O pleno do xoves pódese ver agora en vídeo, xentileza do PSOE ribadense, e póñoo a continuación despois da entrada anterior, coa parte do pleno correspondente á pregunta sobre a illa Pancha:
É de esperar que a calidade vaia mellorando… e a respostas, tamén.
Como contraste e comparación, deixo abaixo a nota de prensa do concello, posterior ó pleno, pensando no que di, no que non di, e en como o di:
”
APROBÁRONSE UNHA MOCIÓN DO PSOE E OUTRA DO BNG
Pleno, onte
22/09/2017
O alcalde, Fernando Suárez, amósase sorprendido e
indignado polo abandono por parte dos concelleiros do Partido Popular
do pleno celebrado onte, cando membros da plataforma sanitaria acudiron á
sesión portando unha pancarta en defensa da área sanitaria da Mariña. O
rexedor considera que é un asunto que preocupa moito á veciñanza de
Ribadeo e que había que debater. Suárez Barcia subliña que o PP onde é
oposición, como en Asturias, critica a fusión encuberta das áreas
sanitarias e onde é goberno, como en Galicia, di todo o contrario e nega
que isto sexa así.
O alcalde ribadense cualificou a sesión de “interesante” en
referencia a “este pleno ordinario que tivo lugar onte á noite en
Ribadeo, onde moitos dos asuntos eran técnicos e económicos sobre todo
para dar conta da marcha da economía municipal que, sen ser a mellor do
mundo, imos tirando con moita dignidade con remanentes de tesourería
positivos e con períodos medios de pago máis que decentes”.
Fernando
Suárez dixo que “había outros puntos na orde do día dun pleno que non
son tan técnicos, son de debate sobre cuestións que lle afectan tamén
aos nosos veciños e ás nosas veciñas e aínda que non teñan que ver
directamente co Concello de Ribadeo si que a Corporación, como órgano
colexiado e político, quere poñer o seu grao de area para dar a súa
opinión sobre algo se lle gusta ou non. Estoume referindo á proposta que
trouxemos sobre o mantemento da área sanitaria da Mariña”.
O
rexedor ribadense subliñou que “é algo que está no debate público, e que
moitísima xente e moitísimos profesionais da sanidade pública do
Hospital da Costa nos manifestan a diario, e estamos vendo que hai unha
clara intención do goberno galego a través da aprobación desta nova lei
de saúde pública de que desapareza a área sanitaria da Mariña e de que o
Hospital da Costa sexa un mero apéndice e un mero ambulatorio do HULA
de Lugo”.
Para Suárez Barcia “a nosa sorpresa foi cando o grupo
municipal do Partido Popular abandonou o pleno porque varios integrantes
da Plataforma da Sanidade Pública da Mariña entraron no salón de plenos
cunha pancarta que poñía Non á supresión da área sanitaria da Mariña.
Entraron con educación, sen abrir a boca e en absoluto increparon a
ninguén, simplemente despregaron unha pancarta. Eu levo varios anos xa
no Concello de Ribadeo e vivín cando había plenos con duascentas
persoas, cando había tensión nos plenos, incluso vivín no mandato
anterior cando esta mesma Plataforma Sanitaria entrou cunha pancarta e
non pasou nada. Quizais eran outras as persoas que estaban na
Corporación anteriormente”.
O alcalde ribadense explicou que “o
que me indigna a min, e entendo que ao resto de grupos da Corporación
que alí quedaron, é o marcharse para faltar a un debate. Noutros
mandatos anteriores había valentía de todos os grupos para manter as
posicións propias aínda que foran contrarias ao sentir xeral do pleno ou
ao do público asistente, pero o que vimos onte non ten parangón. Os
membros do grupo municipal do PP non son capaces de romper a disciplina
de partido, nin de defender algo que é obvio nun tema que tanto afecta á
xente da Mariña e particularmente a nós, á xente de Ribadeo”.
Fernando
Suárez insistiu en que “o que estamos dicindo, e o que di a Plataforma
da Sanidade Pública da Mariña e os profesionais de Burela con respecto a
esta modificación da lei é que antes os recursos estaban en función das
necesidades da poboación e que agora con este proxecto de lei que está
en trámite, estarán en función dos recursos económicos existentes que o
goberno de turno, é dicir o goberno do PP da Xunta de Galicia, queira
incorporar, e iso é algo que é fundamental. Polo tanto non querer
debater, non querer asumir ou non querer dar a cara nestes debates deixa
moito que desexar destes representantes do pobo. A min tamén me molesta
cando me critican, ou cando poida haber xente no público que non estea
de acordo co que nosoutros opinamos, pero non por iso nos marchamos. Iso
é algo que para ser concelleiro había que telo claro desde o momento en
que un se quere presentar a unhas eleccións”.
O alcalde
ribadense engadiu que “o resto de grupos da Corporación estivemos de
acordo, o Bloque, o PSOE e Ciudadanos, en que queremos poñer o noso grao
de area e opinión pública en que non queremos a supresión da área
sanitaria da Mariña, e non o dicimos nós porque non sexamos parte do
goberno galego. Facíame moita graza escoitar onte mesmo á presidenta do
PP asturiano como se laiaba de que o Principado de Asturias, que non
está gobernado polo PP, estea facendo unha fusión encuberta de áreas
sanitarias, o mesmiño que aquí. Alí o PP está na oposición e por iso se
laia tanto, pero aquí en Galicia como o PP goberna na Xunta todos os
seus lacaios no resto de Concellos en vez de romper unha lanza en favor
do sentido común prefiren marchar do pleno e non debater
convenientemente as diferentes opinións políticas”.
Mocións
Fernando
Suárez tamén se referiu a outros asuntos tratados no pleno de onte que
“o resto de grupos que quedamos alí acordamos aprobar por unanimidade
unha moción do PSOE para instar á Xunta de Galicia ao incremento
económico dos plans de mellora de camiños municipais, e unha moción do
BNG sobre o Pazo de Meirás e a Fundación Francisco Franco no senso de
facer unha condena pública das actuacións e das actitudes da Fundación
Franco e da súa familia ao respecto da situación de vergoña e espolio na
que manteñen o Pazo de Meirás. No apartado de rogos e preguntas houbo
varios feitos pola oposición nas que algunhas teñen razón e intentaremos
corrixir e outras coas que non estamos de acordo explicamos cal é a
nosa motivación”.
”
Por último, aínda agora non podo acompañar a entrada coa convocatoria porque non está dispoñible na rede.