Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

COMPAÑEIRO JOSÉ MARÍA RODRIGUEZ. Francisco José Campos Dorado


 Como empezar unha carta de despedida que non quero escribir. Como dicirche adeus para sempre, amigo e compañeiro, pensando que nunca poderei volver a escoitar as túas respostas cando eu che fale e che consulte todo o que me faga falta. Como expresarche a miña amizade, ademais de cunha aperta ou cun apertón de mans como sempre que nos víamos.

Empecei a coñecerte aquel día do ano 2007 na asemblea da AAVV “O Tesón”, cando fun elixido como relevo de Gilberto Suárez, pois o home sentíase xa cansado coas súas cousas, e me xuntei convosco na directiva, xunto con Antonio Gregorio, Soledad, Jóse, Rocío Botana e Arturo Linares. Como pensar, naquel momento, que chegaría a sentirme tan arroupado e tan orgulloso de estar codo con codo traballando con todos vosoutros.

Para min haberte coñecido e haber cooperado cun home coma ti, honesto, honrado e tan involucrado na política social, que nunca lle importou caer mal ou ben, a este ou a aquel, ou a esta ou aquela facción, con tal de levar adiante unha idea ou unha acción que entre todos víamos que era causa de abandono ou un despropósito en prexuízo do pobo, ou que era un servizo necesario para o benestar da xente, e que tiña que facerse ben. Esta idea do social, soubeches comunicárnola daquela maneira, pero foi un privilexio haber vivido no teu tempo e haber compartido contigo, ducias de horas de amena e instrutiva charla, tomando un café ou un bo caldo de viño tinto, ou branco ou unha caña de cervexa, acompañada dunha excelente Tapa de Ribadeo.
Como prescindir desa mente tan sumamente traballadora e privilexiada que era capaz de desenrolar unha utopía e transformala en realidade palpable, case que perfecta, baseándose na audacia de pensamento, nun extraordinario interese na acción, na constancia de darlle volta tras volta ás ideas, ata atopar esa porta que se abre á razón indiscutible, para facer o que hai que facer, porta de entrada a ese mundo onde os soños se transforman en realidade concluínte. Como expresar coa serenidade necesaria esa exposición de ideas, que tantas veces contrasta coa adversidade da intolerancia ou cun desmando da linguaxe. Como ser prudente na exposición, cando a sangre che fai berrar de pena polo que estás vendo. Pois ben, o teu era saber facer, coa linguaxe máis culta, unha exposición maxistral xunto coa incisiva proclamación das ideas e da acción.

Foise José María, un intelectual de tal calibre que será moi difícil de igualar. Para a Historia de Ribadeo, ben contada, baseada en feitos e en documentos reais, é unha enorme perda. A súa vida ten uns anos de incesante publicación de libros e relatos históricos e lingüísticos. Os seus estudos meticulosos na tradución do “Diploma do Rei Silo” que data do 23 de agosto do ano 775 e de varios documentos do século XII e XIII, levárono a escribir o magnífico traballo sobre “El Convento de Esperautano y su Coto” situándoo en A Graña do Concello de Ribadeo, rompendo mitos de malas traducións do latín, onde desmonta as malas interpretacións, de Tabulata, como Trabada, de Celeiro como Celeiro de Mariñaos, etc. etc. Os libros: “Estudo sobre a Toponímia de Ribadeo”, ano 2007; “Sobre os Castros de Ribadeo”, ano 2009; “La Sede Episcopal de los Britones”, do ano 2009, incluído nos Estudos Mindoniensis; “Vilaselán, aproximación histórica”, ano 2010; “La Colegiata de Ribadeo, ano 2011; “Santo Estebo de Augas Santas”; “Santo Estebo da Pagá”, e un cento de artigos periodísticos máis.
Os seus magníficos e documentados traballos históricos foron publicados nos Cadernos de Estudos Mindonienses, unha garantía da sapiencia de José María.

Dicía Ralph W. Emerson: “O esplendor da amizade non radica nunha man estendida ou na bondade dun sorriso, se non na inspiración que o espírito ó descubrir que alguén cre en nosoutros, está disposto a brindarnos a súa confianza”. Eu sempre fun un mariñeiro solitario, e pouco souben da vida social, ata que coñecín os membros da directiva de “O Tesón”, e alí estaba José María. Non quixera xamais chorar pola falta dun compañeiro, pois a auga salgada das bágoas, quero que sempre me recorden as delicias do Mar, a miña vida mariñeira, e nunca a tristeza das despedidas. Pero en algunhas ocasións ocorre, que o pracer inicial dá presentación xúntase coa amargura dun: adeus meu amigo.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *