Na igrexa parroquial de Santa María do Campo de Ribadeo, entrando a man esquerda, e chegando ó cruceiro, atópase a Capela da Virxe do Carme e das “Ánimas”. Facendo un inciso, diremos que poden ser das “Ánimas do Purgatorio” ou ben, das “Ánimas de Bibos y de Difuntos”. Esta denominación aparece a 27 de Marzo de 1681, tardiamente á data deste escudo, no Libro da Irmandade e Confraría de Nosa Señora do Carmelo, da Igrexa Colexiata de Nosa Señora de Sta. María do Campo, cuxos estatutos foron redactados o 23 Marzo 1684 por D. Antonio Sánchez, presbítero, e polo Capitán D. Juan Antonio Sarmiento Rivadeneyra, fundadores desta Confraría de Nosa Señora do Monte Carmelo (Confrarías da Colexiata de Sta. María do Campo de Ribadeo, Arquivo Diocesano de Mondoñedo). Este apunte, de data tan posterior, fainos crer que este escudo brasonado pertence realmente a unha capelanía do antigo Convento de San Francisco (1214–1835), e non veu trasladado da antiga Igrexa Colexiata de Sta. María do Campo. Ademais, facer notar, que este escudo está empotrado na parede, e non colocado con fixas, como no caso dos escudos das Capelas da Virxe do Rosario e da Virxe das Dores, polo que da a entender que forma parte orixinal do templo.
Nesta Capela do Carme e das Ánimas, atópase a pedra armeira que presentamos (foto supra) cuxo escudo brasonado non se axusta ás normas heráldicas, pero que presume dunha preciosa e antiga pátina negra que o ennobrece no tempo, producida pola súa situación alta, sobre o fume das candeas e dos cirios, que o afumaron ó longo de catrocentos anos de existencia, e que o conservou en excelente estado para que as figuras do campo poidan ser interpretadas.
No contorno da cartela, entre as volutas do adorno exterior, está escrito: ¿HARO? – MALDO (flanco destro); NADOS – MIRAN (en xefe); DAS, CAS (flanco sinistro); TRI LLÓN (en punta). Estes son os nomes das familias as que pertencen os brasóns do escudo: HARO, MALDONADOS, MIRANDAS e CASTRILLÓN.
Na parte inferior hai unha laude (pedra cunha inscrición, infra) na que a duras penas se pode ler o que di, pois parte dela está encalichada, pintada e repintada coa mesma lechada de cal que se deu as paredes desde vello, o que produxo nalgunhas zonas unha carapela que cubre os caneiros do gravado das letras. Obsérvase que nas últimas remodelacións preservouse sen pintar, pero non se limpou, posiblemente previndo que por falta de man especializada que puidera facelo, prexudicar ou estragar a inscrición. Hoxe grazas a que a alta resolución das fotos é moi boa, con cámaras fotográficas profesionais, no laude podemos interpretar o seguinte: “ESTA CAPILLA LA FVNDARON PEDRO DE MIRANDA I FARTO DE CASTRILLON Y Dª MARIA CATALINA OSORIO PONCE DE LEON SV MVGER S…DA PONER ELLA UNA MISA CANTADA I SERMON I BISPERAS EL DÍA DE LA CONCEPCION DARASE VNA MISA CANTADA CADA SAVADO PERPETVAMENTE, AÑO 1604.
No arquivo da Chancillería de Valladolid, atópase un Xuro ou Dereito Perpetuo de Propiedade, que nos corrobora a lectura correcta dos apelidos de D.Pedro: “Juro a favor de Pedro de Miranda Farto de Castrillón. Primera mitad del siglo XVII. Código de identificación: ES.47161.AGS/2.13.2.3/CME,780,27.
Os descendentes de D. Pedro de Miranda i Farto, mantiveron o maiorazgo no Convento de San Francisco ata o ano 1835 en que se exclaustraron os monxes franciscanos e o templo pasou a ser, polo ano 1852, a Igrexa Parroquial de Ribadeo, coa mesma advocación a Santa María do Campo da antiga Igrexa Colexiata.
O campo do escudo esta cuartelado en cruz ou en catro cuarteis:
Primeiro cuartel: cinco lises en aspa (dúas, unha, dúas). Son armas dos MALDONADO ás que se refire a lenda do brasón (si tivera esmaltes serían: en campo de gules, cinco flores de lis de ouro en sotuer (dúas, unha, dúas). As armas dos MALDONADO son as dos ALDAO, ALDAN ou ALDANA que algúns tratadistas as remontan a un rei suevo de Galicia, Amarico, ou a Hilderico (rei entre 523–530). Sabemos que a partir do rei suevo Remismundo (rei entre 459–469), hai unha lagoa cronolóxica de case un século da Historia do Reino Suevo de Galicia, debido a intransixencia relixiosa de S. Isidoro de Sevilla, que non quixo poñer nas súas Crónicas os nomes do reis suevos, pois eran arrianos, e ó non ser católicos el non os considerou como tales. Hoxe coñecemos o seu nome e cronoloxía grazas a outras fontes históricas, como a numismática (Monedas acuñadas en Galicia, D. Jaime Paz Bernardo, 1ª edición 1991, páx.25).
As Armas dos ALDAO andan unidas as dos ARIAS, unha das familias máis antigas e nobres de Galicia. D. Pedro Arias de Aldao, señor da Casa de Aldán (con solar na península do Morrazo, Pontevedra) estaba casado con Dª Teresa Nuñez de Temes, camareira da Reina Dª Urraca (reina en 1109–1126). Seu fillo, D. Hernán (ou Nuño) Pérez de Aldao ou de Aldana foi quen cambiou o seu apelido Aldao por Maldonado, despois de vencer e matar a Guillerme de Normandía (“un forte home avarento”) en presenza do seu amigo o rei de Francia D. Felipe, quen ó verse obrigado a conceder o cabaleiro galego as Armas da Familia Real Francesa díxolle: “Maldonadas che sexan”, pois concedeullas de moi mala gana, o que deu orixe, a que o moi ousado e valente galego fixera á variación do apelido e das súas Armas, polas da real liñaxe gañadas en liza. As primitivas Armas dos ALDAO, eran: en campo de ouro, dous lobos de púrpura (Blasones y Linajes de Galicia, frei José Santiago Crespo del Pozo, Publicacións do Mosteiro de Poio, Tomo II, páx. 40-41). D. Nuño Pérez de Aldao-Maldonado, serviu ó rei Afonso VII de Gallaecia (rei de 1126–1157), fillo de Dª Urraca (1109-1126), e coroado rei en Santiago de Compostela polo grandísimo político, prelado e Arcebispo D. Diego Xelmirez no ano 1111, quizais, o último gran caudillo do Reino de Galicia. D. Nuño Pérez Aldao-Maldonado, casou con Dª. Aldara Fernández Turrichao ou Churruchao, que son os mesmos que na xenealoxía se atopan como os Suárez de Deza. Algo así como os Sotomayor eran chamados Chariños (ibidem, páx.362).
Un dato claro da laude, é que Dª Catalina Osorio é quinta filla, dos dez fillos que tivo D. Gaspar Maldonado Ponce de León, “El Viejo”, capitán e cabaleiro da Orde de Santiago, dono no ano 1576, do coto de S.Martiño da Fraga, da Casa de Roupar e da Casa de Maldonado (Pontedeume). Os Maldonado son os proxenitores dos Marqueses de Parga e de Camarasa (Arquivo de Medinaceli-Camarasa, sección I, cartafol 1º, nº13). D. Gaspar, estaba casado con Dª Marina Osorio, filla do licenciado D. Bernardino Rengifo de Santo Domingo e de Dª Catalina Osorio, quen, xa viúva, lle outorgou escritura de dote na Cidade de Mondoñedo o 24-Agosto-1567. D.Gaspar, gañou a executoria de fidalguía na Chancillería de Valladolid no ano 1597 (Blasones y Linajes de Galicia, José Santiago Crespo del Pozo, Volumen II, páx.46-47).
Na cartela do escudo a lenda de MALDONADOS está clara, e non ten dúbida a descrición antedita, pero estas mesmas Armas apuntan a que puideran ser Armas familiares dos OYA (en campo de azur, cinco lises de ouro colocadas en aspa ou sotuer) cuxo cambio de esmalte no campo puidera ser debido a unha forma de brisar as armas un fillo segundo (Heráldica y Derecho Nobiliario, Curso de Licencia, Hidalguía 1961, páx.133). Non é este o caso, pero queremos deixar esta pequena nota, pois as Armas primitivas dos OYA, aparecen no capela de San Antonio e San Xosé desta mesma Igrexa de Sta. María do Campo, que veremos nun próximo artigo.
Por outra banda, puideran tamén ser Armas familiares dos ALVARADO: en campo de ouro, cinco lises de azur en aspa; cuxas Armas primitivas eran: en campo de azur un castelo de ouro, surmontado dunha aguia de ouro. Estas Armas primitivas dos ALVARADO, parecen ser as que aparecen no quinto cuartel do “Escudo de armas da Rúa da Atalaia” (tamén en La Comarca del Eo 4-Febreiro-2017).
Segundo cuartel: as cinco doncelas dos MIRANDA (cuartel explicado en “Escudos de armas da Casa dos Miranda”, tamén en La Comarca del Eo, 3 de Decembro de 2016)
Terceiro cuartel: unha árbore sinistrada dunha torre ameada con homenaxe (con outra torre ameada encima) na que parece haber sumado un pavillón arborado ondeando cara sinistra, e o todo sobre unha terraza (un solo ou chan) e ondas de auga. Son Armas dos CASTRILLÓN, da familia de D. Pedro Miranda i Farto, como nos di a laude. Queremos facer notar, que a árbore dos CASTRILLON descrita nos nobiliarios é un loureiro de tronco recto, pero esta árbore que aquí vemos ten dúas ramas tronzadas moi grosas, polo que representa un loureiro moi vello, posiblemente das Armas Primitivas dos CASTRILLÓN, pois neste brasón, aparece o pavillón sumado ó homenaxe e faltan dous lobos pasantes en pau (dous lobos camiñando, un sobre do outro).
Cuarto cuartel: dous lobos ravisantes ou cebados (que traen unha presa na boca, un cordeiro pequeno) parados cara a destra e colocados en pau (colocados un sobre do outro). Son armas dos HARO, como parece dicir a lenda do flanco destro, pois case non podemos lela, e si o brasón tivera esmaltes, serían: en campo de prata dous lobos de sable pasantes, en pau, cebados dun cordeiro. Dubidamos, porque para que as armas dos HARO estiveran completas, deberían estar enmarcadas en bordura de gules, con oito aspas de ouro. O apelido HARO é vasco, cuxo membro destacado D. Diego López de Haro, foi VIII Señor de Vizcaya, de Haro, Álava, Najera, Buradón e Grañon (Dicionario Nobiliario, Fernando González-Doria).
Este cuarto brasón dos lobos, puideran (¿mal?) interpretarse como dous lobos pasantes lampasados (andando cara a destra e véndoselles a lingua, xeralmente de esmalte distinto o corpo). A lingua destes leóns, non parece tal, pois é moi grande, e parece verse ben, un animal pequeno entre as fauces de cada un dos lobos. Si en vez de ravisantes ou cebados, foran lampasados, serían Armas dos OSORIO: en campo de ouro dous lobos de gules, pasantes, colocados en pau (de cor vermella e colocados un sobre do outro) (ver “Escudos de armas da Casa dos Miranda, tamén en La Comarca del Eo, 03-Decembro-2016). Quizais, grosso modo, se non se contradixera á lenda da cartela, puidera dicirse que esta conformación, OSORIO, sería correcta, pois estaría xustificada polos apelidos do matrimonio, que nos describe a laude, entre D. Pedro Miranda i Farto e Dª Catalina Osorio Ponce de León.
Na Chancillería de Valladolid, hai executoria dun preito litigado por D. Diego de Toledo, como marido de Dª María Osorio Ponce de León, veciños de Toledo, con D. Juan Ponce de León, irmán da anterior, señor de Polvoranca (Madrid) sobre restitución de bens do vínculo e maiorazgo fundado por D. Antonio Ponce de León e Dª Ana Osorio, seus pais (Ano de 1598). ¿Quizais Dª Catalina (casada en Ribadeo con D.Pedro) sexa parente próxima de Dª María e de D. Juan Ponce de León, señor de Polvoranca, de Madrid?. Non sería tan raro, que así fora, pois veciños de Ribadeo en Madrid hai varios centos, dos actuais, e dos de fai centos anos. Dicíase, aló polos anos sesenta, que máis do cinco por cento do Corpo Diplomático Español era de Ribadeo, e… ¡polo que estamos vendo, quizais se quedara moi curta a apreciación!.
Como podemos ver, á Heráldica do Concello de Ribadeo, debemos dedicarlle un máis profundo estudo, pois salvo raras excepcións, Ribadeo mostra polas súas rúas, igrexas e capelas, os máis altos brasóns da Nobleza do Reino de Galicia. ¿Por que Ribadeo era, e debería de seguir sendo, tan atractivo nos séculos XV, XVI, XVII as familias fidalgas do Reino?.
Ten unha resposta obvia e moi sinxela de responder: Ribadeo era o Porto Natural Marítimo Comercial máis importante da cornixa Cantábrica, onde se movía moito diñeiro, tanto para o comercio da Ruta das Indias, como para servir de base de aprovisionamento e pertrechamento para as navegacións da Ruta de Flandres, pois a principios de 1627 había 14 barcos de Flandres distribuídos entre A Coruña, Ribadeo e Pasaxes (España, Flandes y el Mar del Norte, D. José Alcalá-Zamora y Queipo de Llano, páx.200). Hoxe en día, Ribadeo non está aproveitando a súa magnífica situación xeográfica, e Portos de Galicia está facendo portos artificiais ó seu redor, gastando centos de millóns de euros, e non entenden absolutamente nada para o Comercio Marítimo de Ribadeo, e dentro de un par de anos máis, os barcos que entren en Ribadeo van ter que entrar con rodas en vez de con hélices de propulsión.