O plan. (só 308 páx. pero botarlle unha ollada é menos!)
Plan Especial das Catedrais
16/11/2017
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o
anuncio de aprobación inicial do plan especial das Catedrais. O alcalde
de Ribadeo, Fernando Suárez, lembra que o Concello leva traballando
moito tempo neste documento. Agora ábrese un período de exposición
pública de 2 meses. Os redactores deste plan estarán o vindeiro martes,
21 de novembro, en Ribadeo para ofrecer explicacións polo miúdo tanto á
Corporación Municipal como aos veciños e veciñas.
O rexedor ribadense declarou que “no dia de hoxe sae publicado no
Diario Oficial de Galicia o anuncio de aprobación inicial do plan
especial das Catedrais. Damos polo tanto un novo paso adiante, tal e
como se indicaba no plan xeral de ordenación municipal que temos desde o
2014, que di que toda a zona circundante coas Catedrais, non só os
arcos e os cantís, todo el deberá ser obxecto dunha ordenación a través
da figura que vimos de aprobar agora inicialmente, para contribuír á
preservación do patrimonio natural e cultural desta área protexida de
singular valor paisaxístico e natural”.
Fernando Suárez lembrou
que “despois de moitos meses de traballo por parte da empresa redactora á
que lle tíñamos adxudicado este documento, despois de moitos informes
solicitados e recibidos doutras administracións, especialmente da Xunta
de Galicia, desexamos o maior acordo e consenso na elaboración deste
documento. Estamos agora en condicións de dar este paso”.
O
alcalde explicou que “o que vai seguir é un período de exposición
pública para todo o mundo por un prazo de dous meses para que se examine
e para facer cantas achegas se queiran facer en forma de alegación,
para a continuación seguir tramitando no documento. Ben é certo que as
medidas que se foron tomando nestes últimos tempos de ordenación daquela
zona moi concretiña, son de carácter transitorio e faise necesario
ordenar todo o espazo natural, como se fai nos grandes centros de
atracción medioambiental na Europa moderna e avanzada, onde nos queremos
mirar. Iso, nin máis nin menos, é o que pretende este documento”.
Suárez
Barcia subliñou que “pretende mellorar a conservación do patrimonio
natural e da biodiversidade, mellorar e regular o tránsito das vías de
comunicación, dos elementos de urbanización inadecuados e dos impactos
visuais notables. Tamén visto o forte incremento de visitantes que
experimentou nos últimos anos, hai que ter en conta que no ano anterior
houbo máis de 570.000 visitantes na praia, con expectativa de maior
afluencia aínda, require da instauración de medidas para garantir un
modelo turístico sostible. Con todos estes elementos que son o respecto
polos usos tradicionais que nesa zona se desenvolven, a mellora e a
ordenación do transporte privado e do público, tanto de autobuses como
do tren que ten un papel moi importante aquí pendente de cumprir,
queremos ofrecer ao mundo a nosa mellor cara, a nosa mellor disposición
para que siga vindo xente para ben de Galicia, para ben da Mariña e para
ben do concello onde se atopa que é o de Ribadeo”.
O rexedor
ribadense anunciou que “este vindeiro martes, 21 de novembro, os
redactores do plan vanse achegar a Ribadeo para ofrecer unha explicación
polo miúdo do documento tanto á Corporación Municipal como á cidadanía
en xeral. Para a cidadanía vai ser no auditorio municipal Hernán Naval
ás oito da tarde. Tamén nas vindeiras horas estará colgado na páxina web
municipal onde todo o mundo con comodidade desde a súa casa o poida
consultar, descargar ou traballar con el”.