O pasado día 20, martes, houbo un par de xuntanzas no concello de Ribadeo sobre o estado actual da residencia de maiores de Ribadeo (Comisión da Residencia, cos integrantes da directiva da Plataforma pro Residencia de Maiores, e Xunta de Portavoces do concello). Hoxe haberá un pleno con tema único, ás seis da tarde, para aprobar o convenio marco. E, no medio, algunha incógnita e mesmo contradición aparente.
A prensa deu nova dunha das xuntanzas do martes, en principio, como froito dunha filtración. A nota de prensa do concello foi do día 21 (é dicir, para ser publicado o día 22, onte, un día despois de que saíra a primicia na prensa):
A SESIÓN PLENARIA SERÁ ÁS 18:00 HORAS
Protocolo para a residencia
21/03/2018
O Concello asinou este mediodía coa Deputación de Lugo o protocolo de colaboración para a posta en marcha da nova residencia de maiores da localidade. O alcalde, Fernando Suárez, subliñou que ninguén será excluído de poder ser usuario desta instalación por non ter recursos e dixo que terán prioridade os veciños e as veciñas de Ribadeo. Este convenio marco será debatido no pleno extraordinario que se celebrará, o venres pola tarde, no Concello.
O rexedor explicou que “coa sinatura deste protocolo damos un paso moi importante, un paso de xigante, que se verá ademais refrendado neste pleno extraordinario que teremos este propio venres, para aprobar o convenio marco que regule toda esta colaboración e cooperación que queremos levar adiante entre a Deputación de Lugo e máis o Concello de Ribadeo, para poñer a andar e poñer en marcha nunhas condicións moi boas, tanto para o Concello de Ribadeo como sobre todo para os futuros usuarios e usuarias desta residencia de maiores, deste soño colectivo que todos nos empeñamos hai uns anos en botar a andar, e claro que o imos botar a andar”.
Fernando Suárez contou que “tanto este protocolo como os convenios que seguidamente veñen, respectando que a titularidade neste servizo é municipal, queremos colaborar e cooperar coa Deputación, e ela que tamén o quere facer connosco no senso de darnos apoio técnico e económico para establecer un prezo tipo razoable e homoxéneo para todas estas residencias que se integren nesta rede provincial, e ao mesmo tempo para que os usuarios poidan pagalo”.
O alcalde de Ribadeo subliñou que “aquel que teña recursos suficientes pagará o que estea establecido, e aquel que non os teña asumirán a diferenza a Deputación e o Concello de Ribadeo. É dicir que ninguén vai ser excluído de poder ser usuario desta residencia porque non teña recursos”.
Para o alcalde de Ribadeo “esta é a política de verdade, a política progresista, a política que queren os veciños e veciñas que fagamos os seus representantes políticos, máis aló das cores políticas. No acordo de hoxe éramos de diferentes cores políticas, pero todos estabamos comprometidos a poñer a andar estas residencias marabillosas que están construídas, polo menos no que sei eu a de Ribadeo, con todo luxo e é un hotel máis que unha residencia habitual, pero queremos tamén que sexa sustentable no tempo. Para iso qué mellor que un acordo coa Deputación de Lugo”.
Fernando Suárez sinalou que “ao mesmo tempo con outros criterios moi importantes que cambian radicalmente o panorama do que ven sendo a política moitas veces de prazas concertadas da Xunta, dado que con este sistema que nos estamos outorgando terán prioridade os veciños e as veciñas de Ribadeo, seguidamente terano os da bisbarra, e seguidamente, se quedan prazas libres, terano os da provincia. Non é como estas prazas da Xunta concertadas que che dan un servizo de Ribadeo e igual cho dan en Quiroga, ou en Monforte de Lemos, ou nas Rías Baixas. Iso non pode ser porque a xente ten dereito a vivir os últimos anos preto do seu entorno, preto da súa familia sen que o destino sexa a dúas horas de viaxe, como está sendo moitas veces”.
O alcalde dixo finalmente que “nos veremos no pleno extraordinario deste venres, e confío que todos os representantes, non soamente o goberno municipal, esteamos a altura, penso que histórica, deste acordo plenario que terá que saír adiante”
O que se presentou o martes son dous documentos diferentes. un Protocolo e un modelo de Convenio coa Deputación Provincial.
O primeiro, o protocolo, foi xa asinado polo alcalde mércores xunto con todos os alcaldes en situación de desenvolvemento dunha residencia de maiores na provincia e en tratos coa Deputación, como folla de ruta a seguir.
A sinatura levou consigo a aceptación desa folla de ruta, e o pleno desta tarde é unha consecuencia, para a aprobación do convenio marco, que todos os concellos asinantes reproducirán hoxe mesmo. O convenio marco que será aprobado é:
– entre concello e Deputación.
– igual para todos os asinantes do Protocolo (por exemplo, forzando unha ordenanza fiscal homoxénea)
– un documento a desenvolver no seu detalle en relación a regulamento, xestión, etc. (ordenanza e regulamento terán que ser aprobados no seu momento no pleno)
– un marco que non soluciona todos os problemas (por exemplo, como será a fonte de ingresos para subvención complementaria -parte do concello- de xente que poda haber de fóra de Ribadeo?)
– especifica na práctica que o sistema de funcionamento vai a ser de contrato por servizos, quedando a coordinación e xestión en mans de concello e Deputación. Algo que por certo non cadraba dentro das súas competencias hai pouco tempo.
– nin protocolo nin convenio especifican os prazos concretos, pero axuda a clarificalos algo, de xeito que, é esperable que na próxima primavera se abran as portas.
– o convenio foi algo longamente discutido, con reviravoltas, ata quedar na situación actual, o que colaborou ó retraso do empuxe das residencias máis avanzadas, entre as que se atopa a de Ribadeo.
O por que do convenio pasa por cousas como a economía de escala (por exemplo, na disposición de persoal especializado ou na licitación de contratos) e esforzo de mantemento: espérase rebaixar o monto total do custe de cada praza uns 200 €, de 1400 a 1200, dos que ata un máximo de 600 € (ou 75% da pensión) por residente serían postos pola Deputación, cubrindo o resto de axuda, en caso necesario, o concello. Dese xeito, o concello espera reducir unha previsión de 300 000 €/ano de custe para arcas municipais a só 50 000 €/ano.
Quedarían máis cousa por comentar. Mais dicir só que a dirección será colexiada Concello-Deputación, facendo unha distinción entre iso, dirección, e a xerencia diaria.