As bandeiras do Concello ondean a media asta polo pasamento de
José María Rodríguez, “activista e representante dos colectivos veciñais
na loita para que Ribadeo contase cunha nova residencia de maiores”,
así o lembraba esta mañá o alcalde, Fernando Suárez Barcia
09-05-17
Ribadeo, 9 de maio de 2017. O alcalde, Fernando Suárez, manifesta
o seu pesar polo pasamento de José María Rodríguez Díaz e destacou a
súa loita pola construción da nova residencia de maiores. O rexedor
trasladou o pésame da Corporación Municipal á súa familia.
Fernando Suárez declarou que “enterados do falecemento de José María
Rodríguez Díaz, veciño de Ribadeo, activista e representante das
asociacións de veciños na loita porque Ribadeo contase cunha nova
residencia para a nosa xente maior, quero desde o meu cargo de alcalde,
pero tamén como representante do goberno municipal de Ribadeo e
igualmente no nome de toda a Corporación Municipal, expresar o noso
pesar polo seu pasamento ao tempo que transmitir á súa familia tamén o
noso pesar por tal suceso”.
O alcalde lembrou que “coñecín a José María xa nestes últimos anos de
reivindicación dunha residencia en Ribadeo, coñecino profundamente, e
pareceume sempre unha persoa incansable na defensa dos xustos valores,
traballadora como ninguén e que non se amilanaba diante de nada e de
ninguén”.
Suárez Barcia subliñou que “ese espírito reivindicativo foi o que nos
contaxiou á maioría dos representantes políticos da cidadanía nesta
singladura para que Ribadeo puidese contar cun centro de persoas maiores
e que dea cabida a esta demanda existente, e así evitar que moitos dos
nosos maiores tivesen que emigrar a centros residencias lonxe de Ribadeo
os últimos anos precisamente das súas vidas”.
O rexedor ribadense manifestou que “se foi José María, pero a súa
loita segue viva, o seu esforzo serviu de algo e aínda que o día é
triste polo seu pasamento, entendo que a mellor maneira de honralo é
poñer a andar antes que despois esta residencia de maiores pola que el
tanto loitou, el e todas as persoas das demais asociacións de veciños do
concello xunto coa maior parte da Corporación Municipal. Descanse pois
en paz”.
As bandeiras do Concello ondean a media asta na honra de José Mª Rodríguez.