Foto 1. Riocaínzos (1642) |
Este primeiro Escudo de Armas de forma ovalada da (foto 1, cortesía de D. Joaquin del Pino Calvo Sotelo), tallado en pedra marmórea, mantense en case perfecto estado de conservación nas propiedades de Riocainzos de Vilaframil, e o segundo da (foto 2, cortesía de D. Emilio Piñeiroa Lozano) está situado nunha casa de San Caetano en Celeiro de Mariñaos.
O primeiro, está esculpido sobre unha cartela, representando un pergamiño de bordes rotos, cuxas voltas, cara arriba, tanto nos soportes (partes laterais) como no sostén (parte baixa), así como as voltas, cara abaixo, sobre os catro cantós, fan resaltar o conxunto artístico nunha armónica e elegante representación heráldica de adusta beleza. Está timbrado cunha cruz cristiá pometeada (cos brazos laterais e alto, rematados en pomos en forma de bolas) [Nota: a cruz cristiá ten os brazos laterais e o alto iguais, neste caso, o alto é algo máis curto, e o baixo sempre máis largo].
Estas Armas, son dunha dinastía de fidalgos cuxa ampla estirpe se estende por tódalas Terras de Ribadeo e de Miranda. Varios membros viviron no núcleo urbano de Ribadeo, onde hai tres escudos de distinto estilo, pero coas Armas iguais: o da Casa Brasonada do parque (antigo comercio de Maseda) e o daCasa do Patín (tamén en La Comarca del Eo, 21-Maio-2016), así como, o escudo dereito, segundo miramos o altar maior da capela de San Roque (Escudo de Armas da Casa de Quintalonga de Santalla de Vilaosende, tamén en La Comarca del Eo 19-Agosto-2017).
Ámbolos dous escudos que relatamos hoxe, presentan as mesmas Armas hereditarias, con lixeiras diferenzas, da familia de D. Balthasar MENENDEZ da Casa de NAVIA DEL LIMONAR, sita no solar da vila de Navia, cuxa descendencia lle ven por liña agnaticia ou recta de varón: pai, avó, bisavó e máis ascendentes, e da vila de VILLAAMIL, de cuxos solares se intitulaba e a quen pertencen ditas Armas do escudo, e das dos FUERTES e SIERRA, “de quien también desciendo por hembra” (extractos dun artigo do xenealoxista mindoniense, D. Xosé Isidro Fernández Vilalba (Cidre) publicado na revista galega “Terra e Tempo” o 10-Febreiro-2016, referente a un testamento de 1668, do que xa fixemos referencia no artigo “Escudos do Altar Maior de Sta. María do Campo, tamén en La Comarca del Eo 4-Marzo-2017).
As verbas deste testamento están corroboradas, nas propias lendas que destacan no adorno exterior do Escudo de Armas (foto 1). Na parte alta, na chamada “Divisa” (lenda escrita en letras maiúsculas sobre unha cinta) que en Heráldica é unha frase que de forma concisa e significativa, representa un ideal ou programa de vida, que reflexa o espíritu de quen a escolleu: “NAVIA I VILLAMIL AVANTE CON LA CRUZ AVANTE”. (Tratado de Genealogía, Heráldica y Derecho Nobiliario, Curso de Licencia, Instituto Luis de Salazar y Castro –C.S.I.C.- Hidalguía, Madrid 1961, páx.184). Polo tanto, vemos que os ancestros desta familia NAVIA E VILLAMIL, tiñan unha actitude cristián que pensaban levar adiante en todo momento. D. Baltasar MENÉNDEZ NAVIA E VILLAAMIL era fillo lexitimo de D. Sancho MENÉNDEZ NAVIA E VILLAAMIL e de Dª. Magdalena RODRIGUEZ DE SIERRA E FUERTES naturais de dita vila de Navia (“Terra e Tempo”, Persoeiros históricos de Ribadeo, D. Xosé Isidro Fernández Vilalba (Cidre), 10-Feb-2016).
Rodeando o cantón destro e a punta do escudo, sobre a cartela (Nótese que ámbolos dous escudos non teñen bordura) unha lenda en letras maiúsculas expresa a procedencia da xenealoxía do brasonado: “DE LA (cantón destro) CASA DE NAVIA DEL LIMONAR POR LINEA RECTA DE BARÓN” (punta) e no adorno da volta arriba do sostén, podemos ler a data: DE 1642, que debe corresponder coa data de elaboración do escudo pois D. Baltasar gaña a Carta Executoria de Fidalguía na Real Chancillería de Valladolid no ano 1638 (Blasones y Linajes de Galicia, frei José S. Crespo del Pozo, Volume III, páx.298)
O escudo de forma ovalada, como xa dixemos algunha vez, é característico das damas e dos eclesiásticos. Neste caso, ó estar timbrado cunha cruz, é sen dúbida dun eclesiástico ou dunha persoa relacionada coa Igrexa Católica, o que non quitaría noutros casos, que a liña da súa liñaxe procedera dunha herdanza cognaticia ou de hembra: nai, avoa, bisavoa, tataravoa, etc. liña que na antigüidade tivo moito valor, por fundarse no principio de que “a nai sempre é certa” (Tratado de Genealogía, Heráldica y Derecho Nobiliario, Curso de Licencia, Hidalguía 1961, páx.51).
O escudo (foto 1) está cuartelado en catro por unha cruz de Alcántara, de Calatrava ou de Montesa. A forma externa destas tres cruces de Ordes Militares, é a mesma, salvo que a cor de Alcántara é sinople (verde); a de Calatrava de gules (bermella) e a de Montesa de sable (cor negro). Se nos fixamos nos detalles, a cruz vese baleira (acanalada) polos eixes de simetría, esto pode ser debido: 1) A que o artista quixo estilizar a forma da cruz, ou 2) (menos probable) a cruz pretende ser brochante (con outra por encima).
Destas premisas, sacamos en conclusión de que o escudo pertence a un cabaleiro dunha Orde de cabalería, e dado que timbra cunha cruz e non cun casco ou celada, é dun eclesiástico. ¿Quen era eclesiástico e dunha Orde de cabalería?. Vexamos. A Orde de Alcántara deriva da de San Xulián de Pereiro, fundada en 1156, cuxos cabaleiros se encargaron en 1213 da defensa de Alcántara, e pasaron a chamarse co nome desta vila (cruz florenzada de sinople). A Orde de Calatrava, foi instituída por Sancho III en 1158 (cruz florenzada de gules). A de Nosa Señora de Montesa, foi instituída por Xaime II de Aragon e Valencia, e aprobada polo Papa Xoan XXII en 1319, establecéndose a casa principal na vila de Montesa, de onde toma o nome (cruz florenzada de sable). Esta vila denantes fora dos templarios. Pero esta Orde de Montesa, incorpora a Orde de San Xurxo de Alfama, cuxa cruz chea, de gules (cruz de catro brazos iguais de cor bermello) pona brochante sobre a negra. (“O Libro da Heráldiga Galega”, Luciasno Fariña Couto, Fundación Pedro Barrié de la Maza, 2001, páx.61)
Para a miña forma de ver a cruz do cuartelado, tanto pode ser a de Alcántara como a de Calatrava, falta coñecer a cor, e respecto da acanaladura central, é algo estilístico da labra do artista. Para decantarnos pola Cruz de Montesa, tería que ser a cruz primixenia sen a incorporación da Cruz de San Xurxo, cousa que tampouco sería de extrañar por istes lares, dada a súa connotación coa Orde dos cabaleiros Templarios, dos que tantos vestixios temos polas Terras de Ribadeo, por ser de sempre, ruta obrigada do Camiño de Santiago.
Foto 2. Celeiro de Mariñaos (1700) |
O escudo da (foto 2) de Celeiro de Mariñaos, está timbrado cunha cruz cristián florenzada e pometeada (cos brazos laterais e alto, rematados lixeiramente abertos, como os pétalos da corola dunha flor, como facéndolle encaixe ao pomo en forma de bola). Carece da Divisa, e da lenda xenealóxica que vimos no escudo primeiro, e está simplemente cuartelado en cruz, sen presentar ningunha cruz de Orde Militar. O adorno exterior, aos pes da cruz do timbre, son follas semellando lapas de lume, e o demais está formado por unha meticulosa labra de fantasía con follas nervadas de elegantes voltas simétricas en ámbolos dous flancos, cantóns e sostén.
No escudo (foto 1), o primeiro cuartel, é un brasón partido, en cuxa 1ª partición hai unha banda perfilada engulida en dragantes linguados (dragóns aos que se lles ve a lingua), e coa curiosa particularidade, de que ó dragón baixo, tamén se lle ve un anaco do remate da cola. Son Armas dos NAVIA, as mesmas que aparecen no altar maior da igrexa parroquial de Ribadeo (tamén en La Comarca del Eo, 4-Marzo-2017)
Neste primeiro cuartel, 2ª partición, un home de pé con uniforme típico dos conquistadores de América, porta unha adarga na man destra, cuxa folla da coitela mira cara sinistra, e a man esquerda descánsaa sobre o pomo da espada envaiñada que leva á cintura. O home está situado sobre un escudiño con bordura e con cinco faixas en relevo, e cinco ranuras o que puidera pensarse nun escudo burelado, si se alternaran faixas de metal e de cor, pero carecemos de documentación para aseveralo.
Este escudiño con faixas, parece que fai referencia as Armas dos MENENDEZ, que segundo o Diccionario Heráldico y Nobiliario de Fernando González-Doria do ano 1994, si son do solar de Avilés, en campo de prata serían soamente tres faixas de azur, tal como aparecen no escudo do Patín e no escudo de Armas do Outeiro de San Miguel de Reinante (ver fotos en “Casa brasonada do parque de Ribadeo”, La Comarca del Eo, 21-Maio-2016).
No primeiro cuartel do escudo da (foto 2), preséntanse as mesmas armas, pero con particularidades distintas:
1) O brasón está no cuartel enteiro sen partición.
2) A banda está posta en barra (seguramente porque o artista a adaptou ó largo do espazo que lle quedaba baixo a curva do 1º cantón).
3) O escudiño con faixas non ten bordura.
No segundo cuartel, en ámbolos dous escudos, unha aguia coroada mirando a destra, co vó baixado ou coas ás caídas, das armas dos AGUIAR ou dos PARDO DE AGUIAR, e a cada lado da cabeza e á mesma altura dúas coroas laterais das armas dos VILLAAMIL (en campo de azur unha aguia coroada de ás baixas de prata, con dúas coroas laterais do mesmo metal á mesma altura da cabeza). Pormenorizando, vemos que as aguias, están feitas con diferencias artísticas, pois mentres que no 1º, as ás aguantan as coroas laterais, no segundo as ás son cortas e as coroas están no aire; no 1º, as patas e garras da aguia son grandes e chegan o borde, no 2º as patas e garras son cortas.
No terceiro cuartel, unha aguia coroada mirando a sinistra (foto 1) e mirando a destra (foto 2), de ás caídas ou de vó baixado. Son armas dos PARDO (se tivera esmaltes, en campo de sinople unha aguia de prata coas ás baixas, coroada co mesmo metal), semellante a aguia de ás abertas ou volante, que tamén aparece no cuarto cuartel do Escudo de Armas da Capela da Virxe de Lourdes da Igrexa parroquial de Sta. María do Campo de Ribadeo (tamén en La Comarca del Eo, 6-Maio-2017). No primeiro escudo a aguia mira a sinistra enfrontada, por cortesía entre brasóns, coa aguia do 2º cuartel. No segundo escudo, miran ámbalas dúas á destra, na forma natural do brasón.
Cuarto cuartel, unha torre de tres alturas (unha torre con dous homenaxes un sobre do outro, todos ameados), sobre ondas de auga (de azur e prata). Este brasón parece ser o de FUERTES E SIERRA.
D. Baltasar, compra a propiedade e funda a Casa de Río de Caínzos o 26-Decembro-1622 (Concello de Ribadeo, documento antigo do foro de propiedade da casa. Arquivo privado). D. Baltasar tiña unha irmá, Dª María Vázquez Navia e Villaamil casada con D. Pedro Álvarez de Lago, de cuxo matrimonio houbo dúas fillas, Dº Gerónima e Dª María de Lago, todos eles veciños de Navia.
D. Baltasar MENÉNDEZ NAVIA E VILLAAMIL Y SIERRA cásase con Dª Antonia HESTRADA MANRIQUEZ E RIO filla de D. Francisco RODRIGUEZ DE RIO e de Dª. Antonia DE HESTRADA MANRIQUEZ veciños de Ribadeo (faise referencia a este matrimonio no apartado da Capela de S. Roque, “Ribadeo Antigo”, Francisco Lanza, páx.259). No ano 1668, había sete fillos deste matrimonio de D. Baltasar e Dª Antonia, os cales extractamos aquí, do amplo artigo de D. Isidro Fernández Vilalba, “Coñecendo persoeiros históricos de Ribadeo”(“Terra e Tempo”, 10-Febreiro-2016), e cuxa información ampliamos coa xenealoxía relatada en “Blasones y Linajes de Galicia” do padre D. José Santiago Crespo del Pozo, Volume III, páx. 298)
1) Dª. María Navia e Villaamil, que estivo casada co Capitán Don Antonio SARMIENTO, e tiveron unha filla, Dª Juana, quen recibiu parte do legado de súa avoa Dª. Antonia.
2) D. Salvador Menéndez Navia e Villaamil, que foi o canónico tesoureiro da catedral de Mondoñedo, polo ano 1695, e mandou reedificar en 1719 a Capela de San Roque de Ribadeo.
3) Dª. Antonia de Hestrada, monxa profesa no Convento de Sta. Clara de Ribadeo.
4) D. Francisco Menéndez casado en primeiras nupcias con Dª. María del Campo MON E CASTRILLÓN, e en segundas nupcias con Dª Antonia LUACES DE CANCIO, filla de D. Luís de LUACES E SOMOZA. Ver xenealoxía en “Escudo eclesiástico da Capela de San Roque de Ribadeo”(tamén en La Comarca del Eo, 2-Setembro-2017)
5) Dª. Juana Menéndez Navia y Villaamil casada có Licenciado Don Juan Antonio CASTRILLÓN E CIENFUEGOS. Avogado das Reais Contas e veciño de San Bartolomé de Valdepares (Asturias).
6) Dª Isabel María Menéndez Navia estaba solteira no a ano 1668, e vivía na compaña dos seus pais. Dª Isabel, cásase con D. Antonio de LAMAS E MONTENEGRO, primoxénito de D. Antonio LAMAS BAAMONDE e de Dª María MONTENEGRO SANJURJO. Ver xenealoxía no artigo, Escudo da Armas da Casa de Quintalonga de Santalla de Vilaosende (La Comarca del Eo, 19-08-2017)
7) D. Gaspar Menéndez Navia y Villaamil, era o fillo menor. Ignórase o nome da súa muller, pero sábese que tivo unha filla chamada, Dª Juana Rafaela MENÉNDEZ DE AGUIAR Y FUERTES, que casou con D. Nicolás DE LUACES Y UTTON, rexedor do concello mindoniense, dono da Casa de Grallal, en Cobas (Viveiro).
D. Balthasar e Dª. Antonia fan testamento pechado ante D. Domingo García de Cordido o 30 de xullo de 1668. O 21 de Abril de 1683 morre D. Balthesar Menendez Navia e Sierra, e ese mesmo día, ábrese dito testamento en presenza de D. Antonio Baamonde escribán de número da vila de Ribadeo onde se di, entre outras disposicións, que “…os seus corpos sexan sepultados na Igrexa Conventual de San Francisco na sepultura que tiñan dotados os seus “maiores” e que esta debaixo do púlpito…”. Foi nomeado por cumpridor do testamento, D. Salvador Menendez Navia y Villaamil, e por veedores D. Gonzalo FUERTES E SIERRA, cuñado de D. Antonia e tío de D. Balthasar Menéndez, e o Licenciado D. Bartolomé ÁLVAREZ DE LA TORRE comisionado do Sto. Oficio e cura da Colexiata e parroquia de Ribadeo (ibidem, Cidre 2016)
Con todos os MENÉNDEZ anteriores, di D. José Crespo del Pozo (ibidem, páx.298), debeu estar emparentado D. José MENÉNDEZ, nacido Ribadeo en 1682, quen casou con Dª María Teresa PARDO, e tiveron por filla a Dª Juana MENÉNDEZ PARDO, que casou con D. Jerónimo MIRANDA LAMAS, fillo de Dª Juana LAMAS Y MONTENEGRO e de D. Pedro Teodoro MIRANDA Y SANJURJO, empadroado como nobre en 1708 en Goyos, onde se encontraba enclavada a Casa de Miranda de San Vicente de Villameá. D. Jerónimo e Dª Juana, teñen por fillo a D. Lorenzo MIRANDA Y MENÉNDEZ, nacido en Ribadeo en 1735, e cásase con Dª María Rosa MIRANDA Y TRELLES (dos MIRANDA, Marqueses de Santa María do Villar e Condes de San Román), e teñen por fillo a D. Domingo de MIRANDA Y DE MIRANDA, nacido en Ribadeo en 1775.
Outros MIRANDA de Ribadeo emparentados cos NAVIA (ibidem, frei Crespo del Pozo, páx.308) son: D. Alonso Antonio MIRANDA, casado con Dª Bernarda de NAVIA, que teñen por fillo a D. Fernando Manuel de MIRANDA, que casa con Dª Juana MON (filla de D. Fernando Manuel MORO (?) e de Dª Francisca VELARDE), e teñen por fillos a D. José Pedro DE ALCÁNTARA MIRANDA MON NAVIA Y VELARDE, e a seu irmán D. Romualdo, que ambos eran cabaleiros da Orde de San Xoán de Xerusalén en 1795.
Despois deste breve retrinco de historia ribadense, sabemos que as propiedades de Riocaínzos comprounas ó redimir o foro, D. Baltasar en 1622, e que vivía coa súa dona Dª Antonia, na casa do parque “frente o Hospital de San Sebastián”, pero gustaríanos rematar, sabendo quen dos seus fillos, ou parentes, vivían na Casa do Patín, pois a pedra armeira da fachada, presenta as mesmas Armas, así mesmo, ¿que parente fundou e viviu na Casa do Outeiro de San Miguel de Reinante? e ¿na Casa de Celeiro de Mariñaos?. Máis iso é outro anaco da Historia do Ribadeo Señorial ignorado e descoñecido.