Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Setenta e cinco euros diarios para taxi


Ferrol-Ribadeo. No mapa (este caso, Open Street Map) é difícil mesmo atopar a liña férrea…

Non, non é moito. Mais é a cantidade que Renfe/Feve adica durante un ano (que xa comezou) a levar á xente en taxi no tramo galego da liña de ferrocarril de vía estreita Ferrol-Xixón. Algo que se presta a varias reflexións e matizacións.

A primeira, que que Renfe/Feve faiga un contrato anual para transporte alternativo de viaxeiros por estrada implica a previsión de que os problemas da liña non se van acabar, tratando un problema non como algo a resolver, senón como algo a sacar fóra da vista co menor custe.

Outra, que os máis de 27 000 € son unha minucia que se convirte en noticia pola necesidade da liña. Unha minucia prevista pola compañía, pois no prego de convocatoria de cara ó contrato figuraba pouco máis que o resultado final de 27 225 €.

Outra máis sería o cálculo da cantidade do contrato que realizou a compañía ferroviaria co Radio Taxi de Ferrol. Faría bo negocio? Segundo a prensa, a cantidade é para transporte só no tramo galego, e os taxis son ferroláns, o que fai pensar no tempo de solución de cada problema particular a medida que nos afastemos de Ferrol (se ben o tráfico principal, con diferenza, está na veciñanza de Ferrol).

Pero, ós usuarios, coido que non lles debe importar os cartos do recurso paliativo, senón a solución do problema, e nese sentido, de cara ós usuarios o negocio non é bó. Aínda que se arruínen levando á xente en taxi. Máis aínda, cando pode ser outra gota máis que leve á ruína do ferrocarril da costa.

A liña, segundo Renfe/Feve

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *