Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

En novembro, a residencia de anciáns estará equipada


Así se desprende da nota de prensa que apareceu onte á noite na web do concello. É un paso máis (non a ‘conclusión da primeira fase’) cara a que Ribadeo dispoña dunha residencia de anciáns adecuada a máis da moi escasa e con lagoas que hai na actualidade. Dende a comisión pro Residencia seguimos traballando.

Son 203 000 € de importe para as zonas comúns e habitacións, e 75 000 € máis para a cociña, con contrato asinado onte e tempo de entrega ‘algo máis dun mes’.

Deixo abaixo a nota de prensa, lembrando que é iso, unha nota de prensa do concello.

Foto sinatura equipamento

ASÍ CONCLÚE A 1ª FASE “DESTE SOÑO COLECTIVO”, DIXO BARCIA


Equipamento para a residencia


26/09/2017

No Concello tivo lugar esta tarde a sinatura dos
contratos coas empresas que procederán a equipar de mobiliario á nova
residencia de maiores. O investimento total ascende a 278 000 euros. O
alcalde, Fernando Suárez, subliñou que “foi un proceso administrativo
complexo e longo debido á súa magnitude económica”.

 O rexedor declarou que “no día de hoxe materializamos un novo paso
neste soño colectivo, que é a residencia municipal de maiores de
Ribadeo, coa sinatura destes dous contratos para o seu equipamento. Foi
un proceso administrativo complexo e longo polo seu montante económico,
dado que empezamos en maio a tramitar coa publicación do anuncio de
licitación no Diario Oficial da Unión Europea, pola magnitude
económica”. 

Suárez Barcia dixo que “despois dun longo proceso de
publicación, de presentación de ofertas, de selección, de dotación das
garantías necesarias, etcétera, con todos os parabéns técnicos e
xurídicos, no día de hoxe vimos de asinar este contrato coa empresa
Lógica para o que ten que ver co equipamento de camas, camas
articuladas, mesiñas, cortinaxes, todo o mobiliario para as salas de
estar e para as zonas comúns, etcétera, por un importe de 203 000 euros.
E tamén vimos de asinar un contrato coa empresa Alarsa por importe de
75 000 euros para todo o que ten que ver coa cociña, os
electrodomésticos, a lavandería, etcétera, que contan con moitos avances
e incluso con facilidades ergonómicas tanto para os traballadores como
para os usuarios, ademais todo cunha capacidade sobrada para todas as
persoas que traballen e vivan alí”.

O alcalde indicou que “en
definitiva son 278 000 euros de diñeiro público, que unha parte moi
importante, coma sempre, está participada pola Deputación Provincial de
Lugo, que se portou moi ben cos veciños e veciñas de Ribadeo nestes
últimos anos. Aínda que non foi así por parte do resto de
administracións, a Deputación sempre estivo moi achegada aos problemas e
necesidades de Ribadeo e ás reivindicacións que desde o Concello lle
fixemos, sempre contando coa participación de todos os grupos políticos,
aínda que neste mandato o grupo municipal do Partido Popular
desgraciadamente non quixo estar nesta loita colectiva que levamos
mantido entre todos”.

Fernando Suárez engadiu que “agora o prazo
para a dotación deste equipamento será dun mes e pico. E así estamos
iniciando o principio do final desta primeira fase, que consistía na
disposición dos terreos, na licitación e construción do edificio, coa
demolición previa das vivendas dos profesores e agora culminamos esta
primeira fase co equipamento. A partir de aí iniciaremos unha segunda
fase, que será a consecución das autorizacións previas da Xunta de
Galicia para a súa posta en funcionamento á maior brevidade posible”.

No
acto celebrado esta tarde no Concello estiveron ademais do alcalde, a
concelleira de Servizos Socisanitarios, o secretario municipal e
representantes das empresas asinantes.

Nota final: Tentei procurar o Diario Oficial da Unión Europea do día 8 de abril, no que supostamente saiu  un anuncio relacionado coa residencia, mais nin no do 8 nin no do 7 vin nada.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *