Vella imaxe da ila Pancha |
No pleno do concello de Ribadeo do pasado 25 de maio a concelleira do
PSOE Aurora González Ginzo facía unha pregunta sobre o acceso á Illa
Pancha de persoas aparentemente non relacionadas cos apartamentos
turísticos. A resposta do Sr. Alcalde, como ven sendo o cotían,
poñéndose de perfil, é que llo vai transmitir á Autoridade Portuaria.
Suponse que el non sabía nada de nada porque se fixo de novas, eludiu
calquer comentario e pediulle a Aurora que lle aportase documentación. O
certo é que nas redes sociais hai fotos e vídeos de persoas e
colectivos que entraron na illa sen que se saiba quen lles abriu a porta
e mesmo accederon a zonas non concesionadas ao proxecto turístico. Nun
vídeo de facebook do 26.10.17 vese a un grupo duns vinte nenos co
seguinte comentario : “Hoy hemos tenido una visita muy especial, los
niños de 3º de EP del colegio Sagrado Corazón de Ribadeo”. Os cativos
están xogando arredor do novo faro, zona, como se sabe, non
concesionada. Hai mais casos, deles o mais recente é unha foto
publicada en facebook (6.5.18), na mesma zona, na que se ve un neno
vestido de mariñeiro, probablemente de primeira comunión. O problema xa
foi transmitido polo grupo “Por nuestro Faro” tanto aos medios como á
Autoridade Portuaria hai un par de semanas.
A cuestión é moi sinxela: ¿Porqué uns si e outros non?. O tema non
ten moitas voltas que darlle e xa está dabondo explicado e difundido.
Que a responsabilidade de controlar o acceso é da Autoridade Portuaria
caese do seu peso.
O problema, dende o noso punto de vista, e un trato discriminatorio,
un agravio comparativo que non atopa outro caso no noso concello.
Vexamos un exemplo que tamén afecta a puertos. O acceso ao porto de
Figueirúa, anteriormente libre, quedou limitado por unha norma europea
despois do atentado das torres xemelgas. Gustaranos mais ou menos,
podemos discrepar, pero vemos que non hai privilexios, que funciona
dacordo cun regulamento e hai un persoal responsable. Nada que ver co
acceso aleatorio e sinladeiro á illa Pancha.
¿E cal é o papel do concello?. ¿Cecais non representa aos ribadenses e
os seus intereses, ou só a unha parte moi concreta dos mesmos? ¿Cecais
non é unha desconsideración, por non dicir un insulto, o trato
discriminatorio á gran maioría da veciñanza?. ¿O Sr. Alcalde non ten
máis que facer de carteiro? ¿Logo xa esqueceu os compromisos e
declaracións anteriores? Por se así fose ímoslle lembrar algunhas notas
da páxina xeb do concello.
25.11.16: “que no seu momento deberase garantir o acceso público a
toda a Illa para que o Concello poida dar a licenza de actividade”.
“”isto non é Grecia, onde se privatizan as illas. Polo tanto, e aínda
que cumpre con todas as autorizacións a conversión dese edificio en
hotel, desde logo deberán ter o acceso aberto para todo o público por
parte do Concello, senón o Concello non poderá dar a licenza de
actividade necesaria para poder operar”.
8.6.17 “O alcalde, Fernando Suárez, envioulle un novo escrito á
Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao pedíndolle que garanta o libre
acceso á Illa Pancha”
“é necesario manter o acceso público libre, en especial para cumprir
con toda esta regulamentación que acabo de indicar” …” A lei é para
todos igual, están afectos tanto na illa como en terra, todo o mundo””
Finalmente o 12.9.17 o concello concede a licencia de actividade
esquecendo o seu compromiso anterior de garantir o acceso da veciñanza.
As contradicións do Sr. Alcalde son tan evidentes que costa traballo
despegalas dun cheirume un tanto sospeitoso por non dicir algo mais
forte. Porque non estamos apelando a unhas declaracións verbais, ditas
ao voo en campaña electoral. Estamos apelando á paxina web do concello,
escrita negro sobre branco e con argumentos reiterados que os veciños
poden constatar polo menos se non hai orden de borralos.
En conclusión, sabemos de sobras que os responsables da administración
portuaria están en Ferrol e Madrid. Esiximos ao Sr. Alcalde de Ribadeo
que actúe no que é da sua competencia: defender os intereses dos
ribadenses e que cumprir a sua palabra dada e reiterada dende hai ano e
medio.
Colectivo POR NUESTRO FARO