Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

ESCUDO DE ARMAS DA CAPELA DE SAN ANTONIO E DE SAN JOSÉ DE Sta. MARÍA DO CAMPO. Francisco José Campos Dorado


Entrando na Igrexa parroquial de Santa María do Campo de Ribadeo, a primeira capela a man dereita é a capela de San Antonio e de San Xosé. Sobre o arco de medio punto está este Escudo de Armas e dúas laudes a ámbolos seus lados, que deben explicar as cláusulas e gravames que deixou establecidos o fundador ou fundadores do maiorazgo. O escudo é de deseño clásico español redondeado en punta, timbrado cun casco de fidalgo con penacho de tres plumas e adornado de lambrequines curtos que caen por ambos flancos ata a metade do campo. Na parte alta destra do casco, hai unhas letras moi confusas, que parecen ser: “P A Z M D Y A I” e das que non podemos comprender o significado. Está empotrado na parede do templo, polo que supoñemos sexa orixinal dun maiorazgo do Convento de San Francisco e que non veu trasladado da Igrexa Colexiata de Sta. María do Campo, como xa explicamos noutros casos. A ámbolos dous lados da pedra armeira hai unhas laudes (pedras con inscricións) para nós moi difíciles de interpretar debido o pintado e repintado á que estiveron sometidas durante catro e tres séculos e o caleado encheu os ocos do gravado e desapareceu da vista parte da inscrición. Na laude esquerda, segundo se mira, parece rezar: “ESTA CAPILLA ES DE ALGº (¿ALONSO, ALVARO GONZALEZ?) DEL b’NAYA(?) PA(?)DO (?) VO ESTANDO ESTABLECIDO A SV COSTA I DOTO CON SEIS MISAS CANTADAS (?)ANO 1594(?) IbEP(?)r..RIOr A CAVMA(?)..CON SVS RESPONSOS CANTADOS Y CRVZ (?)”.

 Na laude da destra, parece que continúa a ladaíña: “I SE AN DE DECIr DYA DE SAN ILDEFONSO Y DE ADRIAN I EL DIA DE (¿NAVIDAD?) DYA DE …. OTRA DYA DE N SEÑORA….DYA DE SANTO DOMINGO OTRA DIA DE SAN MYGUEL AÑO DE 1675”.

A primeira laude (esquerda), parece ser á da fundación do maiorazgo, e parece darnos a data da antigüidade do escudo, que ven a ser da mesma época que o da Capela da Virxe das Dores (1594) e case como ó da Capela das Ánimas e da Virxe do Carme (1604). Con dúbida, pois é difícil de ler por estar moi confusas as letras, parece que se refire a D. Álvaro ¿González Ribadeneira?.

O segundo laude (dereito) mostra a data de 1675, máis tardía que a primeira, posiblemente, porque foi cando se estableceron novas cláusulas na “licenza” do maiorazgo, como expresan as especificacións do laude. Este mesmo tipo de cláusulas, a posteriori da fundación, vímolas no Escudo brasonado e familiar dos RON, na Capela da Virxe do Rosario, que estableceu de novo D. Pedro de Miranda en 1616 (tamén en La Comarca del Eo, 18-Marzo-2017)

O campo do escudo está partido por unha espada baixa ou fixada (coa punta abaixo) e desenvaiñada, en pau (vertical) coa empuñadura arriba no punto de honor (punto central do xefe sen chegar a tocar a boca ou borde do escudo). Sobre este punto, baixo o centro do xefe, lábranse “as armas paternais” ou armas hereditarias transferidas polo primeiro posuidor ós seus descendentes. Son armas dun cabaleiro que tivo algún cargo militar ou pertencente a algunha Orde Militar (en campo de gules unha espada baixa de prata, coa empuñadura de ouro).

Observamos que con data do ano de 1675, que describe a segunda laude, xa vimos este tipo de partición do campo, por medio dunha espada fina, no Escudo de Armas na Casa de Del Río, da Rúa Antonio Otero (tamén en La Comarca del Eo, 16-Xullo-2016), pero ámbolos dous escudos non teñen relación pois os mobles ou figuras dos brasóns son distintas. De todas maneiras, non podemos descartar nada ó cen por cen, pois os VILLAAMIL, estiveron emparentados cós OYA, SARMIENTO, SOTOMAYOR, MONTENEGRO, etc. pero sendo rigorosos nas análises, aquela espada está acompañada de dúas veneras, unha a cada lado do puño, que puideran ser armas dos POUSADOURO ou POUSADEIRO, mentres que esta espada é máis curta, cun pomo no puño, con cruceta e sen garda, como se ve na espada do terceiro cuartel, do escudo dereito da Casa dos MIRANDA na rúa Amando Pérez (tamén en La Comarca del Eo, 3-Decembro-2016).

Na partición destra, deste escudo da capela de S. Antonio e S. Xosé, móstrase en xefe, desde o centro ó cantón destro, unha barra engulida en dragantes. Poden ser armas dos VILLAR (Blasones y Linajes de Galicia, J.S.Crespo del Pozo, Volumen I, páx.422). Na Real Audiencia e Chancillería de Valladolid atopamos dous preitos: Código: ES.47186.ARCHV// 8.7.1//CAJA 1750,28. Executoria do preito litigado por D. Juan Martínez del Villar, veciño de Ribadeo, con D. Diego de Villamane e D. Domingo Pérez de Quintana, veciño de San Martín de Oscos, sobre execución de bens por cuantía de 50 ducados en razón de media paga acumulada de certo censo outorgado en dicha vila. Fecha: 20-Novembro-1593.

Con Código ES.47186.ARCHV/8.7.1// CAJA 2189,78. Executoria do preito litigado por Dª. Aldonza Sierra Osorio, viúva de D. Juan Martínez del Villar, e fillos, veciños de Ribadeo, con Juana González de Miranda, veciña de Castropol. Fecha: 21-Agosto-1615.

Tamén poden ser Armas do Marqués de Santa Cruz, iguais que ás que se poden ver no primeiro escudo, terceiro cuartel da Casa dos Miranda (tamén en La Comarca del Eo 3-Decembro-2016).

Puideran ser Armas dos OMAÑA (en campo de ouro una banda de gules engulida por dous dragóns de sinople) (Diccionario Heráldico y Nobiliario, Fernando González-Doria, 1994). Os OMAÑA, de orixe asturiano, están enlazados cos liñaxes galegos: ULLOA, OSORIO, MOSCOSO, RIBADENEYRA, etc. todos eles con familias en Ribadeo, e probaron a súa nobreza na Orde de Santiago en 1639, e na Real Chancillería de Valladolid en 1608 e 1670. D. Pedro Miranda Omaña era o Marqués de Sta María del Villar en 1706 (“Escudo da Capela da Virxe das Dores” tamén en La Comarca del Eo, 8-Abril-2017). Por outra banda, sen estar claro, xa dixemos que a laude esquerda parece dicir: Álvaro ¿González Ribadeneira?. Este señor era Mariscal, avó de Ares de Omaña, quen era padre de D. Fernando Ares de Saavedra e Baamonde, o cal otorgou unha escritura de concordia ante D. Gregorio Vázquez de Parga o 21-Marzo-1607 (Linajes Y Blasones de Galicia, Crespo del Pozo, Volumen IV). ¿Isto querería dicir que os OMAÑA eran propietarios dun mairorazgo desta capela pertencente o Convento de San Francisco, e os VILLAR do outro maiorazgo? ¿Un de San Antonio e outro de San José?. Posiblemente.

Esta banda engulida, tamén puidera ser Armas dos NAVIA ou dos MENENDEZ NAVIA emparentados cos VILLAAMIL, segundo xa vimos nos Escudos do Altar Maior, que datan de primeiros do século XVII e no escudo da Casa do Patín de Ribadeo que data do ano 1700. Tamén son Armas dos SANJURJO da Casa dos BUSTO (“Casa brasonada da Rúa Viejo Pancho”, tamén en La Comarca del Eo, 24-Decembro-2016) ou Armas dos ANDRADE ou FREIRE DE ANDRADE, pero nestes catro últimos casos, a figura é unha banda e non unha barra engulida, as cales se diferencian en que a banda e a barra son figuras unha inversada da outra. Dado que o criterio dos artistas escultores estaba, nalgúns casos, máis coa estética do conxunto das figuras do campo brasonado, que coas normas heráldicas, non descartamos que puidera ser calquera dos apelidos anteditos, particularmente dos OMAÑA RIBADENEIRA ou dos NAVIA, como parecen rezar na laude, e que teñen as mesmas Armas dos ANDRADE ou FREIRE DE ANDRADE (en campo de sinople –cor verde- unha banda de ouro engulida en cabezas de dragón do mesmo metal). Os ANDRADE foron grandes fundadores de conventos e protectores das ordes relixiosas mendicantes, e cuxas Armas aparecen nos Nobiliarios en ámbalas dúas formas: en banda e en barra. A incógnita resolverase o día que se limpen as laudes, e se poida ler sen error o que poñen e desde estas poucas liñas, pediría que se fixera algo para que se limparan, por restauradores profesionais, estas laudes de Sta. María do Campo, pois están imposibles de ler. Respectando, por suposto, o criterio e autoridade do cura Párroco da Igrexa, que tería que dar a autorización, non creo que saíra tan cara a limpeza, pois o que cubre as letras gravadas, debe ser cal ou lechada de pintar, que posiblemente sairá mollando con auga e refregando cun trapo. É un dicir, pero incluso se podería facer pagando “a escote” ós que nos gusta conservar o patrimonio, por encima de calquera outra liorta política ou relixiosa. ¿Quizais, sería cuestión de “poñerse a elo”?.

No flanco destro dous crecentes ranversados colocados en pau e no cantón destro da punta unha venera o natural. Son Armas primitivas dos OYA do Condado de Salvaterra de Ponteareas, ás que lles falta unha aspa de gules en xefe, para estar completas, cuxa figura está substituída polo brasón da barra (banda) engulida antedita. Recordemos que as armas máis modernas dos (H)OYA, son: en campo de azur cinco lises de ouro, postos en aspa ou sotuer. Cambiando os esmaltes son as mesmas Armas que as dos MALDONADO, ALDAO ou ALVARADO, como xa vimos na Capela de Ánimas e da Virxe do Carme (tamén en La Comarca del Eo, 22-Abril-2017)
Tanto os OYA como os MIRANDA, son Fidalgos do Condado de Ribadeo, provintes da Casa dos OYA-OZORES. D. Manuel Antonio Oya Ozores, estaba casado con Dª Isabel Felipa Miranda Ribadeneyra, filla de D. Pedro Miranda Ribadeneyra e de Dª María Josefa Montenegro Santiso. D. Manuel e Dª Isabel teñen varios fillos: Dª Rosalía de Oya Miranda (que sigue a liñaxe), Dª Catalina Juana, Dª Micaela e D. Carlos Oya Miranda de Ribadeo. D.Carlos cásase con Dª María Saavedra e Cotón de Lugo, e tiveron por fillo a D. Manuel Antonio de Oya Miranda y Saavedra (Blasones y Linajes de Galicia, D.José Santiago Crespo del Pozo, Volumen IV). Un dos últimos descendentes co apelido Oya en Ribadeo, foi: Dª María de los Ángeles Martínez de Aguiar y Oya, que tivo o pasamento en Ribadeo o 8-Marzo-1954, viúva de D. Gumersindo García de Presno Cotarelo, cuxa xenealoxía xa describimos, en parte, no Escudo brasonado da Capela da Virxe de Lourdes (tamén La Comarca del Eo, 6-Maio-2017).

Na Chancillería de Valladolid, atopamos dous preitos, que nos dan datas certas de cando viviron estes ribadenses: 1) Preito por Alimentos litigado no mes de Setembro do ano 1732, por D. Carlos Manuel de Oya Miranda Rivadeneira, veciño de Lugo, que probablemente sexa o mesmo fillo de D. Manuel e Dª Isabel, que se reporta na xenealoxía de D. José Santiago Crespo (ibidem). 2) Preito Civil, entre os anos 18041809, de D. Pedro Ramón de Oya y Miranda, de Ribadeo e D. Vicente Lamas de la Torre, de Santa Eulalia de Vilaosende (Pazo de Quintalonga), sobre anulación de escritura de foro dunha casa e horta situadas en Ribadeo. Anotemos, como curiosidade, que na Lista de Embarcacións do Porto de Ribadeo de 16-Agosto-1787, atopamos a D. Bartolomé OYA, Dª Manuela Campo Amor e D. Manuel Quintana son armadores do barco “La Concepción” de 60 Tm. de rexistro bruto, e que foi arqueado de novo en 19-Febreiro-1845 dando un porte total de 85 Tm. Este barco desguazouse na Liñeira o 9-Marzo-1850.

Aínda que as Armas primitivas dos OYA, son as máis probables neste escudo, a figura redonda da punta, tamén puidera ser un roel (si fora de cor) ou un bezante (si fora de metal). O escudo é moi antigo e estas figuras parecen estar moi pulidas ou desgastadas, para poder precisalas. A venera, que presentan varios escudos de Ribadeo, é un dos brasóns que se concederon na primeira metade do século IX, ós cabaleiros que participaron na batalla de Clavijo (Arte de Escudos de Armas, D. Pedro Joseph de Aldazaval y Murguía, ano 1775, Libro I, capítulo XI, páx.112). As veneras do Apóstolo Santiago, gañadas en batalla, aparecen noutros escudos de Ribadeo, acompañadas doutras figuras, p.e.: cunha espada baixa desenvaiñada (coa punta abaixo e o puño alto, en pau), no escudo de armas da Rúa Antonio Otero (tamén en La Comarca del Eo, 16-Xullo-2016) e no terceiro cuartel do segundo escudo da Casa dos Miranda (tamén en La Comarca del Eo, 3-Decembro-2016).
Na partición sinistra tres crecentes ranversados colocados en pau, e no cantón sinistro da punta ¿unha casa?, ¿un palacio?, ¿unha tenda de campaña?, ¿un casón?, ¿unha “yacija” ou arca onde se depositaban os restos dalgún defunto?. Esta partición presenta un brasón totalmente descoñecido para nós.
Fáltanos a documentación da Xenealoxía Familiar e da acreditación das Armas do fundador ou fundadores deste maiorazgo, polo que de momento, nos quedará a dubida das Armas posibles deste brasón, que non atopamos entre ningún dos miles de brasóns da bibliografía consultada.

Misterios que quedan por explorar da Fidalguía do Ribadeo Señorial, pois perdeuse moita ou toda a documentación do Convento de San Francisco, e xa non digamos, onde iría a parar a documentación da maioría das Casas de Fidalgos onde están os seus Escudos de Nobreza, pois salvo algunhas excepcións, estas casas pasaron a ser propiedade dos que eran levadores ou arrendatarios da casa ou das fincas, no mellor dos casos, e outras foron adquiridas por xente totalmente allea os propietarios orixinais. Non esquezamos que ademais disto, a destrución de documentación tamén se debeu as expurgas de arquivos, así como, a múltiples episodios bélicos que houbo en Ribadeo, desde aquelas fechas, e onde se destruíu de todo: asalto de piratas, Guerra da Independencia, Guerra Civil, perda de Consulados… etc.etc.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *