ‘o cidadán será máis protagonista da cidade deixando a unha beira ó poder público ou facendo que este traballe para eles’. Coido que a primeira cita sería algo así como a certificación da toma de conciencia progresiva das persoas como participantes nunha sociedade na que están mergulladas. E a segunda,unha unión do concepto de ‘cidade intelixente’ a ‘cidadanía intelixente’para non crear a partir da vila unha ‘cárcere intelixente’, conectada, posiblemente eficiente, pero sen alma.

Noutro parágrafo, especificaba: ‘o futuro das cidades dependerá dos seus cidadáns dun xeito directo e real, e non a traverso de políticos que os representen, (…) todo dependerá da involucración ou non dos cidadáns’. Aplicado a Ribadeo, dependerá da implicación dos ribadenses no día a día do Ribadeo que queremos. E, dende que neste blog comezou a serie ‘o Ribadeo que queremos‘, xa se puido ver claramente que se non manifestamos e actuamos en prol do que queremos, haberá outra xente que o manifeste e actúe conforme ás súas ideas e intereses. Outros, que non nós. Para facer outro Ribadeo entre a morea de ribadeos posibles no futuro sen a nosa participación..

Ven a conto o anterior de cousas que saen todos os días nos xornais, sexa o amaño de estradas,a residencia de maiores ou calquera outra cousa que se nos ocorra no ámbito ribadense.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *