Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Residencia de maiores de Ribadeo: unha encrucillada


Imaxe da sinatura do preacordo/protocolo.
José María Rodríguez, impulsor da construción da nova residencia ribadense

Se un se achega pola páxina web da Deputación Provincial de Lugo, poderá atopar cousas como a seguinte: “Por primeira vez na historia da Deputación, representantes políticos non respectan a representación sindical e tumban un ACORDO UNÁNIME SINDICAL.

É cunha Deputación en certo xeito inesperada coa que terá que lidiar hoxe o acordo xa aprobado polo Pleno municipal o pasado día 23 de xeito unánime.

No seu momento, hai dúas semanas, quedou claro que o si do concello ó convenio marco era un paso na boa dirección, apoiado por toda a corporación, despois de ser asinado un protocolo previo. Agora, ese convenio marco necesita ser ratificado na Deputación para a súa entrada en vigor, a facilitación do deseño dos convenios específicos para as diversas residencias afectadas, e a posta en marcha efectiva deste instrumento de coordinación e financiamento. E ese paso non está nada claro pola traxectoria que levade voltas e reviravoltas a actual Deputación dende as eleccións locais do pasado 2015. Tanto é así que o alcalde de Ribadeo, no seu Facebook, da un aviso contundente onte á noitiña:

Hai poucos días o Concello de Ribadeo, e para honra de toda a Corporación Municipal dos 4 grupos que somos, votamos unanimente a favor do Convenio coa Deputación Provincial para a Xestión da nosa Residencia de Maiores. Un éxitazo de tod@s e un orgullo para todo Ribadeo.

Cal é o seguinte paso?

Pois que mañá celebrarase un Pleno na Deputación para refrendar este mesmo convenio cos seis concellos que o asinamos.

E que pode pasar?

Pois que asistamos ao que a xente do común detesta. A política “de merda”, a política sen contar co pobo, a política noxenta de sempre.

E por que?

Pois ao igual que pasan en algunhas votacións no Parlamento Galego que os deputados dun grupo votan a favor dalgún asunto de competencia do Estado e logo cando ese asunto chega ao Parlamento do Estado, os deputados dese mesmo partido votan o contrario do que os seus compañeiros fixeron.

Pois aquí pode pasar o mesmo. Quizais eu, que ás veces peco de iluso, penso que se todos na Corporación de Ribadeo votan a favor dun convenio inmellorable para @s veciñ@s deste nobre Concello, pois o previsible é que os deputados provinciais deses mesmos grupos políticos voten o mesmo que os seus compañeiros en Ribadeo. Sé isto é así ou non saberemolo mañá. Para iso hoxe convidei expresamente a todos os grupos da Corporación de Ribadeo a ir ao Pleno da Deputación, para presenzar o que os Deputados Provinciais van votar.

Se se perpretra a traizón contra Ribadeo poderei dicir algo que sempre odio que se diga: Xa o dicía eu.

Se ao final todo vai con sentidiño, coa forza da razón, da legalidade e ademais coa debida lealdade aos paisanos e paisanas maiores deste Concello, entón terei que dicir: Son un esaxerado que sempre penso que moitos representantes políticos non merecen estar no cargo que ocupan.

Verémolo. Boa noite e boa sorte.

De xeito independente a que se estea ou non de acordo en todos e cada un dos puntos que o rexedor expón, o temor a que na Deputación, hoxe, despois de ter presentado a mesma Deputación o documento inicial votado o pasado día 23 en Ribadeo e no resto dos concellos afectados, se de unha reviravolta, é unha posibilidade real. De feito, Manuel Martínez, vicepresidente da Deputación e presidente de SUPLUSA -entidade de xestión de residencias da Deputación ata o momento, e cargo de compromiso despois dun difícil comezo do mandato da Deputación-, xa anunciou o seu voto en contra, o que podería levar ó PP a facelo asemade, despois de ter votado a favor en Ribadeo pero absténdose en Trabada. As residencias afectadas polo momento (hai máis, pero están en fase máis retrasada), son, a máis de Ribadeo, A Fonsagrada, Pedrafita, Pol, Ribas do Sil e Trabada.

Esta tarde, a partir das 5, veremos.

Actualización despois do pleno:

Despois das 6 da tarde, aprazamento do pleno da Deputación: Martínez dixo que non apoiaba o
convenio marco mentres non tivera uns informes. Os concelleiros de
Ribadeo (PP exceptuado), Manuel Valín e representantes da plataforma pro
residencia asistiron ó pleno.

Nova actualización:

Entérome de que será aprobado en Xunta de Goberno, onde o si ten asegurada a maioría.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *