Brasón de armas da Casa da Cerca (Cinxe, A Devesa, Ribadeo) |
Esta antiga pedra armeira, situada na Casa da Cerca en Cinxe, parroquia de Santa Eulalia de A Devesa do Concello de Ribadeo, presenta un brasón nobiliario que pertence, como reza a lenda da cartela: bLASON DE (flanco destro) ALONSO bAZQEZ (en xefe) RIbADENEIRA (flanco sinistro).
Está cuartelada en catro por unha cruz flordelisada de gules, cargada de cinco veneras de prata, dos RIBADENEIRA (unha cruz con flores de lis nas puntas dos brazos, e de gules –cor vermello). Neste brasón só se percibe o lis da parte alta, que rompe o borde ou boca do escudo en xefe. As cinco veneras están: unha no centro da cruz e unha en cada punta dos catro brazos.
Primeiro cuartel: xaquelado de dezaseis pezas, entrantes e saíntes alternativamente e o todo surmontado de coroa radiada ou lanceolada (de puntas triangulares). Poden ser armas dos BERMUDEZ (de CASTRO), dos BERMUDEZ PREGO DE MONTAOS ou dos VILLACID. Tamén puideran ser brasón dos VAAMONDE, aínda que falta a “M” entremediada baixo a coroa e sobre o xaquelado, e dous dragóns aos flancos, tal como se presenta na casa 21, da calle S. Martín de Ribadavia. (Heráldica. Genealogía y Nobiliaria de Galicia, Tomo LV, páx. 85).
Segundo cuartel: unha aguia coroada mirando a destra, de voo baixo. Son armas dos PARDO (en campo de sinople unha aguia de prata coas ás baixas, coroada co mesmo metal). Esta mesma aguia preséntase, no terceiro cuartel dos seis escudos, por nós coñecidos en Ribadeo, San Miguel de Reinante e Celeiro de Mariñaos, da familia de D. Baltasar MENÉNDEZ NAVIA Y VILLAAMIL, señores da “Casa de Navia del Limonar” da vila de Navia (Escudos dos Menéndez Navia e Villaamil, tamén en La Comarca del Eo, 7-Sep-2017). Así mesmo, aparece no cuarto cuartel do Escudo de Armas da Capela da Virxe de Lourdes da Igrexa Parroquial de Sta. María do Campo de Ribadeo, pertencente ó matrimonio de D. Gaspar ACEBEDO Y PRESNO e Dª Florencia PARDO BAAMONDE (tamén en La Comarca del Eo, 6-Maio-2017). Neste caso, tamén pode ser a aguia coroada dos ARMESTO (en campo de gules unha aguia de sable, coroada de ouro). Ó non atopar a documentación da Cédula de Certificación de Fidalguía, Nobreza e Armas, non nos deixa aseverar o apelido nin saber das cores do campo.
Terceiro cuartel: en campo de gules cinco cabezas de mouros colocadas en aspa, cortadas e coroadas de prata con coroas radiais, parecen armas dos CARANTOÑA (Nobiliario Gallego do Marqués de Valdeterrazo, Madrid. Citado en Blasones y Linajes de Galicia, por frei José Crespo Pozo, Volumen II, páx.285)
Cuarto cuartel: parecen armas de BOLAÑO (con dúbida) pois arriba semella ser un “bolo” e abaixo un “año” que segundo os falsos cronicóns, como os describe D. José Crespo del Pozo: “na defensa de Lugo capitaneada por BOLAÑO RIBADENEYRA, os defensores, para demostrarllesos mouros que asediaban a cidade, que aínda tiñan recursos dabondo para aguantar moitomáis tempo o asedio, tiráronlles por derriba das murallas un “bolo” de pan e un cordeiro ou “año””
Non obstante, na figura alta, tamén parecen percibirse Armas moi desgastadas dos ULLOA (dúas serpes rodeando un pequeno taboleiro de xaqueles ou xadrezado) de forma máis apaisada, pero similares, as que podemos ver no terceiro cuartel do Escudo de Armas dereito da Casa Torre de Pumarín, en San Miguel de Reinante, edificada entre o ano 1559 e 1561 por D. Alvaro TABOADA (e AGUIAR) e a súa dona Dª Violante de ANDRADE. Neste caso, cabe apuntar que, o animal tombado parece ter cabeza de cabalo ou de besta, e cuxo significado énos descoñecido, pero como sabemos que as figuras dos brasóns están talladas con maior ou menor mestría artística, sen outra documentación que consultar, quédanos a dúbida de que animal será, aínda que, vistas as tallas gravadas de outros brasóns, pode ser perfectamente o “año” dos BOLAÑO, ó que antes nos referíamos.
A Casa da Cerca, era propiedade dos Condes de Vilalba, segundo me di Dª Josefa, a actual propietaria. Dito título de Conde de Vilalba foi outorgado o 1 de Marzo de 1486 polos Reis Católicos a D. Fernando de Andrade, Señor de Andrade e de Vilalba, e ao seu descendente, D. Fernando de Andrade e das Mariñas, II Conde de Vilalba, en data de 1 de Maio de 1543, o emperador Carlos I, concédelle tamén o titulo de I Conde de Andrade. En 1902, o título de Conde Vilalba, pasa á sucesión da Casa do Duque de Berwick e o 16 de Febreiro de 1955, expídese carta de sucesión para ámbolos dous títulos, de Conde Vilalba e de Andrade, a favor da Duquesa de Alba de Tormes, Dª María del Rosario Cayetana Fitz-James Stuart e Silva que, a súa vez, no BOE de 9-Xaneiro-1957 seralle concedido o aínda máis secular título de Condesa de Ribadeo.
A propiedade da Casa da Cerca, consistía nunhas edificacións cercadas dun muro, cuxo conxunto chamábase Quinta ou casería que servía de recreo no campo para os señores cando viñan “a veranear”. Tiña vivenda para os coidadores, e outros alpendres normais dunha casa de labranza: cuadras para gando e, particularmente, para cabalos albardóns de carga e para cabalos de brida de manexo fácil para montar, palleira e bodegas e, anexada, unha capela de oratorio privado (hoxe desaparecida), dedicada a devoción de Sta. Ana, segundo lle comentara a Dª Josefa, o noso sempre recordado veciño e investigador da nosa historia local, D. José Mª Rodríguez Díaz.
Os caseiros e gardiáns eran os encargados de cobrar o “quiñón”, que era como eles chamaban ás rendas das propiedades, que ditos señores tiñan polo Condado de Ribadeo, e nunha das bodegas estaban as arcas onde se almacenaban ditas rendas pagadas en especie, especialmente grao de trigo, centeo, millo, avea, etc, que logo eles mesmos, ou algúns mandados, transportaban a cabalo á casa de residencia dos condes. Unha das últimas persoas encargadas de cobrar o quiñón foi Dª Benita Alonso.
No convulso século XIX (Guerras Carlistas, rexencias de Espartero, Narvaez, a Constitución de 1845, etc.) os mozos e mozas da nosa terra, emigraban para América para buscarse un mellor porvir, máis folgado en cartos e dividendos, e as terras quedaban sen man de obra para traballalas, así, como en tantos lugares, as rendas da Casa da Cerca foron a menos e os herdeiros dos Condes de Vilalba, venderon a casa. Estaba a cambiar o sistema do Vello Réxime mantido por Fernando VII (rei 1813-1833) incluíndo o Trienio Liberal entre 1821-1823. Así, chegou ó trono súa filla Sabela que foi proclamada reina de España o 24 de Outubro de 1833, con oito anos de idade, e mentres non cumpriu a maioría de idade, rexentou e gobernou súa nai Dª. María Cristina de Borbón (1833-1843) e aos dezaoito anos de idade, Dª Sabela, pasou a gobernar como Isabel II (reina 1843-1868).
En todos estes avatares do século XIX, compraron a casa as irmáns, Dª Ana e Dª Vicenta Álvarez de Ron e Obanza, veciñas de Piantón, e no ano 1892 véndenlla a D. Francisco Alonso, que a compra no nome do seu fillo D. José Ramón Alonso López que estaba en Cuba. A D. José Ramón, nun momento determinado da súa vida, non lle foron ben as cousas cos seus socios cubanos, e para facerlle fronte os seus negocios de tabaco e ebanistaría, véndelle a casa a D. José Acevedo Martínez. Anos máis tarde, D. José Acevedo, vólvella a vender a outro daqueles familiares, a D. Daniel Jesús María López Alonso, cuxa filla Dª Josefa López Fernández é a actual dona, xunto co seu marido D. Leonardo Fernández Martínez, e a cal, desde aquí, lle agradezo e doulle as gracias polas historias que me contou e a atención que me prestou o día que os visitei á procura de información para este artigo.
Referente os apelidos deste brasón, hai na Real Chancillería de Valladolid, a Executoria dun preito do 7-Maio-1575, litigado por D. Ruy González de RIBADENEIRA, D. Fernán Pérez, como tutor dos fillos de D. Álvaro González de RIBADENEIRA, D. Diego PARDO DE ANDRADE, como tutor dos seus fillos e consortes, herdeiros de D. Pedro de MIRANDA DE RIBADENEIRA, con Dª Constanza DAS MARIÑAS, como curadora de D. Hernán DÍEZ DE RIBADENEIRA e Dª Constanza de AGUIAR, por si e como curadoras dos seus fillos, sobre división dos bens que quedaron de Dª. María de BOLAÑO, muller que foi do Mariscal D. Álvaro GONZÁLEZ DE RIBADENEIRA (Escribán D. Pedro de Palacios da escribanía de Taboada)
No Libro de Matrimonios Nº1 (1588-1744) de Santalla da Devesa, atopamos, entre outras moitas, nun matrimonio celebrado o 4-Marzo-1691 testemuña de D. ALONSO BAZQUEZ. O 20-Febreiro-1708, o matrimonio de D. Juan BAZQUEZ (fillo de D. Baldomero BAZQUEZ e Dª. María García) e Dª María ALONSO (filla de D. Pedro ALONSO e Dª María). O 1-Xuño-1726 matrimonio de Dª. María Antonia ALONSO (filla de D. Diego VAZQUEZ e Dª Dominga ALONSO) e D. Francisco Barreras (fillo de D. Pedro Mántaras + Dª Catalina ALONSO). O 24-Febreiro-1727 a testemuña de D. ALONSO RIBADENEIRA no matrimonio de Dª Josefa López e D. Manuel Díaz de la Rocha. O 26-Noviembre-1731 matrimonio de D. Gaspar López BOLAÑO e Dª Dominga González. Un irmán era D. Pedro López BOLAÑO. O 23-Nov-1734 o matrimonio dunha filla de D. Manuel BOLAÑO e Dª Francisca Fernández. O 6-Febreiro-1736 a testemuña de D. Pedro ALONSO RIBADENEIRA, no matrimonio de D. Francisco López Corbelle (fillo de D Roque López Corbelle e Dª Dominga Fernández) e Dª Francisca López (filla de D. Juan ALONSO e Dª Rosenda López) veciños de Cinxe; etc. etc.
Non cabe dúbida de que é interesantísimo continuar na busca de documentación pública e privada, para completar esta rama da nosa historia local da Heráldica, Xenealoxía e Nobiliaria das Terras de Ribadeo que, polo que levamos visto, e o gran número de brasóns emparentados coas máis grandes familias do Reino de Galicia, revelan unha historia señorial inédita, coa forma de vida e connotacións comerciais internacionais, das máis importantes da antiga provincia de Mondoñedo e da actual provincia de Lugo.
Seguramente se a Ría de Ribadeo nos puidera contar a súa Historia Marítima a partires do seu comercio cos fenicios, romanos e vikingos, do seu porto natural privilexiado, refuxio seguro e fondeadoiro de barcos mercantes e de guerra, de piratas e de corsarios… pero, en fin, ¡esa é outra historia que comeza fai moitos séculos na Cova dos Sete Encantos, entre Porcillán e Cabanela, un día pola tardiña, cando o sol se ía xa adormentando polo Facho da Illa Pancha…!