Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Por que?


Sigo sen explicarmo. Onte houbo pleno. Entereime a auga pasada, despois de estar mirando día a día o taboeiro de novas do concello. Nada. Non vin ningunha referencia a que onte ía haber un pleno, algunha posibilidade de enterarme de que ía, que se ía tratar… Remato de repasar os títulos das novas das últimas dúas semanas. Das más recentes ás máis antigas, aín van os títulos:

Desprendemento en Mirasol

Apego

Apicultura

A media asta

Bandeiras azuis 2017

Obradoiros de swing

Plan único

Audicións da EMMeD

II Heroican Race

Situación económica

Exposición en Turismo

E así chegamos a hai dúas semanas…

Hai que dicir que na nota titulada ‘situación económica’ facíase propaganda das bondades actuais da economía do concello e tamén, ó comezo, dicíase que ía ser motivo do próximo pleno ordinario. Si, o de onte. Mais en ningures se citaba día, hora ou orde do día detallada.

Hai tempo que deixei de ir sistemáticamente ós plenos, en parte porque cada vez eran máis móbiles e con menos aviso, partindo dunha situación na que os plenos ordinarios teñen un día asignado. Nestes últimos anos (poñamos, os 5 últimos) a porcentaxe de plenos celebrados no día asignado por defecto aproxímase a 0. E a de plenos que foron avisados con máis de 24 horas na web do concello non chega nin de lonxe ó 10%. Iso si, notas posteriores da alcaldía de como tería ido, segundo a súa opinión, o transcurso dos plenos, cobren a práctica totalidade dos plenos ordinarios ou extraordinarios.

Así pois só podo tratar hoxe algún detalle do pleno de onte, que me chega de man de terceiros, ós que llo agradezo. Foi así como me enterei de que nos tratos en relación á illa Pancha, despois do informe do Defensor del Pueblo e de o concello botar balóns fóra pedindo informes á Xunta e a Portos, responde a Xunta (Urbanismo, non medio ambiente) que o pedido é competencia da autoridade portuaria. E a autoridade portuaria, ‘xa lles contestaremos’. Algo que polo momento non foi comunicado ó grupo que, aló por febreiro, informou ó concello da resolución do Defensor e pediu medidas. E tamén que o secretario lle lembrou ó alcalde que xa consta documentalmente a perda de eficacia da comunicación previa á comunicación da actividade na illa. Isto é, que os apartamentos deixan de estar autorizados provisionalmente e polo tanto, téñense que clausurar. Debían estar xa utomáticamente clausurados (aínda que non está claro se foi cursada a orde).

É dicir, pouco a pouco, todas as irregularidades non teñen outro remedio que ir saíndo e causando efecto. Onte o xornal El Progreso xa adiantaba algo do que poño máis arriba, misturado coa nota de prensa de Por Nuestro Faro en relación ó escrito presentado no concello que colguei tamén onte. orque está claro que, sen ser técnicos nin dispoñer acceso debido a información, o grupo vai empurrando para que quen si dispón de técnicos e ten a información se mova, e informando á cidadanía, que vai collendo conciencia de que un ben de todos está sendo tratado como se non fora común.

Abro un xornal en internet e sorrío. Polo momento, non fala do pleno de onte, pero recorrendo as novas atópome unha foto do alcalde apartando ramas de eucalipto recén cortadas no Costal e outra, en medio do desprendemento no vial por fóra da verxa de Mirasol, inspeccionando o cantil. Para cando unha foto semellante na illa Pancha?


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *